REMO
O porto de A Guarda acollerá a regata de bateis XXI Bandeira Concello de A Guarda – Memorial Antonino Torrón
O sábado día 19 de marzo, ás 16:00 horas
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Na tarde deste mércores 16 de marzo, na Casa dos Alonso, presentouse ante os medios de comunicación a regata de bateis XXI Bandeira Concello de A Guarda - Memorial Antonino Torrón, acto ao que asistiron Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda; Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Deportes; Fernando Rodríguez Freitas, representante da xunta directiva do Clube de Remo Robaleira e Jesús Manuel Pérez Martínez, representante de ORPAGU, patrocinador principal do Clube de Remo Robaleira.
A regata de bateis XXI Bandeira Concello de A Guarda - Memorial Antonino Torrón disputarase na xornada do sábado día 17 de marzo a partires das 16:00h no porto guardés. Trátase dunha regata encadrada na liguilla da zona sur de Galicia, e na que participan diversos equipos do Grove, Bueu, Cangas, Moaña, Vigo, Redondela e A Guarda.
Na proba, aberta para todas as categorías dende alevín ata senior, masculino e feminino; ademais de medallas para os tres primeiros de cada categoría, dispútase a bandeira, o premio máis relevante, á que se concursa por puntos, sendo o equipo con máis e mellores postos o gañador dese cobizado trofeo.
A concelleira de Deportes, Mª Montserrat Magallanes, valorou moi positivamente a celebración desta regata no porto da vila, un evento deportivo que congregará a máis de 350 deportistas en 70 tripulacións nas diferentes categorías de competición.
Antonio Lomba, alcalde de A Guarda, confirmou a súa asistencia á entrega de premios, que terá lugar a partires das 18:30h no paseo marítimo do porto pesqueiro da nosa localidade.
Dende o Concello de A Guarda e dende o Clube de Remo Robaleira, convídase a toda a cidadanía guardesa e visitantes a animar aos deportistas nesta xornada no porto de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario