17 de set. de 2021

OPINIÓN

O Novo Plan de Hostalaría Segura obriga ao sector a traballar na ilegalidade 

A inseguridade creada froito da improvisación do goberno da Xunta é inaceptable. 


     Foto: Infogauda

Plataforma Galega en defensa da hostalaría

 A Plataforma Galega en defensa da hostalaría lamenta que as medidas se adoptaran sen o consenso maioritario do sector. Entre os requisitos para acceder ás distintas clasificacións, é de obrigado cumprimento “asegurar a formación do persoal traballador segundo os contidos marcados pola Dirección Xeral de Saúde Pública...”. A Xunta de Galicia esixe traballar nunha situación ilegal dende o 15 de setembro, obrigando a realizar unha declaración responsable desta cuestión, entre outras, sen ter publicado a día de hoxe os contidos da obrigada formación. A situación é grave, surrealista e esperpéntica. 

  A propia natureza do Plan busca responsabilizar ao sector hostaleiro, unha vez máis, das diferentes restricións, “segundo o seu nivel de compromiso”. É intolerable, xa que este sector ten máis que demostrado non só o seu compromiso, senón incluso a súa responsabilidade coas distintas restricións, a pesar de consideralas inxustas e discriminatorias ao respecto das do resto de sectores. 

  Asistimos curiosamente a un endurecemento real das restricións, a parte dun importante desembolso económico para adaptarse ás mesmas, que contrasta coa favorable situación sanitaria existente e cando todos os territorios do Estado Español están levantando ou flexibilizando as actuais restricións. 

 O argumento de defensa deste Plan reside na suposta futura estabilidade do sector hostaleiro, con independencia dos niveis de restricións de cada concello, razón que queda cuestionada ao recoller a propia Orde: “...este plan sempre estará condicionado á evolución da situación asistencial, así como dos parámetros epidemiolóxicos...” 

 Agardamos que o goberno galego recolla este malestar xeneralizado no sector e se aveña en consensuar, definitivamente, un Plan consonte co contexto real no que nos atopamos.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario