16 de maio de 2022

O ROSAL

O ROSAL ACOLLE A REAPERTURA DE ‘TAMUXE’, A SÚA PRIMEIRA LIBRERÍA

 

  Xoán e Juan Ramón diante do logo actual de Tamuxe

 

Juan Ramón Martínez / O Rosal

 A vila de O Rosal (Pontevedra) acollerá durante este martes 17 de maio, “Día das Letras Galegas”, a inauguración e reapertura de ‘Librería Tamuxe’, a primeira librería da súa historia.

 Fundada en 1977 polo veterano investigador local Xoán Martínez Tamuxe [1], autor de ducias de libros e a súa dona, Erundina Barbosa, colle o relevo este 2022 un dos seus fillos, o escritor e xestor cultural Juan Ramón Tamuxe [2]. 

 Aquela pequena librería-papelería do século XX convértese agora nunha sinxela pero moderna librería-editorial, conservando iso si, “a súa máis pura esencia histórica e cultural”. Non en van, o seu novo logotipo está baseado e inspirado no orixinal debuxado, hai máis de 40 anos -segundo di a lenda- “a man alzada”, polo lembrado pintor rosaleiro Florindo Álvarez, “Floro de Pancenteo”.


Logotipo obra de Daniel Alonso e Gemma Marqués (2022)

 

 Os artistas creadores do novo emblema, Daniel Alonso e Gemma Marqués, de La Casa Taller, de A Guarda, recoñecen que “enfrentar uno con tanta identidad como el de Tamuxe, es como planear la reforma de un edificio histórico, debes consolidar la estructura pero alterándola lo menos posible”.

 ‘Librería & Editorial Tamuxe’ quere ser un lugar de encontro para todos aqueles amantes da cultura local baixomiñota, onde se poderá disfrutar de libros, estudos e fotografías antigas únicas, ademais de obxectos moi especiais, pois o establecemento rosaleiro vén de confirmar o seu convenio coa ‘Fábrica de Nikis’, unha empresa galega que “a través de soportes como a camiseta e artigos de regalo, trata de reivindicar a nosa propia identidade, dende unha perspectiva contemporánea, enfrentando os iconos actuais e imaxinería popular da que tan orgullosos estamos”. 

 ‘Tamuxe’ reabrirá as súas portas ao público nas inmediacións da céntrica Praza do Calvario, no emprazamento de sempre (rúa Jesús Noya, 1) con horario de 10:00 a 14:00 h e de 16:30 a 20:30 h. 


Primeiro logotipo obra de Florindo Álvarez (1977)

 

[1] Xoán Martínez Tamuxe (seudónimo de Juan Bautista Martínez González) nace en O Rosal o 29 de novembro de 1930. Historiador, escritor e investigador dende hai máis de 60 anos é un dos grandes especialistas da historia local do Baixo Miño, Val Miñor e O Condado. Correspondente e colaborador dos xornais El Pueblo Gallego, La Hoja del Lunes, La Voz de Galicia, Faro de Vigo ou A Peneira

 Exerceu como profesor en colexios e academias de Ponteareas, A Guarda e Baiona. Cofundador do Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño (1968), do Museo e Arquivo Histórico Diocesano de Tui (1974), da Biblioteca, Museo Etnográfico e Boletín Histórico Cultural do Concello do Rosal, así como do Instituto de Estudios de A Paradanta y Condado do Tea (2003). 

 É membro do Instituto Padre Sarmiento (Sección de Arqueoloxía) de Santiago de Compostela (1979), da Asociación Colegial de Escritores de España (1982), Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén de Pontevedra (1983) ou membro colaborador do Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago (1984). Durante máis de 10 anos (2007-2017) foi presidente do Instituto de Estudios Tudenses. Ten máis dunha trintena de libros publicados de temática histórica. 

[2] Juan Ramón Tamuxe (seudónimo de Juan Ramón Martínez Barbosa) nace en O Rosal o 20 de decembro de 1977). Escritor e xestor cultural pola Universidade de Santiago, a súa experiencia laboral co mundo da cultura comeza profesionalmente en 1999, cando é contratado pola empresa de arqueoloxía Anta de Moura (Tui), participando durante anos nalgúns dos xacementos máis importantes da Comunidade (Salinae, en Vigo; no CUVI; Chandebrito, en Nigrán ou Pontevedra).

 Dende 2005 a 2012 traballou nos departamentos de Cultura e Turismo do Concello do Rosal. A partir desta data actúa como profesional freelance colaborando con empresas, institucións, prensa, radio e TV en reportaxes de investigación. Na actualidade é redactor da revista COUSAS DE, membro da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) ou director da web cultural Noticias O Rosal dende hai 14 anos. Na compaña de Xoán Tamuxe é coautor de cinco libros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario