A GUARDA E A PÓVOA DE VARZIM, UNIDAS EN IRMANDADE DA CULTURA MARÍTIMA
Hoxe foi asinado na vila guardesa o acordo oficial de irmandamento entre as dúas cidades atlánticas, vencelladas desde tempos antigos
Ricardo Rodríguez Vicente (redacción) e Santiago Baz Lomba (reportaxe fotográfica) / A Guarda
Se hai un día que con certeza, vai quedar na memoria de moitos guardeses - e por suposto na deste cronista -, como unha data feliz, que compensa haber tido que agardar décadas e décadas, ata hoxe; esta vai ser, sen lugar á dubidas, a deste 24 de setembro de 2022. A razón da nosa persoal satisfacción, que coidamos compartida por outras moitas persoas, reside no acordo unánime, adoitado pola corporación municipal guardesa, de aprobar a proposta de irmandamento do concello de A Guarda coa cidade da Póvoa de Varzim.
O desexo dese irmandamento estaba latente, como antes dixemos, desde fai bastantes anos. Xa no seu día Óscar Fangueiro - natural do Porto, estudoso e investigador nas áreas de Historia, da Xenealogia, da Antroponimia, da Etnografia, da Pesca e da Arqueoloxía - habíao proposto, como tamén o fixera - e o reiterara en varias oportunidades - noso entrañable amigo - natural de Goián (Tomiño), o escritor, etnógrafo e xornalista Eliseo Alonso Rodríguez.
Os vencellos entre as comunidades pescadoras da Póvoa de Varzim e de A Guarda, proveñen desde tempos moi antigos, como está acreditado e documentado histórica e socialmente. Máis, con todo, estaba pendente que a nivel oficial se levase a bó termo o correspondente acordo de irmandamento.
Foi - en boa hora - a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, quen por medio do seu secretario Celso Rodríguez Fariñas, presentou no rexistro municipal do concello de A Guarda, a correspondente proposta. A partires de aí, desde a institución municipal comezouse por parte do executivo local a dar os pasos correspondentes facendo partícipes desa proposta a seus homólogos da Póvoa de Varzim. A acollida e a receptividade, quedaron de manifesto de parte a parte, quedando perfectamente clara á sintonía entre ambos os dous executivos, e ao mesmo tempo a disposición e á vontade para levar a bó termo o solicitado pola devandita asociación guardesa, da que todo o pobo está identificado coa súa dinámica de traballo e súa brillante traxectoria.
Como queira que a primeira parte do acordo de irmanamento xa tivo lugar na Póvoa de Varzim, con ocasión das festas de san Pedro, quedaba pendente o acto a realizar no concello de A Guarda. A data escollida non foi casual, toda vez que á devoción a santa Trega é un dos puntos de coincidencia entre á comunidade poveira e a guardesa. Por iso, ao igual que xa acontecera noutras edicións precedentes, nas que unha representación da Póvoa de Varzim participara activamente na celebración da festividade que ten lugar cada 23 de setembro - agás nos anos 2020 e 2021, por causa da pandemia da cal logramos sobrevivir -; neste 2022, como xa informanos, voltamos a recibir a unha representación municipal e tamén da comunidade pescadora da cidade poveira.
E como colofón ao camiño andado ata eiquí, na mañá deste sábado día 24 de setembro, a Casa do Concello de A Guarda acolleu a sesión plenaria extraordinara, na que como antes indicamos, foi aprobada por unanimidade a proposta de irmandamento entre A Guarda e a Póvoa de Varzim.
A sesión comezou ás 12:00 horas, no salón de plenos, onde ademáis da corporación municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, estaban na parte destinada ao público, a representación da Câmara Municipal da Póvoa de Varzim, encabezada polo presidente Aires Henrique do Couto Pereira; que contou coa asistencia do vice-presidente Luís Diamantino Carvalho Batista; así como vereadoras/es que forman parte do executivo poveiro.
Tamén estiveron os tripulantes da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus", así como membros da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro.
Asemade asistiron persoas procedentes da Póvoa de Varzim, e unha representación da veciñanza de A Guarda, vencellada a entidades culturais e sociais da nosa vila.
O pleno extraordinario, que contou coa asistencia da secretaria do concello, comezou cunha primeira actuación do dúo Pärbo, formado por Begoña Riobó (Violín, voz e arpa céltica) & Anxo Pintos (Zanfona e 2º violín).
Finalizada a interpretación musical, comezou a sesión plenaria, onde o alcalde Antonio Lomba salientou en primeiro lugar, que hoxe é un día importante para os pobos de A Guarda e a Póvoa de Varzim.
A continuación deu lectura informou dos orixes da proposta presentada por Piueiro, e anunciou que antes de pasar a votación, intervirían os portavoces de cada grupo municipal. Tamén dixo que tralas intervencións, sería votada a proposta, que consideraba que ía ser aprobada por unanimidade.
Nas súas respectivas intervencións, Celso Rodríguez Fariñas, do grupo municipal de Converxencia Galega; Anxo Lois Baz Vicente, do grupo municipal do BNG, Roberto José Álvarez Carrero, do grupo municipal do PP e Mª Montserrat Magallanes Álvarez, do grupo municipal do PSdeG-PSOE, expuxeron as moitas razóns para aprobar o irmandamento de A Guarda con Póvoa de Varzim.
Aplicando unhas das regras básicas (as tres CCC: Claro, conciso e concreto) do xornalismo, a para non extendernos máis do necesario, temos que decir que todos os portavoces fixeron unhas fermosas intervencións, e mesmo nalgúns casos, houbo unha coicidencia en salientar que Óscar Fangueiro, Eliseo Alonso e Manuel Lopes (que foi director da Biblioteca Municipal Rocha Peixoto e impulsor da recuperación da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus"), sempre apoiaron o irmandamento da cidade poveira co concello guardés.
En relación co patrimonio etnográfico, e concretamente coas marcas dos pescadores, tamén se mencionou o labor realizado por investigadores guardeses como Antón Ferreira Lorenzo, Ricardo Rodríguez Vicente e Agustín Ferreira Lorenzo.
Finalmente, o alcalde someteu á votación a proposta de irmandamento, votando todos os concelleiros/as a man alzada, a favor da devandita proposta, de xeito que foi aprobada por unanimidade. O devandito acordo foi correspondido polos aplausos de todos os corporativos e público presente na sala de plenos.
Sendo ás 12:41 minutos levantouse a sesión.
A continuación o alcalde de A Guarda dixo que seguidamente viña o acto de sinatura do acordo, que foi efectuado en sendos documentos, que rubricaron o presidente da Càmara Municipal da Póvoa de Varzim e o alcalde do concello de A Guarda, respectivamente.
Seguidamente, houbo unha intervención de Aires Henrique do Couto Pereira, presidente da Câmara Municipal da Póvoa de Varzim, que lembrou que con 10 anos de idade, viu con seu pai nun automóbil a recoller o mestre Caxineiro, que estaba nun estaleiro de A Guarda e non podía retornar á Póvoa debido ao mal estado do mar.
Falou tamén da dureza do traballo dos pescadores e relembrou que a primeira singradura da "Fé em Deus" foi ao porto de A Guarda, vindo xunto coa tripulación o inesquecible Manuel Lopes, que onde queira que esté estará orgulloso deste acordo de irmandamento.
Referiuse tamén as orixes das comunidades poveira e guardesa, que con certeza son idénticas, remarcando que a partires de agora temos que sermos capaces de continuar facendo actividades conxuntamente para que isto non se perda. E puxo como proposta que á mocidade guardesa vaia a Póvoa de Varzim e a poveira veña ata A Guarda, pois hai vencellos culturais, deportivos,..., que deben ser un desafío a levar adiante. "Temos - dixo - moito traballo por realizar, en moitos ámetos (sustentabilidade, protección do medio ambiente, turismo,...). Podemos facer moito ambos os dous pobos para mellorar o futuro (...)".
Rematou afirmando: "(...) Os responsables políticos somos os que temos que movernos (...)".
Logo fixo uso da palabra José Benito Rodríguez González vice-presidente da Asociación Piueiro, facendo unha evocación nostálxica da Ribeira guardesa, cando A Guarda contaba cunha importante frota de volanteiros.
Na súa intervención, Tito Chirro falou da implicación das Comunidades de Montes en Man Común existentes no noso concello, que xunto coas colaboracións de varias entidades e empresas, fixeron posible a recuperación do volanteiro.
Botando novamente unha ollada ao pasado século XX, evocou ás figuras de Eliseo Alonso e de Valentín Paz Andrade, afirmando que estarían encantados deste irmandamento.
As siglas poveiras da vella porta da ermida de Santa Trega, o labor de persoas como Celso Rodríguez Fariñas, e o do persoal do Museo Municipal de Etnografía e Historia da Póvoa de Varzim, foron tamén evocados por Tito Chirro, que finalmente deulles as grazas aos representantes municipais guardeses e poveiros, afirmando que todo isto nos obrigará a navegar xuntos.
A continuación fixo uso da palabra Antonio Baz Lomba, tendo unhas verbas para Joaquín Cadilla Castro, presidente de Piueiro, que por motivos de traballo non puido estar presente nesta xornada.
O alcalde dirixiu uns saúdos aos representantes da Câmara Municipal da Póvoa de Varzim, así como aos tripulantes da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus", así como aos ex alcaldes de A Guarda, Raúl González Puebla e José Manuel Domínguez Freitas, presentes no acto, e por suposto aos membros da Asociación Piueiro.
O alcalde guardés mencionou os diferentes vencellos que desde tempos inmemoriais existen entre poveiros e guardeses.
Tamén referiu que Eliseo Alonso, ao que consideramos fillo de A Guarda, como así se acordou vai facer un ano, foi unha persoa que contribuiu a este irmandamento.
Finalmente, Antonio Lomba dixo que a imaxe da Lancha Poveira do Alto e o volanteiro Piueiro, fondeados no porto de A Guarda paga a pena.
Momento no que o alcalde de A Guarda recibiu do presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim o agasallo representando a Lancha Poveira do Alto
Cun intercambio de agasallos - a panorámica das vivendas de pescadores na Robaleira, feita en cerámica esmaltada en vivas cores, nos obradoiros da Asociación Avelaiña e unha representación da Lancha Poveira do Alto - que efectuaron o alcalde Antonio Lomba Baz e seu hómologo Aires Henrique do Couto Pereira, daría paso a unha nova actuación do dúo Pärbo, na que Anxo Pintos e Begoña Riobó interpretaron varios temas musicais entre eles "Fisterra", inspirados na paisaxe a unha e outra beira do Miño, e ao mesmo tempo baseados na tradición musical galega, ou na portuguesa de Terras de Miranda.
Un canto de berce, un tema do compositor galego Florencio Acebo dos Vilares, e unha xota, entre outras composicións, maxistralmente interpretadas por Anxo Pintos e Begoña Riobó, motivaron que todas as autoridades e público presente no salón de plenos, posto en pé, rubricase con cálidos aplausos unha magnífica actuación.
Despois viría unha sesión fotográfica coa participación dos representantes municipais da Póvoa de Varzim e de A Guarda, e a continuación cos tripulantes da "Fé em Deus" e do "Piueiro", dando por rematado o acto arredor as 13:40 horas.
Un xantar de confraternidade nun restaurante do porto de A Guarda, daría continuidade a unha xornada que xa forma parte da historia común entre a cidade poveira e a vila guardesa.
A delegación municipal poveira, retornou para á Póvoa por estrada, na tarde de hoxe, e nas primeiras horas da mañá deste domingo día 25 de setembro farano por mar os tripulantes da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus".
Este foi, un día grande para A Guarda e para a Póvoa de Varzim.
Ningún comentario:
Publicar un comentario