5 de ago. de 2021

A GUARDA

O LIBRO-PROGRAMA DAS FESTAS DO MONTE SANTA TREGA XA ESTÁ Á VENDA

· Nas súas 192 páxinas acolle unha gran variedade de artigos de varios autores de A Guarda e súa contorna




Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 As Festas do Monte Santa Trega, que contan coa declaración de Interese Turístico, e que van celebrarse do 9 ao 16 de agosto deste ano, xa teñen na rúa o seu libro-programa, editado pola Asociación "Alameda", Comisión de Festas 2021.

 A publicación leva como portada a reproducción dun debuxo a plumilla, da autoría de Luis Alberto Franco Lomba, baseado nunha fotografía de 1920, na que se reflicten o pavimento pétreo da Praza do Reló, un reduto da antiga muralla defensiva da vila e encima, a torre do reló. E logo unha ringleira de inmobles en perspectiva, desde a mesma praza ata o comezo da rúa Colón - noutrora coñecida como Rúa do Medio - e da rúa San Marcos  - que evócanos a lembranza do desaparecido hospital de peregrinos -;  e como unha icona que é, a sutil silueta espida do Monte Santa Trega.

 Coordinado e dirixido por Celso Rodríguez Fariñas, e maquetado por Antonio Martínez Vicente, de InfoMAXE; o libro conta cos saúdos do alcalde Antonio Lomba Baz e da Comisión organizadora das Festas do Monte, respectivamente.

  Do saúdo do alcalde do Concello de A Guarda, extraemos os seguintes parágrafos:

 "(...) Ainda que non poidamos ter unha festa ao grande, eu quero animarvos desde estas liñas, a vivir a semana do Monte como unha semana especial; coa conciencia de que estamos de festa, malia non podermos ceder aos nosos instintos máis primitivos e termos que respectar civicamente as indicacións que nos dan para protexer a saúde de todos e todas.

 O concello e a comisión de festas organizarán a semana de maneira que teñamos ambiente festivo: haberá ruadas polas mañás, atraccións para a pequenallada durante o día no antigo campo de fútbol e pecharanse as rúas do centro ao tráfico á tardiña para podermos sair pasear e tomar algo nas terrazas. Temos que respectar todas as medidas de seguridade, pero habémolo de facer compatible con divertirnos e estar con familiares e amigos.

 Polo demais, toca agardar un ano mais para volver gozar do noso gran desfile e da romaría do domingo. Agardar e esperar que para o ano se dean as condicions que nos permitan celebrar  unha festa como se merece a Festa do Monte, como se merecen todas as persoas que aman a Festa do Monte".

 Polo que respecta a Comisión das Festas do Monte escolmamos o seguinte:

 "(...) As nosas festas do Monte, nosas centenarias festas declaradas de Interese Turístico, deben ser unha vez máis, un referente da nosa localidade, unha semana, que estaba sempre na axenda dos emigrantes espallados polo mundo e de turistas que nos visitaban ano tras ano, na tempada estival, temos que recuperar esa convivencia, e ampliandoa cada vez máis.

 Sabemos que hai opinións de todo tipo, pero queremos deixar claro que nosa vontade, é axudar a recuperar a vida "normal" do noso pobo. Que este esforzo que facemos apoiados polo Concello, pretende que axude a manter ocupada mente e non só na pandemia, senón que nos faga amosar un sorriso o relembrar "aquelas festas" que desfrutamos no pasado (...)".

 A publicación, realizada con impresión offset, sobre papel estucado, estivo ao coidado de Gráficas Juvia.

 Nesta edición o libro-programa conta con colaboracións literarias e de investigación histórica, dos seguintes autores: Joaquín Miguel Villa Álvarez, José Magoal, Celso Rodríguez Fariñas, Ricardo Rodríguez Vicente, Xoán R. Carnero Fernández (Perico), Peralvez, Ernesto Iglesias Almeida, Sociedade Atlética do Trega, Nieves Silva Martínez, Nerea R. Verde, Miguel Reboredo Otero, Emilio Alonso Freiría, José Ángel Gándara Rodríguez, Juan Louzán Barcia e Mar Bermúdez. 

 No sumario do libro-programa deste 2021, figuran os seguintes artigos: O limpabotas de Freiría; Genealogía guardesa: El apellido Andreini; Real Cédula; Centenario de la Biblioteca Circulante de la Sociedad Pro-Monte Santa Tecla (1921-1936), Cesáreo Rodríguez Silva: Destacado artista e activo emprendedor; Cousas da Guarda; Batería do Puntal. Camposancos; Homenaje en su 50 aniversario del Club de Tenis Codesal; Colón Descubierto; Notas sobre o tráfico e pesca do porto da Guarda; Título de Cirujano; Sociedade Atlética do Trega; Nieves Silva Martínez; Compra do Mosteiro de Oia por Joaquín Alonso; Unha vida no mar; Club de Xadrez Albatros. 25 aniversario:  O servicio (sic) da Patria; O Fútbol Guardés; La Ínsua. Una isla entre lo religioso y lo militar; Sentimientos de futuro; Balueiro Segundo, e Cousas do Mar (1922).

 Asemade, como vén sendo costume,  o libro acolle nas súas 192 páxinas de extensión, textos escritos en castelán e en galego, así como fotografías a toda cor e tamén en b/n, reproduccións de documentos e mesmo mapas antigos.

 Nesta ocasión inclúese publicidade comercial e institucional, como tivo na maioría das edicións precedentes, agás na de 2020.

 Tamén como é tradicional nas páxinas figura o programa de actividades previsto pola Comisión de Festas no intre do peche da edición do libro, que obviamente pode variar en función dos datos epidemiolóxicos que vaian facilitando as autoridades sanitarias.

 En todo caso, damos a benvida a este novo libro-programa das Festas do Monte Santa Trega, exhortando a que chegue a todos os fogares guardeses e que todos desfrutemos lendo seu contido, e por suposto, coas nosas Festas do Monte, das cales sentímonos todos partícipes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario