Éxito das actividades conmemorativas do Día Internacional da Muller 2021
Alumnado e monitora nunha das actividades da campaña de sensibilización - Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Nun ano marcado pola pandemia e polas restricións sanitarias, desde o Concello de A Guarda programáronse actividades adaptadas á situación actual para seguir reivindicando e loitando por unha igualdade real entre mulleres e homes en todas as esferas da vida (no ámbito persoal, familiar, laboral, de lecer,...).
Actividades programadas este ano 2021:
Campaña de sensibilización
A vila de A Guarda encheuse de aforismos, frases curtas e verbas a prol da Igualdade da muller.
A través do poder dos deseños, composto dun perfil de caras de mulleres de diferentes idades e razas, e mostrando palabras ou frases a prol da Igualdade, conmemorouse dende A Guarda o Día Internacional da Muller.
Desde o Concello indicaron que o material empregado para pendurar os carteis de formato redondo nas árbores foi corda de cáñamo coa intención última de non ferir ás árbores.
A campaña de sensibilización complementouse cun valo publicitario na Finca de Fínola; a colocación dunha pancarta no balcón do Concello; a iluminación en cor morada do Concello e do CIM; así como unha entrevista á directora do CIM na radio do IES A Sangriña, feita polo propio alumnado do centro.
E este ano centráronse as actividades na poboación máis nova, as crianzas e a xuventude, porque desde o equipo de goberno municipal consideran primordial que a concienciación e o fomento da igualdade entre mulleres e homes estea centrada neste sector da poboación.
Actividades nos centros de ensino
Na xornada do martes día 9 de marzo o alumnado participou no Contacontos "O Pozo das Señoras" con Rilo e Penadique (contadora de contos e música), levándose a cabo en formato en liña (debido a situación sanitaria actual). O evento estivo dirixido a crianzas con idades comprendidas entre os 6 e 10 anos.
Ofreceuse a todos os centros de ensino de A Guarda unha ligazón que estivo dispoñible durante toda a mañá do martes día 9 para facilitar o seu acceso e adaptarse á programación educativa de cada centro.
A actividade denominada "Mulleres galegas, donas do seu" estivo dirixida ao alumnado de 1 º de Bacharelato do IES A Sangriña. Foi un dos exercicios prácticos de interpretación do patrimonio material e inmaterial galego, que 14 alumnos/as de 2º curso do Ciclo Superior de Guías, Información e Asistencia Turística do CIFP de Hostalaría e Turismo Carlos Oroza en Pontevedra, deseñaron no módulo de Procesos de Guía que imparte a profesora Tina Otero.
Consiste en investigar e recuperar aspectos moi interesantes da dura vida que moitas mulleres galegas e non galegas tiveron ao longo da historia e convertilo nun discurso dinámico, interesante e actual para que a nosa audiencia, xente moza, coñeza a estas protagonistas, mulleres que viviron en tempos duros, difíciles,..., pero que non se acobardaron,… Loitaron, traballaron e se esforzaron para mellorar a súa situación, a das súas familias e sen sabelo a de toda a sociedade, porque elas axudaron a que agora no século XXI as mulleres teñamos máis dereitos, liberdades e unha mellor vida, de feito van recoñecer nestas historias ás súas nais e avoas.
O obxectivo principal deste traballo foi aplicar os coñecementos, destrezas e habilidades acadadas durante o ciclo e preparar emotivos discursos complementados con dinámicas presentacións que sacan do esquecemento histórico a estas mulleres, darlles voz e poñelas como exemplo para invitar a toda a sociedade a seguir loitando por esa igualdade e liberdade que desgraciadamente aínda a día de hoxe as mulleres e as xoves ás que está dirixido este discurso as veces non temos… Buscouse provocar na audiencia unha reflexión e reacción final positiva con cada unha das mulleres e oficios que presentaron. Por iso a grande importancia de proxectos como o que presentou a profesora Tina Otero que ofreceu a oportunidade de crear sinerxias entre os diferentes centros educativos e o CIM de A Guarda.
Desde o Concello agradecen a colaboración desinteresada tanto do alumnado do Ciclo de FP como da súa profesora.
Dado o éxito da actividade, ao finalizar a mesma, acordouse entre as responsables implicadas dos tres centros participantes que este proxecto marcou o inicio de novas colaboracións futuras para camiñar unidas e unidos cara unha a consecución dunha igualdade real.
Ningún comentario:
Publicar un comentario