Volve “Do mar á viña”, a iniciativa de Orpagu e Terras Gauda que marida viños, peixe e turismo mariñeiro
• As actividade eno/gastro/turística, cuxas prazas para as dúas xornadas pódense reservar xa na web www.terrasgauda.com, inclúe unha travesía a bordo do Piueiro e unha degustación de produtos.
Participantes nunha degustación de tres viños de Terras Gauda nunha perfecta maridaxe con diversos pratos elaborados con ventresca e lombos de peixe espada e atún de anzol
Mar Bermúdez / A Guarda
Fai tres anos, a Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) e a adega Terras Gauda decidiron unir forzas e impulsar unha actividade conxunta totalmente diferente ao que viña facendo. Desta forma naceu “Do mar á viña”, un evento estival de carácter multidisciplinar que aúna unha travesía a bordo do “Piueiro”, un percorrido polos viñedos da prestixiosa adega e unha degustación dos viños Terras Gauda, Abadía de San Campio e La Mar, nunha espectacular maridaxe coa ventresca e o lombo de peixe espada e o atún ao anzol capturados pola frota de Orpagu.
Esta iniciativa, cuxa duración é de aproximadamente tres horas, comeza en Terras Gauda para, ás cinco da tarde, chegar ao porto da Guarda e gozar dunha pequena travesía a bordo do “Piueiro”, o barco construído pola Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro para recuperar unha nave típica da cultura mariñeira guardesa, o volanteiro, tal e como explicará un dos seus representantes.
Tras esta singradura, os asistentes regresarán a Terras Gauda e realizarán un percorrido polos viñedos. Aí poderán coñecer as diferentes variedades que se cultivan e os coidados que requiren para que cheguen nas mellores condicións posibles á adega, que tamén visitarán, descubrindo o proceso que cada mes de setembro seguen as uvas na vendima.
Para finalizar a xornada, ofrecerase unha degustación de tres viños de Terras Gauda (Abadía de San Campio, Terras Gauda e La Mar) nunha perfecta maridaxe con diversos pratos elaborados con ventresca e lombos de peixe espada e atún de anzol, dúas especies capturadas pola frota que conforma Orpagu, a organización máis importante do palangre a nivel europeo.
As reservas para participar nesta actividade, que terá lugar o 27 de agosto e o 3 de setembro, pódense realizar a través da páxina web www.terrasgauda.com ou no teléfono 616 418 938. As prazas son limitadas.


Ningún comentario:
Publicar un comentario