22 de nov. de 2022

VIGO / PONTEVEDRA

Arredor do 80% do persoal do comercio do metal da provincia de Pontevedra secunda a folga por un convenio digno 

O paro de 24 horas convocado pola CIG, CCOO e UGT afectou ás principais empresas de distribución, recambios e concesionarios  


Concentración pola mañá diante da sede da patronal ATRA, na rúa do Príncipe
Foto: CIG

Vigo / Pontevedra

 As centrais convocantes da xornada de folga que ten lugar hoxe no comercio do metal da provincia de Pontevedra para reclamar un convenio colectivo digno cuantificaron nun 80% o seguimento por parte do persoal do sector, o que provocou o peche das principais empresas de distribución, recambios e concesionarios. Coincidindo co paro, grupos de traballadores/as mobilizáronse en Vigo e Pontevedra e percorreron as rúas e as instalacións de numerosas compañías organizados/as en piquetes informativos. 

 No caso de Vigo, ademais, desenvolveron unha concentración pola mañá diante da sede da patronal ATRA, na rúa do Príncipe, para a continuación marchar en manifestación cara ao farol de Urzaiz e regresar posteriormente até a Praza do Rei. Despois trasladáronse á Avenida de Madrid, onde se atopan boa parte dos concesionarios e das empresas máis importantes do sector. Algunhas delas traballaban, pero pararon ao paso dos piquetes, como Recambios Ochoa ou Torres y Sáez. Outras como Digamel e Comercial Bastos estiveron sen apenas actividade en toda a provincia, ao igual que Recalvi, que pechou en Pontevedra, mentres que en Vigo o 60% do cadro de persoal secundou a folga. 

 Xa pola tarde tiveron lugar novas mobilizacións nas dúas cidades, unha manifestación en Vigo dende Vía Norte até Urzaiz ás 19:30 horas, e outra en Pontevedra que arrincou da praza da Peregrina á mesma hora e rematou no mesmo lugar tras percorrer as principais rúas do centro da cidade.  

 A CIG, CCOO e UGT pretenden forzar a patronal a retomar as conversas para renovar o convenio, caducado dende 2020, unha vez que ATRA rompeu as negociacións ao retirar da mesa as últimas propostas que presentara. Diante disto, as centrais remitíronlles escritos a todas as empresas nas que teñen representación explicándolles o que está a acontecer como consecuencia da actitude desta asociación empresarial. “Estas compañías deberan estar representadas na mesa, porque ATRA lles está a ocultar información sobre a realidade da negociación”, sinala a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández. 

 Ademais, os sindicatos reiteran a súa intención de intensificar as protestas  se a patronal continúa coa súa actitude inmobilista e insiste en achegar propostas que a CIG cualifica de “miserentas”. De feito, na última o empresariado ofertaba un 0% de aumento de soldo para os anos 2020 e 2021, mentres que para 2022 ofrecía un 6,5% (dende xaneiro e sen revisión salarial) e un 4% para 2023 a 4%, sen revisión salarial. 

Suba salarial e redución de xornada 

 En canto á redución de xornada demandada pola parte social, a patronal contemplaba unicamente 8 horas anuais ou cambialas por un día de libre disposición. “O que nós pedimos é que a revisión salarial con carácter retroactivo e que a redución de xornada sexa de canto menos 8 horas en cada un dos dous últimos anos de vixencia do convenio”, explica Fernández. 

 O convenio do comercio do metal abrangue actividades como venta de electrodomésticos, ferretería e material de oficina; recambios e accesorios de vehículos; almacenistas-maioristas de material eléctrico; maquinaria en xeral; xoiaría, prataría, reloxaría; concesionarios e establecementos de venta de neumáticos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario