26 de ago. de 2026

A GUARDA

OS DESEÑOS E A CREATIVIDADE SOBRE RODAS SERÁN PROTAGONISTAS ESTE SÁBADO NA GUARDA COA IX BAIXADA DE CARRILANAS   

O evento dará o pistoletazo de saída á programación da Festa das Mercedes 

A rúa Concepción Arenal volverá converterse no escenario desta tradicional cita, que reunirá participantes e público nunha tarde marcada polo enxeño   


O percorrido terá a súa saída na praza Avelino Vicente e continuará pola rúa Concepción Arenal ata chegar á rúa O Porto, onde estará situada a meta
Fotos: Santiago Baz Lomba


Infogauda/A Guarda

 A Festa das Mercedes volverá encher de velocidade, creatividade e diversión as rúas da Guarda coa celebración da IX Baixada de Carrilanas, que terá lugar este sábado, 29 de agosto a partir das 18:00 horas.  

 A actividade está organizada pola Asociación de Veciños O Percamino, coa colaboración do Concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra, e volverá converter a baixada da rúa Concepción Arenal nun dos grandes atractivos das Festas das Mercedes da Gándara.  

 O percorrido terá a súa saída na praza Avelino Vicente e continuará pola rúa Concepción Arenal ata chegar á rúa O Porto, onde estará situada a meta. Durante a tarde, o público poderá desfrutar dunha particular carreira na que o enxeño e a orixinalidade das carrilanas serán, unha vez máis, protagonistas.  

 Nesta IX edición establécense diferentes categorías e recoñecementos. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados da categoría dobre e da categoría individual, así como un premio á carrilana máis divertida e orixinal. Ademais, todas as persoas participantes recibirán unha medalla como recordo da súa participación.  

 Para poder participar, as carrilanas deberán cumprir unha serie de requisitos obrigatorios: contar con catro rodas, ser para unha ou dúas persoas, dispoñer dun freo practicable e levar casco. Así mesmo, establécense unhas dimensións máximas de 160 centímetros de ancho e 240 centímetros de longo.  

 As persoas interesadas en participar ou en obter máis información poden contactar coa organización nos teléfonos 661 281 254, 649 887 379 e 647 607 456.

Ningún comentario:

Publicar un comentario