Raíces de niebla recibe unha formidable acollida na Guarda
• A Casa dos Alonso acolleu na tardiña do venres a presentación do poemario de María Jesús Alonso, unha guardesa residente desde hai décadas en Nova York
Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda
Na tardiña deste venres, 28 de agosto, a Casa dos Alonso da Guarda converteuse no punto de encontro de numerosas persoas que quixeron acompañar a María Jesús Alonso na presentación do seu libro de poemas Raíces de niebla. O acto contou cunha formidable acollida e reuniu decenas de asistentes, ata completar a capacidade do salón de plenos da Casa do Concello.
O evento comezou poucos minutos despois das 20:00 horas coa intervención de Celso Rodríguez Fariñas, concelleiro de Cultura e Deportes, quen evocou diferentes episodios da época de xuventude da autora e tamén da súa propia xeración. Entre as lembranzas, referiuse ao vencello de Chús —como era coñecida naquela altura María Jesús Alonso— co balonmán feminino, deporte no que foi un dos referentes da vila da Guarda, así como á súa relación co colexio dos PP. Somascos.
E aquí este cronista permitiríase engadir outro capítulo á memoria daquela época: Chús Alonso foi tamén unha das pioneiras da música pop na nosa localidade, como vocalista do grupo Los Juncos, xunto con Manuel Ángel de la Peña Fernández (Peña), Jesús Recaredo Díaz Álvarez (Caíto) e outros mozos daquela xeración. Eran tempos nos que o colexio dos PP. Somascos funcionaba, en boa medida, como unha auténtica “factoría” creativa, baixo o impulso do inesquecible P. Orestes Caimotto.
Celso Rodríguez Fariñas lembrou tamén algunhas das reflexións que este cronista publicara nos días precedentes neste xornal dixital transfronteirizo. Así mesmo, anunciou que os ingresos obtidos coa venda do libro serán destinados a distintas ONG da contorna, que se determinarán oportunamente.
A continuación tomou a palabra Roberto José Álvarez Carrero, alcalde da Guarda, quen presentou e mencionou as persoas que o acompañaban na mesa —entre elas Angélica, Santi Rocha González e o propio Celso Rodríguez Fariñas— para compartir coa autora este momento tan especial.
O alcalde referiuse á vila natal de Chús Alonso e á súa posterior etapa de residencia na Guarda, antes de facer referencia á súa longa experiencia migratoria en Nova York. Alí, na gran metrópole estadounidense, María Jesús Alonso construíu a súa propia familia e estableceu a súa residencia, fisicamente afastada da súa querida Galicia, pero mantendo vivo o vencello coa terra de orixe.
Álvarez Carrero situou tamén os primeiros pasos literarios da autora naquela época na que empregaba algunha das máquinas de escribir do seu pai, Emilio Alonso Freiría. Unha imaxe que serviu para establecer unha ponte entre aquela moza que escribía e a muller que agora presenta, décadas despois, o froito dunha vida de experiencias, lembranzas e sentimentos.
Sobre o título do poemario, o alcalde destacou a súa relación con todo aquilo que existe e que, nalgún momento, pode quedar oculto pola néboa. Agradeceu, finalmente, a María Jesús Alonso que escollese A Guarda para presentar a súa obra.
Chegou entón o momento máis agardado: a intervención da propia autora. María Jesús Alonso comezou agradecendo todo o apoio recibido e confesando, con naturalidade e emoción, que sentía “pánico escénico”. Porén, asegurou sentirse moi feliz ao comprobar que estaba arroupada por tantas persoas amigas.
A autora explicou tamén a orixe dalgúns dos poemas e, ao referirse ao escritor colombiano Gabriel García Márquez, sinalou que procurou que os seus versos fosen tamén unha invitación á reflexión.
Nun dos momentos máis emotivos da tarde, María Jesús Alonso falou dos seus pais, aos que atribuíu unha importancia fundamental na xénese da obra. Segundo explicou, foron eles quen sementaron nela a semente que, co paso dos anos, acabaría dando lugar a Raíces de niebla. A autora tivo igualmente palabras de agradecemento para todas as persoas que contribuíron a facer posible o acto de presentación.
Entre os aplausos do público tomou a palabra Angélica, empresaria e amiga de María Jesús Alonso, quen puxo en valor as cualidades da autora: a súa valentía, determinación e nostalxia, entre outros sentimentos que percorren a súa obra. Referiuse a ela como “unha gran muller” e agradeceulle a decisión de compartir cos lectores os sentimentos que habitan nos seus poemas.
Deseguido falou Santi Rocha González, que comezou agradecendo a presenza e o apoio do alcalde da Guarda e do concelleiro de Cultura e Deportes. Rocha confesouse “orgulloso de haber colaborado con esta chica [Chús Alonso], amiga da infancia” e concluíu a súa intervención cun agradecemento ao Concello da Guarda.
E, antes de poñer punto e seguido á presentación, María Jesús Alonso convidou todas as persoas presentes a compartir un viño galego servido no vestíbulo da Casa dos Alonso.
Dicimos punto e seguido, porque a presentación de Raíces de niebla continuou máis alá do acto oficial. Moitas das persoas asistentes aproveitaron a ocasión para mercar o poemario e pedir á autora que lles dedicase unhas verbas. Foi así como a tarde se prolongou nun ambiente de proximidade, amizade e reencontros, cunha María Jesús Alonso visiblemente emocionada por regresar, aínda que só fose por uns días, a ese territorio afectivo que nunca deixou de formar parte dela.
A néboa pode ocultar por momentos o que temos diante dos ollos. Pero, como quedou patente nesta presentación, hai raíces que nin a distancia nin o paso dos anos son capaces de borrar.


Ningún comentario:
Publicar un comentario