A Xornada de posta en valor do patrimonio cultural de A Guarda contou con boa acollida
• Máis dunha vintena de persoas (empresarios, particulares e representantes de colectivos e asociacións da vila) participaron nese evento aberto a toda a cidadanía
• A iniciativa contou coa participación de expertos coma Joaquín Miguel Villa Álvarez e investigadores da Universidade de Vigo, socia deste proxecto europeo
Infogauda / A Guarda
Na tarde de onte día 10 de marzo, o salón de plenos do Concello de A Guarda acolleu a xornada - organizada pola Universidade de Vigo - para a co-creación de solucións para a posta en valor do patrimonio cultural de A Guarda.
O alcalde de A Guarda nun momento da súa intervención
O evento arrancou ás 16:30h cunha benvida por parte do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, quen destacou a iniciativa coma moi interesante para a posta en marcha de novas oportunidades de negocio e de desenvolvemento turístico, cultural e patrimonial.
Esta xornada tivo coma obxectivo contribuír a crear novos produtos e servizos que poidan ser comercializados polos profesionais e entidades da zona para dinamizar e atraer novos viaxeiros ao concello.
O programa da sesión estivo dividida en dúas partes. Na primeira delas realizouse unha charla con expertos sobre o patrimonio cultural inmaterial de A Guarda e boas prácticas no sector e, despois dunha breve pausa, realizáronse mesas de traballo nas que os asistentes puideron traballar no desenvolvemento de novos produtos e servizos turísticos para o territorio.
Nesta xornada participaron tamén expertos coma Joaquín Miguel Villa Álvarez eu investigadores da Universidade de Vigo, socia deste proxecto europeo, que segundo indican desde o Concello "foi moi ben valorado por parte dos asistentes".
Ningún comentario:
Publicar un comentario