26 de ago. de 2026

A GÁNDARA (A GUARDA)

A Gándara prepárase para unha nova edición da Carreira Pedestre Popular Julia Vaquero 

 Que se celebrará o sábado, 12 de setembro, ás 18:00 horas

 

Julia Vaquero no momento da súa chegada á liña de meta, na edición precedente da Carreira Pedestre Popular que leva seu nome
Foto: Cortesía de Fe Seguros

Ricardo Rodríguez Vicente/A Gándara

 O sábado, 12 de setembro, A Gándara volverá converterse nun escenario para o deporte popular coa celebración da XXIV Carreira Pedestre Popular Julia Vaquero. A saída está prevista para ás 18:00 horas, nunha proba aberta a participantes de todas as idades e con inscrición gratuíta.  

 A organización deseñou diferentes percorridos en función das categorías. Os máis pequenos poderán participar en distancias adaptadas á súa idade: 100 metros para os nados en 2022 e posteriores; 300 metros para os nacidos entre 2018 e 2021; 750 metros para a categoría de 2014 a 2017; e 1.200 metros para os participantes de 2010 a 2013.

 Nas categorías de adultos, o percorrido será de 6.500 metros. Nesta distancia competirán os nados entre 1999 e 2009, entre 1985 e 1998, entre 1970 e 1984 e en 1969 e anos anteriores, correspondentes ás categorías E, F, G e H, respectivamente.  

 As inscricións poderán formalizarse ata o luns, 7 de setembro a través do teléfono 647 607 456 ou do correo electrónico opercamino@hotmail.com. Tamén será posible anotarse o mesmo día da carreira, entre as 16:30 e as 17:30 horas, na mesa de secretaría.

 A cita busca manter o espírito participativo que caracteriza esta carreira, cunha proposta que combina a presenza de atletas de diferentes xeracións e percorridos adaptados ás distintas idades. A ausencia de cota de inscrición facilita, ademais, a participación de afeccionados e familias.  

 A A.C.V.V. O Percamino figura como entidade organizadora, coa colaboración de FE Seguros, a Deputación de Pontevedra e o Concello da Guarda. Con todos os detalles xa definidos, A Gándara ten unha nova cita co atletismo popular o próximo 12 de setembro, nunha tarde na que o deporte e a participación volverán ser os protagonistas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario