5 de out. de 2022

A GUARDA

A corporación municipal do concello de A Guarda aprobou por unanimidade, a expropiación que permitirá a apertura da Congostra  

• Que e comunicará de xeito peonil, a rúa Baixo Muro coa Ireira  

Despois de anos de xestións o alcalde, Antonio Lomba, mostra a súa satisfacción por estar tan cerca de cumprir este importante obxectivo


A urbanización da Congostra - na imaxe - permitirá conectar de xeito peonil as rúas Baixo Muro e A Ireira
Fotos. C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 Despois de anos de procedementos e xestións por parte do alcalde Antonio Lomba Baz, o pasado venres día 30 de setembro, a corporación municipal do concello de A Guarda aprobou por unanimidade,  a proposta da alcaldía de expropiar e solicitar a urxente ocupación da propiedade privada que se atopa na Congostra, entre a rúas Baixo Muro e A Ireira. 

 O obxectivo desta expropiación é que o concello adquira os terreos afectados pola Modificación Puntual número 5 do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), aprobada definitivamente en maio de 2021, para executar a obra de “urbanización da prolongación da rúa Baixo Muro e a súa conexión coa rúa Ireira”. 

 A apertura da rúa xa conta con financiamento a través do Plan Concellos 2022-23 da Deputación de Pontevedra, e conta tamén con informe favorable de Patrimonio. Para poder empezar as obras unicamente será necesario que o Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobe a declaración de urxente ocupación que se solicita dende o concello de A Guarda. 

 A superficie do terreo a expropiar é de 131,7 m2 e non afecta á vivenda con fachada á rúa Ireira. Abrangue unha pequena finca, o patio do inmoble e as edificacións auxiliares adicadas a almacéns. A propiedade é nun 66%  privada e nun 33% da Xunta de Galicia. A Xunta fíxose con parte da propiedade ao culminar un procedemento de ab intestato (sen testamento) promovido polo alcalde en 2016, “coa intención de poder negociar o seu traspaso ou compra polo concello, negociación da que a Xunta de Galicia nunca quixo saber”, segundo afirman desde o goberno municipal de A Guarda.


Cando se execute a urbanización proxectada, A Cangostra comunicará as rúas Baixo Muro e A Ireira

 Coa conexión da rúa Baixo Muro e a Ireira - mediante a apertura da Congostra (cega, é decir sen saída deica o leste, desde fai moitas décadas), que úne ambas as dúas rúas -, conséguense en palabras do alcalde varios obxectivos: “Damos cumprimento a dúas sentencias firmes que datan dos anos 2014 e 2015 relacionadas coa accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas; melloramos a asistencia dos veciños da rúa Baixo Muro en casos de urxencia; melloramos a prestación de servizos básicos como por exemplo, limpeza pública e recollida de lixo; convertemos en accesible o itinerario a un dos elementos patrimoniais máis importantes da localidade como é a muralla medieval; e abrimos un novo acceso máis cómodo e rápido á zona comercial para todos os veciños dos barrios do Muro, As Laxes e a súa contorna”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario