O Parque do Monte Torroso prepárase para unha fin de semana de cultura, gastronomía e música
• Os días 3 e 4 de outubro nunha proposta organizada pola Comunidade de Montes de Salcidos
Ricardo Rodríguez Vicente/Salcidos
O Monte Torroso, en Salcidos (A Guarda), volverá converterse os días 3 e 4 de outubro de 2026 nun punto de encontro para a cultura, a gastronomía, a artesanía e a música coa celebración da Festa Cultural Gastronómica 2026, unha proposta organizada pola Comunidade de Montes de Salcidos.
A programación arrancará o sábado, 3 de outubro, desde as 10.00 horas, coa celebración do 2º Concurso de Escultura en Pedra, no que participarán dez dos mellores escultores de Galicia. A actividade desenvolverase ao longo de toda a xornada e terá o seu momento culminante ás 18.00 horas, coa entrega dos premios aos participantes.
A música tomará o relevo pola tarde. Ás 19.00 horas está prevista a actuación da Banda de Gaitas Arume de Malvas (Tui), que achegará ao Monte Torroso o son máis tradicional da nosa terra. Xa a partir das 20.00 horas chegará a quenda do rock dos anos 80, da man do Grupo QuédeQué, nunha noite pensada para prolongar a festa.
Durante toda a xornada haberá, ademais, animación musical e comida e bebida a prezos populares, creando o ambiente axeitado para gozar dunha festa aberta á veciñanza e aos visitantes.
A programación continuará o domingo, 4 de outubro. A partir das 10.00 horas terá lugar unha exhibición de talla en madeira con motoserra, unha espectacular demostración a cargo do polifacético artista Marcos Escudero.
Pola tarde, ás 18.00 horas, será a quenda do Trío Luetto, antes de que, ás 19.00 horas, a música tradicional e popular volva ocupar o escenario con Os Ventos do Minho (Guillarei), formación que ofrecerá un repertorio de folk e outros estilos.
A gastronomía será outro dos grandes atractivos desta segunda xornada. A organización anuncia a continuidade da proposta gastronómica do día anterior, cun prato estrela que promete converterse nun dos protagonistas da festa: o porco ó espeto.
Pensando tamén nas familias, o recinto contará cunha ampla zona de aparcamento e estará cuberto con carpa, mentres que o domingo haberá hinchables para os máis pequenos.
Deste xeito, a Festa Cultural Gastronómica do Monte Torroso presenta unha programación que combina tradición e espectáculo, artesanía e música, cultura e gastronomía. Unha fin de semana para achegarse ata o Parque do Monte Torroso (Salcidos), gozar do traballo dos artesáns, compartir mesa e recuperar o espírito das festas populares nun espazo privilexiado do Baixo Miño.

Ningún comentario:
Publicar un comentario