2 de xul. de 2022

TOMIÑO

Tomiño aposta por un verán de música e arte  

A axenda cultural reúne máis de 30 espectáculos musicais repartidos entre a Praza do Seixo, a Praza do Pintor Antonio Fernández de Goián, a da Mina e as igrexas románicas de diferentes parroquias 


Un momento do concerto na igrexa san Salvador de Tebra, o venres día. 1 de xullo de 2022
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Tomiño organiza unha axenda cultural de verán na que se inclúen máis de 30 espectáculos repartidos en varios ciclos diferentes. 

 O primeiro deles é “Os sons das Prazas”, que este ano se pronuncia en plural, xa que se irán  alternando os concertos entre a Praza do Seixo e a de Goián (2º núcleo urbano do municipio por número de habitantes). Tamén a tomiñesa Praza da Mina, situada a uns 150 metros da do Seixo, albergará este verán varias citas musicais adicadas a público infantil e xuvenil. 

 Abríu este ciclo de concertos, onte á noite, Xabier Díaz que actuou acompañado polas  Adufeiras de Salitre, facendo as delicias do público coas súas cancións tradicionais acompañadas por percusión de man.

 As vindeiras citas chegarán da man de grupos ou intérpretes como “Amorodo”, rapeiro e poeta (16 de xullo. Praza de Goián); Babieca (23 de xullo, praza do Seixo); Pauliña (30 de xullo. Praza de Goián); Fixe Trío (6 de agosto. Praza do Seixo); Fanfarra Káustika (13 de agosto. Praza de Goián); Lembrando a Nino Bravo, con voz de Serafín Zubiri (19 de agosto. Praza de Goián); Oîma (20 de agosto. Praza do Seixo) e Cavalheiro (27 de agosto. Praza de Goián). 

 Por outra banda e por 1ª vez, a Concellería de Cultura, organiza o ciclo “Música e Románico” co fin de por en valor o patrimonio histórico-artístico que representan as 4 igrexas románicas situadas en diferentes parroquias. Catro concertos de música antiga, lírica galego-portuguesa e cantigas medievais porán o complemento musical a cortas charlas explicativas, a cargo de expertos en Historia da Arte.

 O primeiro dos concertos (La Montagne & Picoamperio) celebrouse o pasado venres na Igrexa de San Salvador de Tebra, coa asistencia de máis de 60 persoas. As vindeiras citas terán lugar os días 15, 22 e 29 de xullo, con Esperanza Mara(Igrexa de Barrantes), Parbö (Igrexa Santa Mª de Tomiño), e Treides Comigo! (Igrexa de Santa Mª de Tebra), respectivamente. 

 “Un Verán de Bandas” é outro dos ciclos preparados polo Concello. Despois de dous anos de pandemia, o público poderá volver a desfrutar de encontros e concertos de bandas ao longo de xullo e agosto. O primeiro deles ten lugar este domingo ás 12 do mediodía na praza Pintor Antonio Fernández de Goián, a cargo da Banda Unión Musical de Meaño. O ciclo continuará os días 24 e 29 de xullo e 7 e 21 de agosto, coas bandas de Santa Mª de Bouro, Goián, Rianxo e Valga, respectivamente. O XXV Encontro de Bandas de Música en Goián, será no Espazo Fortaleza, ás 21 horas. 

 Por último, a xa tradicional actividade estival “Rutas das Artes e Oficios” celebrará a súa primeira actividade o xoves 7 de xullo ás 20.30 horas, cunha visita guiada por “Viveiros Casaíta”, continuando os días 21 de xullo (Muiños do Porto); 4 de agosto (Obradoiro do ceramista Leandro Alonso) e 18 de agosto (Fundición ArteBronce). 

 Ademais, haberá cine na rúa, teatro, monicreques, circo e maxia; obradoiros lúdicos-culturais e festivais de baile tradicional galego, entre outros eventos. 

 A esta oferta hai que sumar as actuacións previstas en setembro dentro do programa cultural das Festas do Alivio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario