RECANTO DA ARTE
RAMON GONZÁLEZ GONZÁLEZ, AUTOR DE MAQUETAS
DO PATRIMONIO ARQUITECTÓNICO MIÑOTO
Presenta na Casa dos Alonso
súa exposición Arquitectura en Porispán
Ramón González González, xunto a unha das súas maquetas que presenta na exposición
Fotos: Infogauda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Comezou facendo un belén, e andado o tempo,
por causas alleas a súa vontade, produciuse unha interrupción temporal na súa
traxectoria profisional, que lonxe de xerarlle unha situación de pánico, foi
realmente un punto de inflexión na súa vida, que lle motivaría a crear maquetas,
inicialmente de vivendas. Concretamente vivendas onde nalgunhas delas, non en
todas, por suposto, o paso do tempo non levou parella o necesario mantemento
dun patrimonio onde a pedra, a madeira e a tella do país, foran os principais
materiais constructivos.
Logo dunha tempada facendo ese tipo de
maquetas, sería súa dona a que lle suxeriría asumir proxectos de máis calado, no
que respecta a tempo de traballo, e dende entón aí está, adicándolle as horas
necesarias - que por suposto non contabiliza - fora da súa xornada laboral.
Falamos de Ramón González González, natural e
veciño de Salcidos (A Guarda), da familia – por vía materna – dos “Caseiros”, que foi alumno do gratamente
relembrado mestre D. Francisco Valderrama, na Escola nº 1, da Portela (Salcidos),
moi preto do lugar de nacemento de Ramón, que tamén sería discípulo de dúas
profesoras xóvenes que chegarían despois, nunha época na que se produciu unha
transición pedagóxica, pasando dun único libro - a Enciclopedia Álvarez – Intituitiva, sintética y práctica (como así
figuraba na súa portada), da Editorial Miñón, de Valladolid, nas súas versións
de 1º, 2º e 3º grado, respectivamente -´aos libros de texto por asignaturas.
Alí estudou ata 6º e despois pasaría ao antigo
Colexio Público Manuel Rodríguez Sinde, de A Guarda, onde cursou 7º e 8º.
E logo dese breve etapa formativa viría a
etapa de lasqueo* na construcción.
Traballou en varias empresas de A Guarda, entre elas, na de Antonio Portela, (a)
“O Palleiras”.
Fixo o servicio militar na Armada, sendo
destiñado ao “Cabo Fradera”, na Comandancia Naval do Miño. “Eu pensei que me tocara para un barco e resulta que o barco estaba en
Tui”, díxonos sorrindo Ramón.
Tamén coñeceu a emigración, no seu caso a
Suiza. Onde estivo dúas tempadas, traballando en Lucerna, na primeira delas, e
en Ben Bruken, a segunda.
Non continuaría indo a traballar a Suiza
porque levaba algún tempo saíndo cunha moza de Tui e ao final, daquela non
conseguiron un contrato e tiveron que quedar eiquí.
Logo viría o casamento e comezaría a traballar
na empresa de construcción de Moreira na que estivo – ata que pechou - uns 27
anos.
No decurso dun período de algo máis dun ano
foi cando comezou a facer maquetas de máis envergadura que as do belén que
fixera inicialmente.
Ainda que Ramón é autodidacta, non desprezou á
información que circula na Rede de redes. Dese xeito foi sacando datos, e a
partires daí xa lle resultaba máis fácil súa labor. Foi nese intre cando María
Jesús, á súa dona, lanzoulle o reto de comezar unha obra que lle levara máis horas,
xa que o obxectivo de Ramón era ocupar seu tempo libre, pois nesa altura
atopábase en situación de desemprego. Poderíamos decir que esa afección polo modelismo
a escala foi para el como unha terapia ocupacional, xa que Ramón, unha persoa
moi activa, sempre estivera traballando ata ese momento.
Como dixemos, a Ramón non fixo falla que
ninguén lle ensinara a facer maquetas. De tódolos xeitos el quixo perfeccionar
os acabados e coñecer ás técnicas que poden verse nos titoriais. Foi cando pudo
comprobar que hai verdadeiras marabillas. Por iso foi seguindo o labor de
varias persoas que “colgan” seus vídeos na Rede. Dese xeito aproveitou aspectos
técnicos que lle interesaban.
A preguntas deste cronista, Ramón díxonos que
de determinados autores gustáballe como pintaban. Doutros, como tallaban. Ainda
así, el fixo unha selección das diferentes técnicas, collendo o mellor de cada
unha das persoas que divulgan seus traballos e dese xeito, concentrar
todo ese coñecemento e reflectilo nas súas obras.
E a base “de mallar” – como el mesmo nos dixo
- foron saíndo desde 2013 ata hoxendía, cada unha das maquetas que estes días
presenta con grande éxito de público e de crítica na Casa dos Alonso, de A
Guarda.
Hai moitas técnicas, pero Ramón González adoitou
unha que é a que mantén ao longo destes 6 anos de actividade. Esa técnica, resúmese, segundo nos referiu: “É simplemente traballar o porexpan”.
Cando lle preguntamos cal é seu proceso
creativo, Ramón respostounos: “Se podo
conquerir os planos, fíome por eles, como por exemplo na casa da familia
Reboredo Otero, que accedín os planos orixinais. Do Centro Cultural tamén
conquerín copias dos planos, que me foron facilitadas pola Asociación InfoMaxe.
Se
consigo os planos adáptoos a unha escala - 1:33 - que teño. É unha escala
rara porque foi coa que comencei as casas, adaptadas ás figuras que teño no belén,
e quixen conservala. Aparte diso, quero continuar traballando con ela para que
a xente poida apreciar e comparar as proporcions dunhas maquetas con outras. De
tal xeito que nos permita facer unha comparativa entre dúas igrexas diferentes
e apreciar os [respectivos] volumes construídos (...)”.
Cando non pode acceder a planimetría dun
inmoble eclesíástico ou civil, Ramón apóiase nas imaxes fotográficas e
medicións propias in situ.
Co “porexpan” – acrónimo de poliestireno
expandido – de obra, como el mesmo denomina o material que emprega
maioritariamente nas súas maquetas, Ramón González González leva creado unha
selecta mostra de inmobles eclesiásticos e tamén civís.
Mostrou súas maquetas nun baixo da casa que
fora propiedade de D. Bernardo Alonso Martínez, na rúa Vicente Sobrino, onde
houbo un importante establecemento comercial – Salcidos Hnos. - e coa
colaboración da Asociación InfoMaxe, fixo seu debut expositivo.
A seguinte exposición foi na Feira de San
Gregorio, en Pías (O Rosal), presentando varias vivendas e tamén a igrexa
parroquial de Santa María da Asunción, de A Guarda. Para esa ocasión fixo ex
profeso a capela de San Gregorio, “para
levar un detalle da zona”.
Posteriormente foi en Tui, nunha edición da
Feira Agrícola, nas festas de San Telmo. “A
exposición resultou moi ben. Coñecín moita xente. Incruso algunha persoa [José
Martínez Clotet] de Tui que se adica a
facer maquetas. A verdade e que encantoulle a exposición. Incruso animoume a
continuar e díxome que lle gustou a forma de traballar.
Despois expuxen na Casa do Concello do Rosal,
con motivo dunha edición da Feira do Viño do Rosal”.
A petición do cóengo, arquiveiro e director do
Arquivo Capitular e Histórico Diocesano, de Tui, Lic. D. Avelino Bouzón Gallego,
tamén expuxo en Rebordans (Tui), a maqueta da capela da Virxe do Camiño.
Un dos obxectivos a curto ou medio prazo, de
Ramón González, é mostrar súas maquetas na cidade de Vigo.
En canto a novas obras, Ramón ten in mente facer a maqueta do que fora o histórico conxunto
cenobial formado pola igrexa de San Bieito e o convento da Transfiguración do
Señor, da comunidade bieta que desde 1558 e ata 1984, houbo na vila de A Guarda. “Esa sería unha das grandes obras. Un gran proxecto, a longo prazo”,
refire Ramón quen engade: “Inmediatamente
quero facer a fachada da Panadería do Muño [ubicada no inmoble que pertenceu ao último
alcalde republicano de A Guarda, D. Brasilino Álvarez Sobrino]. Ten unha fachada que me gusta moito.
Isto
funciona por impulsos. Non podes facer unha cousa para a cal non estés
motivado. Gústame facer aquilo e gústame facelo nese momento. Porque se vas
obrigado, entón non sai.
Como agora teño o antoxo desa fachada.
Xa
estiven falando con Fernando [Soler Sáez]. Díxome que sen problema. Incruso me
facilitou os planos [da reforma do inmoble], feitos polo arquitecto José Ignacio Peña Chocarro, e en canto remate
unhas cousiñas que estou facendo...”
No referente á técnica que emprega Ramón
González para facer as maquetas da súa autoría el refire: “A técnica – por decilo dalgunha maneira - xa viches como é. É porexpan. Hai que cortar tiras, tratando de adaptalas
como mellor te conveña,...
Vas tallando “pedras” no mesmo material,
aplicándolle calor [cun pirogravador]. Para marcar pedras eu fágoo así, e o resto
é cúter, todo manual (...) ”.
Ramón díxonos que as cornixas fainas “por peciñas, superpostas. Unha encima da
outra, para que se vexa o resalte,...”
Preguntámoslle se as tellas son de arxila, e
Ramón respostounos: “Non, non. Son de
porexpan. Ése é un tema polo que máis me preguntan. Vou ter que traer unhas
poucas para ter eiquí [na exposición]. Corto
unha por unha. Fago unhas tiras do ancho da tella. Teño un molde de tablex co dibuxo
da tella, dunha medida que me interesa,
De forma cónica, porque teño que facela como se fose unha tella
orixinal. Collo unha tira de material e corto 5 ou 6 de cada tacada. Poño
varias tiras. Marco soio unha, pero corto varias. E salen uns taquiños, que
teño que dobralos enciba dun pau, para facerlle a curvatura, e quedan máis ou
menos. E despois xa se suxetan. E como a canle, ... Nas obras a canle tamén
existe, e cando meto iso, ainda que tendan a abrirse, méteslle á seguinte e xa
queda apertada (...)”.
Respecto a se no interior de cada maqueta
leva unha estructura de reforzo, para darlle máis consistencia, Ramón responde
afirmativamente. “(...) Tiras pegadas,
simplemente para reforzar (...)”.
Satisfacendo a curiosidade do entrevistador,
respecto a se mentras traballa escoita algún tipo de música, Ramón afirma que
sí. “Teño que ter música, Teño que ouvir
ruído. Non unha música concreta. Teño que ter algo alí,... Acostumo a escoitar
música de todo tipo, na radio (...)”.
Cando este cronista lle preguntou se algunha
vez se lle pón rebelde algunha obra, Ramón responde: “Sí, sí. E hai que deixala, para relaxarse,... Senón quéimase ún moito”.
No referente ao tempo que lle leva cada
maqueta, Ramón afirma que é moi dificil sabelo, porque “son chiscos. Remato de traballar ás 7 da tarde. Teño alí [no domicilio familiar] un pequeno garaxe. E
desde ás 7, pode ser ata ás 8, 9, ou ata ás 10:00 da noite mesmo. Dependendo do
día e do que esté facendo. Porque hai días que tes que aproveitalos. Si ves que
a cousa che vai ben, e estás motivado, ou deixar algo preparado para outro
día,...
Este é
un material que non admite colas rápidas. Nin “loctites”. Tes que deixar acomodado aí, pegar, e cecais agardar.
Hai días que me interesa deixar cousas pegadas se quero continuar ao día
seguinte. Entón poden ser dúas ou tres horas como nada. E sábados completos, ao
mellor. E aí o tempo se te vai xa! Pero xá!.
Non contas ás horas porque estás concentrado
no que estás a facer, que nun momento dado xa oes a voz da muller: Pasa á cear, que xa vai sendo hora!”
Respondendo a outra pregunta, respecto se
había pensado en porlle prezo ás súas obras, Ramón González díxonos: “Ainda non”.
Xa tivo varias pretensións de compra de obras.
“Ainda esta semana querían levar a
maqueta da capela da Guía para poxala o día da festa.”
Respecto a cal sería o prezo de venda desa
obra, Ramón afirma. “Eu quería que a
valorara á persoa interesada. Non sabería que prezo porlle. Tería que pararme a
estudalo”.
Decímoslle que probablemente nin lle preocupa,
e respostounos: “De momento non. Tiña
que vir unha persoa moi interesada e eu intentaría replicarlla. En todo caso,
tiña eu que verlle verdadeiro interese, non para tela alí, sen máis”.
Na exposición que estes días presenta na Casa
dos Alonso, Ramón González mostra varias casas feitas para belens navideños, así
como a igrexa parroquial de Santa María da Asunción de A Guarda, o Centro
Cultural, a igrexa de San Lourenzo de Salcidos, a capela de San Roque, tamén en Salcidos, a
capela das Mercedes, na Gándara (Salcidos), a capela da Virxe da Guía, en Ribadavila (A Guarda), a
capela de San Gregorio, en Pías (O Rosal), a capela da Virxe do Camiño, de
Rebordáns (Tui), a fachada do Concello do Rosal, a vivenda da familia Reboredo
Otero, en Ribadavila (A Guarda); a panera típica asturiana, con tellado de tella con pegoyos de madeira, vivenda de Isaac Benito
Cadilla, en Fornelos (O Rosal), e un escudo heráldico da familia González –
Rodríguez, que é un detalle de agasallo a María Jesús.
“Porque
entre obra e obra, as veces require un relax,... Chega un punto que te satura.
Aparte que as obras grandes levan moito tempo, tes gañas de mirala [rematada].
Cando acabas quedas no limbo.
Daquela,
ata que arrancas outras vez, porque non é chegar é comezar, hai un parón aí.
Porque hai que comezar con gañas. Por iso xurdiu o do escudo, e saiu (...)”, díxonos satisfeito Ramón.
En relación a se algún dos seus fillos (unha
muller e dous varóns), gústalle esa afección, Ramón respostounos que “están estudando. Están coas súas
carreiras. Non teñen tempo para iso. Cecais a rapaza teña unha vena máis
artística. Gústalle a pintura. Non as maquetas. Pero todo o relacionado coas
pinturas, dibuxo,... gústalle. Agora aos outros dous, non. Os maiores, estudo
e...(...)”
No referente ás opinións que as persoas que
visitan a exposición lle trasladan tanto verbalmente como por escrito nun libro
ao efecto a disposición do público, Ramón díxonos: “A verdade é que a xente queda sorprendida, cecais polos detalles.
Están moi coidados. Iso sí que teño ese defecto”.
Como queira que este cronista lle responde que
máis ben é unha virtude, Ramón ratifica nosa afirmación cunha soia verba: “Sí!”.
“Gústame
perfeccionar – engade Ramón – porque
cando fago á réplica gústame que sexa o máis exacta posible. E procuro levalo a
extremos que as veces boto días cun detalle e sale. Cando non me sale, déixoo
momentáneamente e volto a insistir noutro momento. Iso é o que cecais máis me
agradece a xente. Penso que é o máis sorprendente”.
Como o entrevistador lle preguntou se non
pensou na ermida do Monte Santa Trega, Ramón respostou: “Estamos aí. Ademáis estivo un señor vendo a exposición e xa nos
ofreceu os planos, para non ter que medir.
Como tamén estivo na exposición unha señora e
preguntoume porqué non estaba a igrexa de Camposancos, tendo cáseque todas as
da zoa,... Díxenlle, estamos aí. Non deu tempo a máis.
Eu quero ter todas as igrexas da zona e tamén
algunha construcción civil un pouco sobresaínte...
A
casa da familia Reboredo, non é un antollo, pero como teño unha grande amizade
con eles, pregunteilles e dixéronme que sí. Tamén con vistas a esta exposición,
para que a xente non se aburrira. Está visto que co porexpán pódese facer todo
o que se queira. Non hai límites.
Por iso, para non repetir sempre o das igrexas
tratei de ter tamén unha construcción civil para acreditar que pódese lograr o
que se queira”.
Así é Ramón González González, un traballador que coa
súa iniciativa, o apoio incondicional de súa familia, seu gusto personal, e
moita dose de pacencia, logra que súas maquetas sexan todas elas unhas auténticas
obras de Arte. Con maiúsculas.
*lasqueo: Na xerga dos cabaqueiros (traballadores das
telleiras), significa traballo.
Horarios da exposición Arquitectura en Porispán, de Ramón
González González:
Laborais:
De
9:00 a 14:00 horas, e de 19:00 a 21:00 horas.
Festivos:
De
19:00 a 21:00 horas
Lugar:
Casa dos Alonso (Praza do Reló), A Guarda
Organiza:
InfoMaxe
Colabora:
Concello de A Guarda
Ningún comentario:
Publicar un comentario