8 de dec. de 2021

MEDIO AMBIENTE

A Xunta de Galicia elaborará un censo poboacional de sete especies de aves mariñas de Galicia  

· A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar o contrato da actuación por preto de 80.000 euros 


Grupo de aves mariñas nun penedo preto da costa
Foto. X.G.


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia levará a cabo a elaboración dun censo poboacional de sete especies de aves mariñas en Galicia.

 A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar o contrato da actuación, publicado na plataforma autonómica, por un importe de case 80.000 euros.

 O obxectivo é actualizar a información relativa ás poboacións reprodutoras do corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), a gaivota tridáctila (Rissa tridactyla), a gaivota patiamarela (Larus michahellis), a gaivota escura (Larus fuscus), o gaivotón (Larus marinus), o arao común (Uria aalge) e a pardela cincenta (Calonectris borealis).

 Así, durante un período máximo de dez meses —prazo de execución do contrato—, peitearase o litoral de Galicia para observar exemplares destas especies, así como determinadas áreas concretas de Rede Natura 2000, como a ría de Ortigueira e Ladrido, o complexo intermareal Umia-O Grove, a ría de Foz ou o complexo húmido de Corrubedo, entre outras zonas.

 As empresas interesadas en acceder a este contrato dispoñen ata o vindeiro 17 de decembro para presentar, de xeito telemático, a súa solicitude. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario