16 de maio de 2022

O BAIXO MIÑO / O CONDADO

SETE CONCELLOS DO BAIXO MIÑO E O CONDADO PARTICIPAN NA VIAXE DO REVITALIZA A CATALUÑA, PAÍS VASCO E NAVARRA PARA COÑECER ‘IN SITU’ DIFERENTES SISTEMAS DE RECOLLIDA DE RESIDUOS    

A Deputación de Pontevedra pretende que a xeira, na que se verán diferentes aplicacións do Porta a Porta sexa de proveito para cumprir os obxectivos de reciclaxe marcados pola nova normativa   



Infogauda / O Baixo Miño / O Condado        

 Sete concellos do Baixo Miño e o Condado (Tomiño, A Guarda, Tui, Mondariz, As Neves, Ponteareas, e A Cañiña) participarán na viaxe organizada dende o servizo do Revitaliza da Deputación de Pontevedra a Navarra, País Vasco e Cataluña para coñecer e estudar no terreo sistemas de recollida de residuos tipo ‘Porta a Porta’ (PaP), ‘Pago por xeración’ (PpX) e visitar diferentes instalacións de compostaxe mixta de biorresiduos agrogandeiros e municipais.   

 A viaxe desenvolverase entre o 22 e o 27 de maio cunha grande intensidade de paradas, charlas e visitas e a Deputación correrá cos gastos de traslado, aloxamento e manutención. Foi dirixida preferentemente a cargos políticos dos concellos  (alcaldesas/alcaldes ou concelleiras/os con responsabilidades na xestión de residuos) e ao persoal técnico municipal de residuos co obxectivo de que sexa de proveito para tomar decisións coas que cumprir os obxectivos de reciclaxe marcados pola nova normativa.   

 Do Baixo Miño e Condado vai a maior representación institucional da provincia. No caso de Tomiño tomarán parte da viaxe os concelleiros José Luís Vázquez, Ana Belén Casaleiro e o mestre composteiro José Manuel Prado; de A Guarda irá a concelleira Montserrat Magallanes, e de Tui a mestra composteira Sara Luque. No caso do Condado haberá representación da alcaldesa de Ponteareas Cristina Fernánde Davila, do alcalde de Mondariz Xosé Emilio Barros, o concelleiro Leopoldo Tato Bello e o mestre composteiro Miguel Vilas; e de As Neves irá o concelleiro de Medio Ambiente Óscar González Álvarez e a mestra composteira Victoria Varela. No Caso de A Cañiza acudirá o alcalde Luís Gómez Piña.  

 Cabe lembrar que os prazos para cumprir cos obxectivos de reciclaxe están vencidos xa, posto que en xuño de 2023 é obrigado ter preparado para reciclar o 50% dos residuos, en 2025 esixirase reciclar o 55%, o 60% en 2030, e o 65% en 2035. Os resultados actuais distan moito na realidade, xa que a provincia apenas chega ao 15%. De feito os únicos municipios que se aproximaron a cumprir no Estado– con arredor do 40% de reciclaxe- foron varios concellos Revitaliza (Vilaboa, As Neves, Mondariz e Mondariz Balneario) que quedaron ás portas polas dificultades de seguir aplicando o programa de compostaxe debido á pandemia da COVID.   

Programa  

 A saída dende Pontevedra cara destino será o domingo 22 de maio, para iniciar o ‘traballo’ propiamente dito o luns pola mañá no lugar de Cripán na Rioja Alavesa, onde se visualizará a recollida PaP deste lugar -que se fai cedo polas mañás-. Despois  partirase cara a Mancomunidade de Sakana onde se visitará a planta compostaxe, para logo chegar a Usurbil onde representantes do concello amosarán a súa recollida PaP, falarán do seu incipiente pago por xeración. A visita rematará na planta de compostaxe da zona.    

 O martes 24 o grupo de representantes da provincia pontevedresa chegarán a Zaldivia onde haberá unha recepción por parte do tenente alcalde. Tamén verán a recollida PaP que antes era de todas as fraccións, pero que agora non inclúe a FORM xa que é tratada mediante composteiros comunitarios e individuais. Visitarase  a planta de cribado da zona e o sistema de trazabilidade. Seguidamente faranse visitas similares en Itxasondo e na planta de Josenea. Para finalizar a xornada chegarase ao concello de Sort onde haberá unha recepción por parte das autoridades locais, unha pequena explicación técnica e un seguimento da recollida PaP dos residuos que se realiza todas as noites no municipio entre as 22.30 e 23.30 horas.   

 O mércores 24 comezará cunha explicación do proxecto PaP no Consell Comarcal do Pallars Sobirá, á seguirá cunha visita á planta de compostaxe de Sort e á de Clariana de Cardener. Haberá unha benvida institucional no Consell del Solsonés, onde haberá unha explicación técnica do PaP e tamén da planta mixta de compostaxe. Pola tarde irase á Mancomunidade de La Plana, tamén cunha benvida institucional, para despois coñecer a incorporación da tecnoloxía á recollida de residuos no PaP da zona, así como tamén como se está a implementar a ‘Taxa xusta’ e como se están a desenvolver as obras da planta de compostaxe. Tamén se visitará a planta de compostaxe de Malla e farase unha visita da recollida PaP en Folgueroles (orgánica con tecnoloxía) e Taradell (orgánica sen tecnoloxía).  

 O xoves 26 de maio comezará en Argentona cunha benvida institucional das autoridades locais e a explicación do PaP e a ‘taxa xusta’ que xa leva implantada na zona un tempo. A comitiva galega desprazarase despois a un barrio céntrico de Barcelona (Sant Andreu) para ver ‘in situ’ a recollida PaP. Seguidamente coñecerase a planta de compostaxe de L’Espluga de Francolí, para partir despois cara a Lleida e supervisar a recollida PaP en catro barrios da vila e manter un encontro cos e coas responsables municipais.   

 O venres 27 de maio a comitiva pontevedresa tomará camiño de regreso coa previsión de aproveitar o tempo de viaxe no autocar para facer balance de todos os diferentes sistemas e variacións da recollida porta a porta e analizar posibles implantacións no territorio da provincia de Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario