O RÍO MIÑO XA É UN DESTINO NAVEGABLE: VARIOS ROTEIROS FLUVIAIS CONECTARÁN OS MUNICIPIOS DA RAIA
• Hoxe presentáronse as tres primeiras roteiros fluviais que permitirán navegar polo Miño e descubrir o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Salvaterra de Miño, Tui, Valença do Minho e Monçao
• Os roteiros están enmacadas no proxecto europeo financiado con fondos POCTEP, “Río Miño: un destino navegable”
Infogauda / Salvaterra de Miño
Os municipios da Raia reactivan a súa oferta turística con roteiros fluviais gratuítos que permitirán gozar e descubrir un dos seus tesouros máis importantes: o río Miño e o territorio transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal.
O embarcadoiro de Salvaterra de Miño acolleu esta mañá a presentación destes roteiros guíados, enmarcados no proxecto europeo financiado con fondos POCTEP “Río Miño: un destino navegable”, que darán a coñecer o rico patrimonio natural, cultural e etnográfico dos catro municipios que integran este proxecto: Salvaterra de Miño, Tui, Valença do Minho e Monçao.
Ao acto de presentación asistiron o vicepresidente da Xunta de Galicia e titular de Turismo, Alfonso Rueda; a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e os presidentes das Cámaras Municipais de Monçao e de Valença do Minho, así como José Pereira, coordinador do proxecto.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou “a importancia deste proxecto para este territorio”, e do valor que achega ao Camiño de Santiago, xa que o roteiro Eurocidade Tui-Valença transcorre polo paso do camiño portugués. Rueda incidiu tamén na “exemplar cooperación entre Galicia e o norte de Portugal para mellorar a a calidade de vida na zona transfronteiriza”.
“Trátase dun proxecto piloto e pioneiro na península Ibérica, que pretende poñer en valor todo o potencial turístico do Val do Miño e crear as condicións idóneas para converter o río nun destino navegable de referencia”, explicou o coordinador do proxecto, José Pereira. Coa posta en marcha destes roteiros fluviais sentan as bases para atraer no futuro novos operadores turísticos e, á vez, diversificar a economía local da poboación raiana. “Este territorio non ten nada que envexar a outros destinos turísticos navegables”, destacou Pereira. “Ademais da riqueza gastronómica, histórico-cultural, natural e termal, conta con algo que moitos deles non posúen, a multiculturalidad asociada a dous países ligados polo río Miño”, engadiu.
Pola súa banda, a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, lembrou que esta iniciativa nace do anterior alcalde, Arturo Grandal, “un alcalde, unha persoa, que sempre pensou ao grande e quixo crecer da man dunha das maiores riquezas que temos, o pai Miño, comezando a deseñar o futuro de Salvaterra e do territorio transfronteirizo a través deste proxecto, un proxecto ambicioso e que moitos viamos imposible”. A rexedora concluíu destacando que “RÍO MIÑO: UN DESTINO NAVEGABLE” é “algo máis que un proxecto en papel, é un paso adiante polo noso futuro, polo noso turismo e polo noso territorio”.
O acto de presentación, conducido por Cristina Maró - nombre artístico da actriz, cantante e modelo ponteareá, Cristina Martínez Rodríguez - incluíu a proxección do vídeo promocional do proxecto e ao final, os asistentes puideron gozar de varios roteiros no barco.
Os barcos sucarán o Miño este Nadal
Desde este Nadal e ata o próximo verán poderase gozar destes roteiros fluviais. Trátase de excursións turísticas de día enteiro na zona transfronteiriza que constitúen Salvaterra de Miño, Monçao, Tui e Valença do Minho nas que os participantes coñecerán a zona da man dun guía turístico.
Os tres primeiros roteiros que operarán en Nadal centraranse na visita aos centros históricos e fortalezas das dúas eurocidades: un roteiro longo de unión entre ambas as dúas e dous roteiros curtos (unha en cada unha delas).
Estes roteiros, duns 15 km, estarán suxeitos á profundidade do río á hora de viaxar -que se pode coñecer a través da aplicación `Calados Río Miño´- e en caso de non poder navegar ofrecerase servizo por vía terrestre en autobús.
As persoas interesadas poderán apuntarse na Central de Reservas do operador turístico Hemisferios, de maneira gratuíta e están limitadas a 15 persoas por grupo.
Cabe destacar que ademais dos roteiros guiados de día enteiro, están previstas saídas ás 16:00 h (hora española) todas as fins de semana, festivos, períodos vacacionais e tempada alta de forma regular. Nestas saídas, que terán unha duración aproximada dunha hora, os interesados poderán anotarse directamente no quiosco instalado no embarcadoiro.
Unha pena, podía estar funcionando en A Guarda pero non hubo interés por parte das autoridades locales.
ResponderEliminar