A Federación Galega de Motonáutica impartirá un novo curso en Tomiño para obter ou renovar a licencia de navegación
· A actividade terá lugar o vindeiro sábado 10 de abril, sendo o día 6 o último día para apuntarse
Na imaxe de arquivo, as persoas participantes no curso celebrado en Goián, no verán de 2020 - Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
A Federación Galega de Motonáutica impartirá en Tomiño un novo curso para obter ou renovar a licencia de navegación. Impartirase o sábado 10 de abril, sendo o día 6 o último día para apuntarse.
O curso, que será impartido no Espazo Fortaleza de Goián, consistirá nunha parte teórica e outra práctica, para a cal se empregará o pantalán existente na área. Na actividade poderán participar persoas con mobilidade reducida grazas á posta en disposición dunha embarcación adaptada.
No último curso realizado no municipio no verán de 2020, participaron un total de 22 persoas, das cales 15 obtiveron a licencia e outras 7 conseguiron renovala. Se a nova convocatoria ten boa acollida, valórase a posibilidade de realizar un novo curso a finais do verán.
Desde a Federación Galega de Motonáutica agradecen a colaboración do Concello de Tomiño para a realización destas actividades, entre as que se atopan tamén a xa consolidada celebración no municipio dunha das probas do Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica, que este ano terá lugar o día 5 de xuño.
Para realizar a inscrición e obter máis información, pódese enviar un correo electrónico ao enderezo info@fgmotonautica.org.
Ningún comentario:
Publicar un comentario