21 de xuño de 2022

PONTEVEDRA

TIRO DE SAÍDA AO PROGRAMA DA DEPUTACIÓN “MÚSICA NO AR” QUE ESTE VERÁN VOLVERÁ A PERCORRER A PROVINCIA 

Carmela Silva: “É un programa moi potente que chegará a todas as comarcas cun proxecto de música clásica adaptada ao século XXI, en espazos dun patrimonio espectacular que temos que poñer en valor” 


Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra na presentación do programa “Música no Ar”
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra ven de dar o tiro de saída ao programa de música clásica en espazos patrimoniais da provincia “Música no Ar”, que arrancará o vindeiro martes, 28 de xuño, ás 22.00 horas no Castelo de Soutomaior co proxecto “Retrato musical”, a cargo da Orquestra Clásica de Vigo e Cintaadhesiva. O “potente” programa, que este ano celebra a súa terceira edición, “chegará –tal e como explicou a presidenta Carmela Silva- a todas as comarcas da provincia cun proxecto de música clásica adaptada ao século XXI en espazos dun patrimonio espectacular que temos que poñer en valor”. Así, a música de cámara soará en pazos, castelos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos entre xuño e finais de setembro. En todos eles a entrada será libre ata completar aforo salvo nos castelos de Soutomaior e Sobroso, para os que cómpre formular a inscrición a través de participa.cultura@depo.es.

 O proxecto “Retrato musical”, co que abre “Música no Ar” no Castelo de Soutomaior, trátase dunha innovadora e interdisciplinaria proposta da Orquestra Clásica de Vigo e Cintaadhesiva que combina música clásica, poesía e audiovisual. Así, no castelo soará, tal e como adiantou a presidenta, música de Mozart con textos poéticos de Silvia Penas e unha proposta visual de Jesús Andres Tejada con imaxes da pioneira do cine Alice Guy.

 Tralo paso polo Castelo de Soutomaior o programa recalará o 1 de xullo no Pazo da Crega de Barro onde actuará Nox Trío, integrado pola violinista Olga Alexandrowskaya, a pianista Natalia Méndez e a violonchelista Xusa Hervás, que interpretarán un repertorio de mulleres compositoras do Barroco e Romanticismo. O día 2 de xullo ás 21.00 horas na Praza da Igrexa de Vila de Cruces será a quenda do Quintento de metais  e o 17 de xullo ás 20.00 horas na Casa reitoral de Santa Mariña de Covelo actuará o cuarteto de saxofóns Dextrum Ensemble. O domingo 24 de xullo ás 21.00 horas no Pazo de Pías de Nigrán soará a voz da soprano Begoña Salgueiro e a música de piano de Andrea García e o 30 de xullo ás 21.30 horas no Pazo de Mos actuarán a soprano lírica Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo que interpretarán baladas e zarzuelas galegas.

 Xa en agosto o mércores 3 ás 20.30 horas a Capela de San Bartolomeu  de Moaña acollerá a Airas Ensemble. O domingo 14 de agosto ás 21.00 horas no Mosteiro da Armenteira de Meis actuará Concerto das Donas, o grupo instrumental de cámara especializado na recuperación e interpretación de obras de mulleres compositoras, e o xoves 25 de agosto ás 19.00 horas no exterior da Igrexa da Guarda a soprano Mila UT coa música de piano de Ana Belén Rodríguez.

 “Música no Ar” rematará no mes de setembro con catro concertos. O primeiro deles o 8 de setembro ás 19.00 horas no Castelo de Sobroso co Cuarteto de Corda da OV430 xunto ao clarinete de Melissa David. O venres 9 de setembro ás 19.00 horas no Xardín da Casa das Navegacións de Baiona actuará o Trío Bórea, grupo de cámara fundado para explorar o progreso de novos modelos de interacción co público e desenvolver experiencias a través dos medios dixitais aplicados á música clásica. O sábado 17 de setembro ás 19.00 horas no Mosteiro de Oia soará a voz da soprano Teresa Novoa co acompañamento ao piano de Carlos E. Pérez. O programa rematará o 25 de setembro ás 19.00 horas na Igrexa de Reboreda de Redondela coa pianista Andrea González e Clara Panas, cun espectáculo interactivo, con proxeccións audiovisuais e narracións, e a alegre e colorida estética da deseñadora Ágatha Ruiz de la Prada, que dará a coñecer a fascinante historia de Rosendo Salvado.

 O programa “Música no Ar” naceu co obxectivo de garantir o acceso igualitario á cultura para todas as persoas, ademais de poñer en valor espazos de memoria, arte e identidade, achegando a música clásica a todo o territorio. Cuartetos, tríos e dúos de música de cámara con repertorios que van dende o clásico ao contemporáneo levan xa dous anos deleitando ao público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario