26 de mar. de 2021

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

RAMÓN GONZÁLEZ GONZÁLEZ CULMINOU CON ÉXITO "A CASA DAS TORRES" 

Reproducindo en miniatura a casa de D. Roque Camilo Carrero Lorenzo 


Margarita Pérez Castro e  Ramón González González coa maqueta da "Casa das Torres" - Foto: InfoMAXE

 

Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 Como se había proposto, o modelista Ramón González González, de Salcidos (A Guarda), marcouse o reto e levouno a bó termo, de facer en miniatura á "Casa das Torres", de Camposancos. Como queira que desde o primeiro momento contou coa mellor disposición da familia propietaria dese inmoble, o artesán vén de presentarlles seu traballo, como queda documentado na fotografía que acompaña esta breve crónica, na que podemos ollar a industrial hostaleira Margarita Pérez Castro, de Camposancos, e a Ramón González González.

 A "Casa das Torres", é unha singular casa indiana - situada no barrio de Outeiro, a beira da Estrada de Camposancos - cuxa fachada principal está orientada deica o tramo final do río Miño. A fermosa vivenda, que foi construída por vontade do emigrante na República Dominicana e emprendedor camposino D. Roque Camilo Carrero Lorenzo - membro da Corporación municipal de A Guarda, que foi represaliado polo franquismo, sendo fusilado en Tui o día 7 de decembro de 1936  -, tivo como mestre de obras a D. Teodoro Savariz Pérez (Camposancos, 9 de novembro de 1848 -  9 de decembro de 1927) autor a súa vez, do Hospital Casa-Asilo, que logo de ter diferentes denominacións - entre elas Centro Rural de Higiene ou Centro Sanitario - hoxendía todos coñecemos como Centro Cultural. 

 D. Teodoro Savariz Pérez, home culto e con acreditada formación técnica tivo unha destacada actuación como mestre canteiro e contratista,  e entre outras importantes obras dirixidas por él, queremos salientar o antigo Colexio San José, das Irmás Carmelitas, de A Guarda; a casa do destacado industrial D. Eloy Domínguez Veiga; a casa do indiano D. Manuel Otero e de Dona Joaquina Sobrino (onde estivo a Casa Asilo de A Guarda, e onde está desde súa fundación o Centro San Xerome Emiliani); a casa de D. Manuel Álvarez Vicente (onde está a Panadería do Muño); a casa da familia Candeira (que ademáis de ser a vivenda da familia Martín Goyás, foi ao longo de moitas décadas Hostal Martín Rey), etc. 

 A "Casa das Torres", é sen dúbida o inmoble máis popular da parroquia de Camposancos. 

 Desde este xornal dixital transfronteirizo dámolles públicamente nosos parabens a familia de D. Roque Camilo Carrero Lorenzo por colaborar con Ramón González González, e dese xeito lograr reproducir a pequena escala un inmoble tan emblemático como a "Casa das Torres", onde a memoria ainda nos evoca ao industrial D. Camilo Pérez Vicente, que ao longo de moitos anos traballou en perfecto tándem coa súa dona Dona Laura Castro Barcia, ao fronte dos seus establecementos na praia de Camposancos, creando emprego na zona. E lembramos tamén ao mestre reloxeiro D. Nicanor Otero Neira, de quen nos anos 70 do pasado século tivemos a sorte de escoitar gratas notas musicais cando no descanso, tralo xantar, tocaba seu violín, diante dunha íntima audiencia familiar, maioritariamente feminina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario