27 de nov. de 2025

A GUARDA

A piscina climatizada municipal de A Guarda pechará o vindeiro 6 de decembro para o comezo das obras de rehabilitación total  

 O investimento ascende aos 2.883.000€ 


Aspecto final do exterior e do interior, que terá á piscina climatizada municipal de A Guarda cando rematen ás obras de rehabilitación

Infografías: Concello de A Guarda



Infogauda / A Guarda  

 No día de hoxe, xoves, 27 de novembro de 2025, o goberno municipal do Concello de A Guarda fixo público que "o próximo 6 de decembro a piscina municipal da Guarda pechará as súas portas para dar comezo ás obras de mellora e rehabilitación enerxética. No mes de decembro xa non se realizarán cursos nin actividades, nin se pasará recibo do mes de decembro aos usuarios. Do 1 ao 5 de decembro a piscina estará aberta de xeito totalmente gratuíto.  

 A piscina municipal da Guarda sufrirá unha renovación total, destacando a rehabilitación enerxética. Actualmente, o consumo enerxético é moi elevado pola súa antigüidade, polo que se realizarán un conxunto de medidas que reducirán nun 78% o seu consumo actual.   

 Para conseguir unha maior eficiencia enerxética procederase á instalación de paneis fotovoltaicos, dun novo sistema de climatización por aerotermia, do sistema de illamento térmico exterior (SATE), do sistema hidráulico e tratamento da auga, así como ao cambio de toda a iluminación por tecnoloxía LED de baixo consumo.  

 As instalacións deportivas tamén sufrirán cambios e melloras importantes. Como principal novidade, construirase unha piscina pequena para que sexa o primeiro contacto dos máis pequenos coa auga cunha maior seguridade. Ademais, ampliarase o espazo dedicado ao ximnasio e ao spa, que pasará de ter sauna e jacuzzi a incluír tamén un baño turco. En todos estes espazos, garántese a accesibilidade universal, eliminando barreiras arquitectónicas e realizando melloras en vestiarios, accesos e equipamentos adaptados.  

 O investimento nesta rehabilitación ascende aos 2.883.000€, contando coa subvención da Xunta de Galicia de 617.000€; con 700.000€ do Plan Extra da Deputación de Pontevedra; e co financiamento do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos (PIREP) do Goberno de España a través dos fondos Next Generation, que ascende a 1.566.000€.   

 Deste xeito, a renovación da piscina municipal permitirá un servizo deportivo e de saúde accesible durante todo o ano, non só para os habitantes da Guarda, senón que tamén para os da súa comarca, sendo a única piscina cuberta pública do Baixo Miño".

Ningún comentario:

Publicar un comentario