4 de dec. de 2022

A GUARDA

GENARO ALONSO MARTÍNEZ CONVÍDANOS A VISITAR SEU BELÉN

 Pódese contemplar - en horario de atención ao público - na planta baixa do Concello de A Guarda


Genaro Alonso Martínez no seu fogar, a carón de algunhas das figuras do belén que montou na planta baixa do Concello de A Guarda
Foto: Elena Alonso Trigo


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 O artista Genaro Alonso Martínez (O Rosal, 1960), veciño do Coruto (Salcidos), A Guarda, onde ten seu fogar familiar, é unha persoa traballadora que ademáis posúe un destacado maxín creativo. Teno demostrado - por certo, sen ningún indicio de presunción -  en diversas oportunidades, tanto en mostras de artesanía, como en exposicións artísticas, xa sexa de xeito individual, como cos membros do colectivo Somosarte, realizadas por diversas localidades da nosa provincia. Dese xeito, en máis dunha ocasión puidemos achegarnos as súas obras e comprobar como partindo de materiais que en moitos casos xa cumpliron á función para os cales foron manufacturados no seu día, Genaro Alonso, acólleos e reutilízaos do mellor xeito, dándolles unhas novas utilidades. E faino cunha creatividade e cunha técnica, dignas de todo eloxio polo bo gusto que amosa en cada unha das obras que realiza. Se ademáis, temos en conta que os devanditos materiais poden ser cadeas de bicicleta, culleres, embobinados, engrenaxes, garfos, parafusos, palieres, piñóns, porcas,..., fabricados en materiais como o aceiro, de características e tipos heteroxéneos,..., daquela a afección de Genaro xa conleva determinadas complexidades técnicas, sobor de todo no que respecta a seu mecanizado e soldado. Todo iso semella non ter complicación para este artista, polo menos de xeito aparente, pois as súas creacións preséntaas de xeito impecable. Outra cousa é, o proceso previo que tivo que afrontar para chegar a lograr ese dominio dos materiais, que por certo, el non dubida en explicar a quen teña curiosidade para sabelo. Tal é súa bonhomía, que non pon ningún reparo en informar como chegou ao fermoso resultado final.

 Ten mérito, moito mérito, todo o que Genaro Alonso vén facendo no seu tempo de lecer. E teno ademáis, porque súas obras - ademáis de levar de xeito implícito as tres R (reducir, reciclar e reutilizar) - son cada vez máis apreciadas. Un exemplo do que decimos é o belén que neste Nadal podemos visitar no planta baixa do Concello de A Guarda.

 O belén que presenta Genaro Alonso, reflicte en síntese o relato das diferentes esceas relacionadas co nacemento de Xesús (portal, adoración dos reis Magos,...), desde unha inspiración artística xenuinamente autóctona galega, onde están representados varios oficios tradicionais (arrieiros, carpinteiros, ferreiros, labregos, pastores,…); e ten - ademáis do peso específico que achega cada un dos materiais, entre eles o chumbo -, a beleza da arte feita con elementos de refugallo. Todo iso, combinado coa personalidade do autor - que acertadamente se autodenomina escultor de reciclaxe - ofrecendo como resultado final un belén do máis requintado que calquera que non coñeza á obra e a traxectoria deste creador, puidera imaxinar.

 Con certeza que san Francisco de Asís, impulsor da tradición belenista, quedaría gratamente marabillado polo nacemento - verdadeira obra de arte - que Genaro Alonso Martínez deseñou, realizou e agora preséntanos como unha agarimosa e artística nadaliña, para que á veciñanza de A Guarda e súa contorna, poidamos gozar nestas datas coa súa contemplación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario