O Rosal voltou a honrar a San Martiño
Rosaleiros e rosaleiras recuperan cada outono a tradición secular de subir en procesión ao santo ata a capela a ombros das catro persoas afortunadas que gañan un posto nun dos banzos da figura
Os romeiros levan a imaxe de San Martiño desde a igrexa parroquial ata á ermida e ao remate da romaría retórnana a seu emprazamento, ata o ano seguinte
Fotos: Luis Dorado Senra
Infogauda / O Rosal
O outono trae castañas e magostos aos municipios galegos e miñotos, e ao Rosal unha das celebracións con maior arragaimento da vila, o San Martiño. Unha romaría que se remonta cando menos a principios do século XVIII, data na que se constrúe a capela segundo revelan os seus muros e acabados. Unha tradición que non perdoa a súa cita anual, que se celebra sempre o primeiro domingo que luce o sol tras o 11 de novembro. “Dá igual cando sexa, pero os veciños e veciñas sacan a figura e desfrutan da romaría. Algún ano de moi mal tempo incluso tense celebrado no mes de xaneiro”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Este ano, despois de case catro semanas de longa espera, este pasado domingo día 4 de decembro, as e os devotos de San Martiño volveron ver saír ao coñecido como sanador das verrugas, ao que dende tempos inmemoriables a veciñanza lle levaba todo tipo de produtos de alimentación e tellas coas que repoñer o tellado da capela.
Tradicionalmente póxase no San Martiño. Cada ano, antes da saída da romaría e a metade de traxecto, póxanse polos catro banzos que ten o San Martiño para elixir ás catro persoas encargadas de levar ao santo no percorrido ata a capela. Ademais, como manda a tradición, a veciñanza doa produtos que se poxan tras a misa, un costume que se remonta a fai moitos anos e que incluso facía que durante unha época os cazadores no mesmo día da romaría ofrecían as súas capturas a San Martiño para a poxa.
Unha procesión dende a igrexa situada na Praza do Calvario ata a capela do santo que discorre por espectaculares tramos dos muíños do Folón e do Picón animada por música, tradición e devoción a partes iguais.
Como conta a xente con máis memoria do Rosal, ata o ano 1920 eran os curas do Rosal que vivían na zona da Cumieira os que se encargaban de que cada 11 de novembro de organizar a romaría e subir o santo en procesión ata a capela. Xa na década dos 20 do século pasado, a chave pasaría a mans da familia da Torre, a Serafín Martínez Álvarez, que se encargaba de servir a San Martiño con tal de librarse de ir cumprir o servizo militar. Cada ano o seu cargo era ter limpa a capela e mantela en bo estado, así como de organizar cada ano a romaría, unha encomenda que dende entón foi pasando de xeración en xeración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario