30 de xul. de 2021

A GUARDA

Sector e administracións auguran unha baixa execución do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro (FEMPA) “polas súas limitacións e falta de realismo”  

O novo instrumento financeiro da UE, a ciencia colaborativa e o peso da opinión pública na toma de decisións centraron a sétima edición das Xornadas Internacionais de Pesca organizadas por  Orpagu no Concello de A Guarda.  


O presidente e a xerente de Orpagu cos intervenientes nas Xornadas Internacionais de Pesca, ao remate do evento
Fotos: Mar Bermúdez

Mar Bermúdez / A Guarda

 “Tanto o sector como as administracións coincidimos en que, por desgraza, as condicións e limitacións do  FEMPA van seguir provocando unha baixa execución do fondo. A pesar diso, en  Orpagu apostamos polo futuro desta pesqueira e aproveitaremos o pouquiño que nos deixen para seguir mellorando naqueles aspectos que sexa posible”. Desta forma resumiu a directora xerente de  Orpagu, Juana Parada, a sétima edición das Xornadas Internacionais de Pesca organizadas polos armadores do palangre no Concello de A Guarda. Unha cita, presencial e en liña, na que tamén tivo un peso importante o concepto de “ciencia colaborativa” e a necesidade de poñer en valor os esforzos do sector “fronte ás  fake  news de orixe descoñecida que poden inclinar a toma de decisións das organizacións rexionais de pesca”. Nesta liña, Parada destacou que “a incursión da opinión pública nos foros de decisión obríganos a reforzar a colaboración de sector, comercializadores e científicos para contrarrestar as informacións falsas que tanto dano están a facernos”. 

 Tamén subliñou a xerente de  Orpagu, do mesmo xeito que fixeron nas súas intervencións o representante da Secretaría General de Pesca e a da Consellería  do Mar, en que a máxima que difundiu a UE de que todo o que non está expresamente prohibido é susceptible de subvención “é unha mensaxe moi atractiva, pero non se axusta á realidade”. En canto ás achegas que recibiu o Ministerio de Agricultura Pesca y Alimentación para a redacción dos criterios que deben rexer o FEMPA, Parada sinalou a preocupación que suscita en todos os presentes a ascendencia do Ministerio de Transición Ecológica: “Pálpase a súa influencia en cada páxina”, dixo. 

Fondos  Next  Generation para observadores electrónicos 

 Por outra banda, e no que se refire ás tres liñas de axudas dos Next  Generation ás que pode acceder o sector pesqueiro, destacou a vinculada á dixitalización da frota: “Publicarase o próximo mes de setembro e pode ser moi interesante en canto á observación electrónica e á mellora dos sistemas de comunicación nos barcos”. 

 Con todo, a directora xerente de  Orpagu insistiu na dificultade que ten o sector en acceder ás axudas europeas: “Por exemplo, os investimentos a bordo si, pero non aumentando a capacidade pesqueira e establecendo unhas limitacións que fan case imposible o seu cumprimento e, por tanto, o poder acceder a elas”. Por todo iso, lamentou que o  FEMPA sexa unha oportunidade contida “por unha banda, por esa influencia do Ministerio de Transición Ecológica e, por outro, polos seus requisitos. Aínda que, insisto, debemos aproveitar ao máximo todo o que se nos ofreza”.  

Un vídeo de tres minutos fronte a 10 anos de datos científicos 

 No que respecta ao primeiro bloque das xornadas, Juana Parada destacou a intervención do científico do IEO Jaime Mejuto, “o maior experto na pesqueira de quenllas”, e a importancia, cada vez maior, do “enfoque ético” nas medidas de xestión que se están adoptando sobre estas capturas. 

 Tamén resaltou a xerente de  Orpagu a necesidade de traballar máis na fase científica colaborativa porque “será máis difícil tomar decisións puramente políticas se hai unha  robusta base científica que indique o contrario”.  Neste sentido, incidiu na importancia de seguir colaborando cos investigadores e de difundir o que está a facer o sector en temas como sustentabilidade e boas prácticas.   

 “A opinión pública está a incidir tanto nas medidas de xestión que creo que é  importantísimo que nos poñamos as pilas nese sentido”, subliñou, porque non é normal que “nun foro  importantísimo teña máis importancia un vídeo de 30 segundo do que se descoñecía a súa orixe que un traballo rigoroso con datos científicos de 10 anos”. Para Juana Parada, “isto dános unha idea de como están as cousas e a necesidade que temos de insistir na difusión da realidade da frota.” 

 Por último, e como exemplo das cousas positivas que se están realizando por parte do sector, referiuse ao FIP Blues, o proxecto de mellora pesqueira posto en marcha por Anecteam e as catro  OPP’s do palangre de superficie (Orpagu,  Opromar,  Opnapa e  OPP 7). 

Participantes na xornada 


Joaquín Cadilla, presidente de Orpagu,  e Antonio Lomba, alcalde de A Guarda


 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e o presidente de  Orpagu, Joaquín Cadilla Castro, foron os encargados de inaugurar a xornada de traballo que se prolongou ata mediodía. Tras eles, falaron o investigador Jaime Mejuto; o presidente de  Anecteam, Emilio Martínez; o Xefe de Área da Unidad de Apoyo de la Dirección General de Ordenación Pesquera de la Secretaría General de Pesca, José Vicente Palmero, e a directora  xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería  do Mar, Mercedes Rodríguez. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario