A COMUNIDADE DE MONTES DA GUARDA RECLAMA POR TERCEIRA VEZ A LIMPEZA DO CASTRO DA FORCA, ABANDONADO DESDE 2022
• A entidade lembra que o Padroado Municipal Monte Santa Trega ten atribuída estatutariamente a conservación dos xacementos arqueolóxicos e sinala que, tras obter a autorización de Patrimonio, xa non existe impedimento para executar uns traballos que o propio Concello ten valorados economicamente.
Infogauda/A Guarda
A Comunidade de Montes da Guarda vén de solicitar por terceira vez ao Concello da Guarda que proceda, a través do Padroado Municipal Monte Santa Trega, á limpeza e mantemento do Castro da Forca, un enclave arqueolóxico do Monte Trega excavado en 1984 que, segundo a Comunidade, deixou de recibir labores de mantemento no ano 2022.
A primeira reclamación formal foi presentada o 31 de agosto de 2025, cando a Comunidade solicitou ao Concello, como Presidencia do Padroado, que o Castro da Forca volvese ser incluído no plan de limpeza, mantemento e conservación dos xacementos arqueolóxicos, reclamando para este espazo o mesmo tratamento que reciben outros enclaves do monte.
A petición baséase nos propios Estatutos do Padroado Municipal Monte Santa Trega, que establecen entre as súas finalidades a conservación, protección e valorización do Monte Santa Trega e dos seus restos arqueolóxicos e atribúen á súa Comisión Permanente, da que forma parte a Comunidade de Montes da Guarda, a función de promover e coordinar actuacións de recuperación, conservación e mantemento das estruturas arqueolóxicas.
Ante a falta de actuación, a Comunidade decidiu facilitar de maneira instrumental a tramitación administrativa e, apenas tres días despois daquela primeira petición, o 3 de setembro de 2025, solicitou directamente á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a autorización para efectuar os traballos de limpeza e rozado.
O Concello chegou a abrir un expediente contra a propia Comunidade
A situación adquiriu un novo xiro o 23 de xaneiro de 2026, cando o Concello incoou o expediente 23/2026 contra a Comunidade de Montes, como titular catastral das parcelas 775 e 778 do polígono 25, para obrigala a realizar a limpeza por atoparse parte dos terreos dentro dunha faixa secundaria de xestión de biomasa.
O propio informe municipal constataba a presenza de acacia e eucalipto de rebrote, fentos, toxos e silvas e sinalaba expresamente a existencia dunha vivenda a menos de 50 metros, cualificando como obrigatoria a xestión anual da vexetación para evitar o rebrote de especies invasoras e pirófitas.
A Comunidade respondeu o 28 de xaneiro de 2026 mediante alegacións ao expediente, lembrando que xa cinco meses antes solicitara ao Padroado que asumise esa mesma limpeza e defendendo que a responsabilidade funcional e técnica do mantemento do xacemento corresponde ao Padroado. Naquelas alegacións tamén se puxo de manifesto que o propio Concello promovera documentación técnica para o mantemento dos xacementos arqueolóxicos na que se incluía expresamente o Castro da Forca e se contemplaba a intervención de persoal especializado.
Patrimonio autoriza finalmente os traballos
Tras varios meses de tramitación, o 22 de maio de 2026, Patrimonio Cultural resolveu favorablemente a solicitude e autorizou os traballos no marco do expediente 3420/25.
Para a Comunidade, esta resolución resulta especialmente relevante porque elimina o último obstáculo administrativo que podía existir para acometer a actuación. Ao día seguinte, o 23 de maio, trasladou a autorización ao Concello e solicitou novamente que os traballos fosen executados a través do Padroado.
A Comunidade destaca ademais que o Concello xa dispón dunha valoración económica específica para a actuación, incluída na documentación técnica de mantemento dos xacementos arqueolóxicos do Monte Trega, polo que considera que neste momento concorren todos os elementos necesarios: existe unha actuación identificada, unha valoración económica, autorización patrimonial e un organismo que ten estatutariamente atribuídas funcións de conservación e mantemento.
Terceira solicitude: “Xa non queda ningún impedimento para actuar”
Ante a ausencia de actuación durante os tres meses transcorridos desde aquela segunda petición, a Comunidade vén de presentar unha terceira solicitude formal na sede electrónica do Concello, reclamando que se fixe unha previsión concreta para executar os traballos.
“Desde agosto de 2025 fixemos todo o posible para facilitar unha solución: solicitamos a limpeza ao Padroado, tramitamos nós mesmas de maneira instrumental a autorización de Patrimonio, respondemos ao expediente aberto polo Concello e, en canto recibimos a autorización, puxémola á súa disposición. Case un ano despois da primeira solicitude, xa non existe ningún impedimento administrativo que xustifique que o Castro da Forca continúe abandonado”, sinalan desde a Xunta Reitora.
A Comunidade considera especialmente difícil de entender que o Castro da Forca permaneza sen mantemento desde 2022 mentres o Padroado continúa realizando labores periódicos noutros xacementos arqueolóxicos do mesmo monte.
“Non estamos reclamando ningún trato excepcional. Estamos pedindo exactamente o contrario: que o Castro da Forca reciba o mesmo tratamento que o resto dos xacementos arqueolóxicos do Monte Trega e que o Padroado cumpra as funcións de conservación e mantemento que establecen os seus propios Estatutos”, explican.
Na nova solicitude, a Comunidade pide que a limpeza se execute sen máis demora e que o Concello comunique por escrito unha previsión para a realización dos traballos. No caso de considerar que aínda existe algún impedimento, solicita que este sexa identificado expresamente e fundamentado técnica ou xuridicamente.
“O Concello considerou en xaneiro que o estado destas parcelas era suficientemente preocupante como para incoar un expediente contra a Comunidade e advertir do risco de incendio. Sete meses despois, e tendo xa á súa disposición a autorización necesaria para actuar, entendemos que o coherente é que esa mesma preocupación se traduza agora na execución efectiva da limpeza a través do Padroado”, conclúe a Comunidade de Montes.

Ningún comentario:
Publicar un comentario