25 de ago. de 2021

A GUARDA

ACTOS RELIXIOSOS NA HONRA DA VIRXE DA GUÍA

Desde o venres día 27 de agosto ao mércores día 8 de setembro



Infogauda / A Guarda

 O vindeiro venres día 27 de agosto, ás 20:00 horas, na igrexa parroquial de A Guarda, dará comezo a novena na honra da Virxe da Guía.

 O domingo día 5 de setembro, ás 11:30 h., na igrexa parroquial, misa solemne cantada polo Coro parroquial. Ao remate da misa, levarase a imaxe da Virxe da Guía ata súa ermida en Ribadavila, acompañada polos acordes da banda de música Agrupación Musical de A Guarda. Unha vez alí, a banda ofrecerá unha breve actuación na praza da Guía e a continuación haberá unha gran tirada de foguetes.

 O mércores día 8 de setembro, ás 10:00 h., na igrexa parroquial, haberá unha misa en sufraxio dos mordomos falecidos.

 Durante estes actos deberase cumplir coas normas estabrecidas polas autoridades.

A CAPELA DA VIRXE DA GUÍA EN RIBADAVILA: UN FITO NO CAMIÑO PORTUGUÉS POLA COSTA

  Na nosa vila, a capela adicada á Virxe da Guía situada á beira do traxecto xacobeo denominado Camiño Portugués pola Costa, ten un claro vencello cos camiñantes que seguen a ruta cara a Compostela. De feito a ermida de Ribadavila é, na nosa opinión, un fito na ruta xacobea que procedente de Porto, entra en Galicia cruzando o río Miño, desde Caminha ata A Pasaxe (Camposancos), e logo de cruzar pola vila de A Guarda, continúa en dirección a Portecelo (O Rosal), Oia, Baiona,..., ata entroncar en Redondela con outras rutas xacobeas procedentes do país veciño.

 Coidamos que neste Ano Xacobeo 2021 que terá continuidade no 2022, non estaría de máis que lembremos o vencello - desde tempos antigos - de A Guarda coa tradición xacobea e en consecuencia, que saibamos recoñecerlle como corresponde, a Asociación Amigos dos Pazos, seu labor de estudo, divulgación e promoción do Camiño Portugués pola Costa. A proposta queda aí, na confianza de que desde á Corporación Municipal de A Guarda se estude como levar a bó termo ese recoñecemento.

 No que respecta ao culto á Virxe da Guía, segundo refire Cándido Santiago Álvarez no seu traballo "La singular advocación mariana Virgen de la Guía"  "(...) as imaxes co título de Virxe da Guía era frecuente atopalas dispostas á  veneración dos fieis, desde os tempos medievais, en encrucilladas ou lugares de paso obrigado (...)". 

 Segundo afirma o devandito investigador "(...) esta tradición ten un enorme significado mariolóxico (parte da teoloxía que estuda o referente á Virxe María), é un signo da devoción popular polo que se facilitaba a todos os fieis transeúntes o encomendarse á Virxe con pregarias e oracións en busca do amparo e a protección maternal para andar o camiño.  

 Na época antiga, o tránsito polos camiños, a pé ou en  cabalgadura, non estaba libre de perigos e dificultades; por iso os fieis que emprendían viaxe acudían á protección de María. A devoción á Virxe baixo a advocación da Guía relaciónase, por tanto, de modo particular, cos camiñantes, arrieiros, correos, mensaxeiros, peregrinos, postillons,  recueiros, soldados, traxineiros, viaxeiros a afastadas terras, etc., quen a invocaba ao emprender a viaxe, a fin de que os guiase e librase dos  salteadores e demais desgrazas que lles podía ocorrer por aqueles  escabrosos e solitarios camiños (...)". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario