6 de dec. de 2021

MEDIO AMBIENTE

Un total de dez centros de ensino participan nunha nova edición de Escola Verde para fomentar actitudes responsables co medio ambiente 

Cada colexio escolle unha temática relacionada co medio ambiente sobre a que traballar, con propostas tan innovadoras como a do IES Valga sobre a arquitectura bioclimática

No curso 2021-2022 oito centros cooperan por primeira vez, mentres que o CEIP Refoxos (Oia) e CEIP Plurilingüe Nº1 (Tui) repiten experiencia


Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta desenvolve unha nova edición do programa educativo Escola Verde, impulsado por MeteoGalicia, que neste curso acollerá a participación dun total de dez centros de ensino. O programa arrancou cunha xornada formativa telemática dirixida aos 110 profesores que se encargarán desta iniciativa, que chegará a máis de 1.400 alumnos dos centros participantes.

 Trátase dun programa que ten por obxectivo acadar cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente en todos os aspectos do eido escolar. Así, cada centro escolle unha temática sobre a que traballar durante o curso escolar, para concienciar aos alumnos no respecto pola biodiversidade e a natureza desde as idades máis temperás. Entre as propostas destacan temas tan innovadores como a arquitectura bioclimática e a súa importancia como sumidoiro de CO2, presentada polo IES Valga.

 Na edición de 2021-2022 están inscritos centros de educación infantil, primaria e secundaria de todas as provincias, e destacan o CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense, que participa nas tres etapas educativas; así como o CEIP Refoxos, de Oia, e o CEIP Plurilingüe Nº1, de Tui, que repiten experiencia.

 Escola Verde —xunto con MeteoEscolas- é un dos programas recollidos no Plan Proxecta+, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidades na que colaboran diferentes organismos e está pensada para fomentar a innovación educativa nos centros, así como potenciar o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario