31 de xul. de 2021

PONTEVEDRA

As farmacias amplían a súa colaboración coa Consellería de Sanidade na loita  contra a pandemia 

OS FARMACÉUTICOS PROCESAN  TEST DE  AUTODIAGNÓSTICO COVID-19  E COMUNICAN O RESULTADO 

· O Programa do  Servizo  Galego de  Saúde inclúe a persoas de entre 13 e 35  anos que non teñan a pauta completa de vacinación 

· O test de  autodiagnóstico realízase na farmacia e o documento co  resultado negativo é válido en Galicia para interior de hostalería e lugares de lecer   

· 732 profesionais farmacéuticos de 276 farmacias de Pontevedra participan no  Programa 



 

Infogauda / Pontevedra

 A Consellería de  Sanidade puxo en marcha,  en colaboración cos catro colexios de farmacéuticos de Galicia, o  “Protocolo para a realización de  autotest rápidos para detección de COVID-19 en farmacia  comunitaria”.  

 Adheríronse ao Programa 276 farmacias, o 63,2% das farmacias da provincia  de Pontevedra, e participan nel 732 profesionais farmacéuticos. 

 Desde o xoves 29 de xullo as persoas de idades comprendidas entre 13 e 35 anos  que non teñan a pauta completa de vacinación e teñan prestación farmacéutica do  Servizo  Galego de  Saúde poden acudir a unha das farmacias adheridas ao programa  para realizar un test de  autodiagnóstico e recibir un documento que acredite o  resultado da proba. Estas persoas teñen dispoñibles ata un máximo de catro  probas. 

 Trátase dun paso máis na colaboración entre estas institucións na loita contra  a pandemia, na cal os farmacéuticos están a ter un papel relevante e as  farmacias están a demostrar o potencial que lles dan a súa capilaridade e accesibilidade  para a realización de  cribados aos cidadáns.  

 O procedemento consiste en que o cidadán  incluído na poboación diana acode a unha das  farmacias participantes e solicita a  dispensación dun test de  autodiagnóstico. O  farmacéutico comproba se a persoa está  incluída no Programa e se ten dispoñible  algunha das catro probas que, como máximo,  ten dereito a realizar. No caso de que  sexa así, a persoa debe asinar o consentimento informado – se é menor de 16  anos serán os seus pais ou titor legal quen o  firme- e o farmacéutico indícalle como realizar  a toma de mostra, que realiza a propia persoa nunha zona habilitada na farmacia  baixo a supervisión do farmacéutico. O  farmacéutico procesa a mostra, comunica o  resultado ao  Servizo  Galego de  Saúde a través de  Rexel  e facilita ao cidadán un documento  co resultado. 

 No caso de que o resultado sexa positivo poñerase en funcionamento o protocolo  previsto polo  Servizo  Galego de  Saúde, e o farmacéutico indicará ao cidadán que  se ille no seu domicilio e espere a que se poñan en contacto con el. 

 Se o resultado é negativo, o documento que o farmacéutico entrega ao cidadán é  admisible en restauración, hostalería e locais de lecer de Galicia. 

 O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra puxo en marcha unha aplicación web para facilitar aos cidadáns a xestión da cita para realizar o test de  antígenos nas  farmacias da provincia de Pontevedra. Accedendo a  citafarmacia. cofpo. org os  cidadáns poden pedir cita por internet para a farmacia que elixan dentro o  horario e a dispoñibilidade que teña dita farmacia. A persoa deberá acudir á  farmacia que elixiu o día e hora da cita co seu DNI e portando unha máscara. 

Ampliación do Programa 

 A Consellería de Sanidade e os catro colexios de farmacéuticos de Galicia acordaron   hoxe que calquera persoa que se atope no territorio da Comunidade  Autónoma de Galicia e estea capacitada para realizar a  autorecogida da súa mostra poida acollerse á posibilidade de realización de probas de  autotest para a detección  de Covid-19 nas farmacias adheridas. 

 A presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, agradeceu   o labor e o esforzo dos farmacéuticos que están a colaborar nas  iniciativas contra a pandemia. “Os farmacéuticos sempre estamos dispostos a colaborar  e teño que agradecer aos farmacéuticos pontevedreses, non só a súa  implicación, senón a rapidez coa que adaptan as farmacias a todos estes programas  que, ademais de axudar a conter a expansión do virus, facilitan a vida dos  cidadáns nesta situación de crise sanitaria” e concluíu “732 profesionais  farmacéuticos de Pontevedra ofrecéronse voluntariamente para participar neste programa de test de  antígenos, o que pon de manifesto a gran implicación dos  farmacéuticos,  máxime cando as farmacias están a colapsarse coa emisión dos  certificados de vacinación.”

Ningún comentario:

Publicar un comentario