A Xunta de Galicia participa no foro de debate sobre a Estratexia de especialización intelixente transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal
O director da AECT Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago, moderou o encontro no que tamén participou a directora da Área de Programas da Axencia Galega de Innovación, Luisa Boquete
O foro enmárcase no proxecto IMPACT_RIS3, que entre outros obxectivos inclúe a creación dun observatorio de I+D+ i na Eurorrexión
Infogauda / Santiago de Compostela
O director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago, moderou hoxe o panel Áreas estratéxicas de cooperación intelixente: principais desafíos e prioridades, no encontro en liña de discusión da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-norte de Portugal, que se realizou o día 25 de maio, no que tamén participou a directora da Área de Programas da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Luisa Boquete.
A sesión inaugural contou ademais coa participación do presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N), António M. Cunha e Joana Mendonça, presidenta da Axencia Nacional de Innovación (ANI). Pechou o evento a secretaria de Estado da Valorización do Interior, Isabel Ferreira.
Beraldino Pinto, vicepresidente da CCRD-N, na súa intervención avanzou a proposta de revisión das áreas estratéxicas da RIS3T 2021-2027 fronte ás existentes na RIS3T 2014-2020. Así, a Área da Enerxía, da Biomasa e do Mar pasan a englobar a Enerxía e a Economía do Mar; a dedicada ás Industrias agroalimentarias e biotecnolóxicas incluirá aos Sistemas agroalimentarios, bosques e biotecnoloxía; a Industria 4.0 cambia a Industria sostible e dixital; as Industrias da mobilidade convértense en Mobilidade sostible e enerxía. Por último, a área dedicada ás Industrias turísticas e creativas pasa agora a denominarse de Turismo e industrias creativas e a área de Vida saudable e envellecemento activo mantense. Francisco Pichel de GAIN, fixo a monitorización e avaliación do Ecosistema de Innovación da Eurorrexión.
As áreas estratéxicas de cooperación tamén foron destacadas neste fórum, cun debate que incluíu entidades como o Fórum Océano-Asociación da Economía do Mar, o Hub de Innovación Dixital DATAlife, o Dixital Innovation Hub Industrial de Galicia (Dihgigal), o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), a Entidade Rexional de Turismo do Porto e Norte de Portugal e o Health Cluster Portugal. Este panel contou coa moderación de Xosé Lago, Director do AECT da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal.
Este Fórum está enmarcado e promovido polo proxecto IMPACT_RIS3, que ten como obxectivos a implementación, xestión e gobernanza da RIS3T; a creación dun observatorio de I+D+ i na Eurorrexión; a formación, información e difusión da RIS3T entre os stakeholders; e a dinamización do ecosistema de innovación.
A Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (RIS3T), a primeira RIS3 transfronteiriza a nivel europeo, define un cadro de cooperación estratéxico que, no ámbito das políticas de innovación, poida mobilizar novas iniciativas para aumentar a captación de fondos europeos.
No ámbito da RIS3T foron definidas seis áreas estratéxicas de cooperación ao nivel da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal: enerxía da biomasa e do mar; industrias agroalimentarias e biotecnolóxicas; industria 4.0; industrias da mobilidade; industrias turísticas e creativas; saúde e envellecemento activo. O proxecto IMPACT_RIS3 conta coa participación da GAIN, da CCDR-N e da ANI e ten o apoio do Programa de Cooperación Interreg VA España–Portugal (POCTEP).
Ningún comentario:
Publicar un comentario