Aberto o prazo para apuntarse ao plan de formación aberto impulsado por Orpagu e o Concello de A Guarda
● O plan referenda o compromiso da Organización de Palangreiros Guardeses coa súa localidade, promovendo a formación específica necesaria para xerar emprego estable e de calidade.
● Antonio Lomba, alcalde de A Guarda, valora moi positivamente esta iniciativa de Orpagu que ofrecerá oportunidades a quen poida acceder á formación
● Os participantes nestes cursos de formación gratuítos entrarán a formar parte dunha bolsa de traballo, da que se nutrirá a organización para os empregos que xere a súa planta de Tui.
Fotos: Mar Bermúdez
Mar Bermúdez / A Guarda
Fieis ao compromiso social adquirido coa súa localidade, a Organización de Palangreiros Guardeses impulsou sete cursos dentro dun plan de formación específico aberto a todas e todos os guardeses para o que contou coa colaboración económica do Concello de A Guarda. Precisamente, o concello guardés utilizará a Liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para financiar este proxecto coa cantidade de 6.000 euros, “para que a poboación guardesa teña unha opción real de acceso ao emprego”, sinalan desde a alcaldía.
Unha achega que desde a organización de palangreiros valoran de forma significativa á vez que destacan a inestimable colaboración do Concello con esta iniciativa. Unha cooperación que, en palabras do presidente da organización, Joaquín Cadilla Castro, “foi exemplar desde o primeiro día”.
Os cursos de “Almacenaxe en frío”, “Manipulador de alimentos e APPCC”, “Carretillero”, “Prevención de riscos en cámaras frigoríficas”, “Seguridade Alimentaria e alérgenos”, “Limpeza e Desinfección” e “Boas prácticas de manipulación” desenvolveranse entre as 9:00 e as 14:00 horas e terán lugar, en diferentes datas, entre o 30 de marzo e o 20 de xuño. Todos os cursos serán impartidos na sede da Organización de Palangreiros da Guarda (rúa Manuel Álvarez, 16 baixo), a excepción do curso de carretillero, que se impartirá en formato en liña a parte teórica e nas instalacións de Herrajes Martínez, a parte práctica.
As persoas que conclúan con éxito os cursos formarán parte da bolsa de traballo da que Orpagu nutrirase para conformar o persoal da planta frigorífica que está a construír en Tui. A planta estará plenamente operativa en 2022 e que creará ao redor de 30 postos de traballo. Os rexistrados nos cursos de formación que queden fora dos postos ofertados por Orpagu gozarán desa formación gratuíta, que lles permitirá acceder a empregos noutras empresas do sector, cuxa demanda de traballadores aumentou nos últimos anos.
Aínda que este plan formativo está aberto para todas as persoas interesadas, nos criterios de selección priorizarase o que sexan da Guarda, cumprindo desta forma cun dos preceptos do FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca) que apoia os proxectos que cren emprego e melloren a calidade de vida da poboación no litoral.
A inscrición nos cursos realizarase unicamente a través da páxina web de Orpagu, cuxo formulario de inscrición habilitarase nos próximos días.
A nova planta, infraestrutura necesaria para seguir crecendo
Cun investimento de seis millóns de euros, a planta e centro de I+D está situada no parque empresarial de Areas, cunha estratéxica situación polo seu acceso directo á A55 e á Vía Tui-A Guarda. A nave albergará un almacén frigorífico con capacidade para 3.000 toneladas de peixe e unha aula de experimentación para traballar en novos produtos e formatos coa intención de chegar ao maior número de consumidores posible.
Este proxecto da Organización de Palangreiros Guardeses coincidiu no tempo co seu 25 aniversario e dado o seu custo e obxectivos conta con financiamento europeo e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Táboa de cursos, datas e número de horas: