«Chámome Julia»: unha tarde para celebrar o atletismo e as grandes persoas que o fan posible
Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda
Onte tivo lugar no salón de plenos do Concello de El Franco (Asturias) á presentación do libro Chámome Julia, da atleta internacional e olímpica Julia Vaquero, nun acto que se converteu nunha fermosa homenaxe ao deporte, ao atletismo e, sobre todo, ás persoas que o viven con paixón.
Na mesa principal acompañaron a Julia Vaquero, atleta olímpica, figuras estreitamente vinculadas ao mundo do deporte e do atletismo: Isidoro Hornillos, doutor en Educación Física, profesor na Universidade da Coruña e director do Centro de Estudos e Investigación Olímpicos INEFG-UDC; Pep Ribas, organizador da Milla de Eivissa - considerada a milla é a mais importante de España -, cuxa 44ª edición (a de 2027) foi presentada no mesmo acto; Julio César García Díaz (Xullo), concelleiro de Deportes do Concello de El Franco); e Jose Ramón Iglesias Fernández (Run), presidente da asociación Caridá Atletismo.
A charla resultou moi amena e participativa. Tanto os relatores como o público asistente tiveron ocasión de intervir, dando lugar a unha conversa próxima e enriquecedora na que se compartiron experiencias, lembranzas e reflexións arredor do atletismo e da traxectoria deportiva de Julia.
"Para nós, desde A Caridá Atletismo, foi tamén unha ocasión especial. Marchamos cunha edición do libro asinada tanto por Julia como por Isidoro, que quedará como un fermoso recordo do paso polo Concello de tres grandes persoas deportivamente falando, pero, por riba de todo, aínda mellores persoas.
Desde A Caridá Atletismo queremos transmitirlle a Julia todo o noso ánimo e os nosos mellores desexos para o futuro. Que continúe desfrutando do atletismo, superando retos e cultivando moitos máis éxitos, dentro e fóra das pistas", afirmou Jose Ramón Iglesias (Run), presidente de A Caridá Atletismo.
Porque detrás de cada marca, de cada competición e de cada medalla hai sempre unha historia, un esforzo e, sobre todo, unha persoa. E a historia de Julia Vaquero ben merece ser contada.


Ningún comentario:
Publicar un comentario