25 de ago. de 2021

A GUARDA

Cunha fin de semana ateigada de música

A Guarda vai pór broche de ouro ao mes de agosto  

Este venres o grupo Xisconnection & The Black Turf abrirá o Música nos Xardíns, e o sábado tócalle a quenda a Na Revolta e Guadi Galego 

As entradas para o concerto de Na Revolta e Guadi Galego están xa esgotadas



Infogauda / A Guarda

 Volta Música nos Xardíns, a programación coa que o Concello da Guarda quere achegarse aos novos talentos musicais da nosa vila e contorna, que este ano incorpora unha ampla variedade de ritmos e estilos. En total serán tres os concertos que se desenvolverán entre agosto e setembro e polos que pasarán músicos e bandas xa coñecidas polo público guardés como Bruce Grinn ou The Charrans, acompañadas por bandas da contorna como The Mirror ou Zalomon Grass.  

 Esta programación parte dunha colaboración con aquelas asociacións e colectivos que ata o 2019 viñan organizando festivais de música na nosa vila, como o Rock Guardés ou o Galifornia Beat, que por mor da pandemia e as restricións e limitacións impostas para facer fronte ás actividades culturais non poden realizar os seus festivais este ano. 



  

 A primeira cita de Música nos Xardíns será este venres día 27 de agosto cun dobre concerto de Xisconnection & The Black Turf, ás 21:00h. nos Xardins do Centro Cultural. 

 Como vén sendo habitual o evento conta con protocolo COVID-19, sendo precisa a inscrición previa a través da ligazón: https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda, e debendo seguir o concerto sentado, con máscara e coa distancia de seguridade preceptiva.  

Xis Connection & The Black Turf  

 É un proxecto miñoto de música reggae, que interpreta temas en galego-portugués cargados de compromiso social que nos farán viaxar de Brasil a Xamaica. Influenciados polo seu traballo con artistas e bandas lusófonas, presentan un repertorio con composicións e colaboracións con artistas da escena reggae do Brasil. 

 Xis Conecction trae un directo cheo de forza e enerxía, con temática reivindicativa, que nos fala da corrupción, da pobreza, das inxustizas e dos problemas sociais. Música que fai bailar pero tamén reflexionar sobre o que está a acontecer no planeta. 

Concerto de Na Revolta e Guadi Galego 

 O vindeiro sábado día 28 de agosto a cantante Guadi Galego traerá a súa música ata o porto de A Guarda, nun concerto enmarcado na xira de presentación do seu último disco, Costuras, na que a cantante atópase inmersa. O concerto abrirase cunha pequena intervención do grupo de folk “Na Revolta”, de A Guarda, que interpretará algunhas pezas musicais antes do concerto de Guadi Galego.  


 Na Revolta

 O grupo folk Na Revolta cumpre 20 anos, tendo participado en numerosos concertos na comarca do Baixo Miño así coma no Festival Intercéltico de Lorient no ano 2006 ou coma preliminares do grupo Berrogüeto. Na Revolta conta con 7 compoñentes, Diego Vicente na percusión; Mª Elena Baz na percusión, Ana Pereira no baixo, Miguel Rodríguez con guitarra e voz, Iván Gómez con gaitas, Xurxo Vicente Ameal con gaitas e percusión, e Silvia Castro coa frauta traveseira. Na Revolta ten editado os discos “Al Punto” no ano 2008 e “Dale al ON” no ano 2019. 

GUADI GALEGO EN CONCERTO


Guadi Galego 

 Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual. Comezou a súa andaina con Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e continuou posteriormente, con novas sonoridades e proxectos, con diferentes colaboradores e acadando sempre grandes éxitos de público, crítica e recoñecidos premios. En 2005 lanza o seu disco “Espido”. Continúa no 2009 co disco en solitario “Benzón e no 2012 con “Acadacanto” onde sigue colaborando con Xavier Díaz, Guillerme Fernández ou Xosé Lois Romero. No 2014 ve a luz o seu segundo traballo en solitario, Lúas de outubro e agosto, e no 2016, ano en que acada o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de canción de autor, sae o terceiro, O mundo está parado. No 2019 estreou Immersion, unha relectura musical e lingüística das súas obras máis recentes da man de artistas como Iván Ferreiro, Clara Peya, Xabier Díaz ou Lisandro Aristimuño. Este álbum valeulle o Premio á promoción da realidade plurilingüe no Estado español. Tras unha xira e un ano marcados pola pandemia, Guadi Galego lanza Costuras, 10 cancións que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador.  

 A realización deste concerto que se enmarca dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra, conta ademais coa colaboración da Comisión de Festas da Virxe do Carme e da Asociación de Redeiras Atalaia, de A Guarda.  

 As inscricións para este concerto están xa pechadas con aforo completo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario