11 de mar. de 2021

O ROSAL

Arranca o Consello Municipal da Educación do Rosal, un espazo de traballo colectivo a prol da ensinanza  

Integrado por representantes de todo o tecido educativo da localidade, permitirá unha colaboración aínda máis estreita entre Concello e representantes do eido educativo  

 

Captura de pantalla dun momento da xuntanza telemática para constituír o Consello Municipal de Educación - Foto: C.O.R.

 

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal vén de constituír o Consello Municipal da Educación, un novo órgano consultivo integrado por representantes de todo o tecido educativo do municipio que funcionará como un espazo de traballo colectivo a prol da ensinanza, un lugar onde preguntar e responder que sirva como foro de debate e reflexión, viveiro de propostas e fonte de visión crítica. “O Consello de Educación nace como un sitio común onde traballar sobre o futuro da ensinanza no Rosal, un espazo distinto ao dos consellos escolares de cada centro, que teñen unha vida propia e un obxectivo diferente. Este consello busca achegar propostas e novas ideas, non decidir como traballar nos distintos centros”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante a reunión de constitución, celebrada por videoconferencia. 

 Xunto aos concelleiros de Educación e Participación Veciñal, Carlos Villanueva e Ramón Fernández Leal, este novo Consello está integrado por representantes do profesorado da Escola Infantil A Galiña Azul, do CPI Manuel Suárez Marquier e do CRA María Zambrano, así como por memrbos da ANPA de cada centro e representantes da Agrupación Musical, da asociación San Xerome Emiliani, de Avelaíña e do alumnado que participa no Consello Escolar do CPI. Tamén forman parte deste novo órgano a psicóloga Andrea Iglesias e a educadora familiar municipal, Sandra Alonso. 

 Este encontro serviu para facer unha primeira toma de contacto entre as persoas participantes e achegar ideas para a celebración das dúas próximas conmemoracións: o Día do Libro Infantil e o Día do Libro, que se festexan o 2 e 23 de abril, respectivamente. Dende o Consello propuxéronse diferentes actividades para realizar de xeito telemático ou presencial con todas as medidas de prevención necesarias coas que achegar os libros a nenos, nenas e mocidade tendo en conta inclusión e idade, como a creación de contos con area, a recomendación de libros, contos teatralizados, microrrelatos, a tradución ao galego dalgún libro ao galego que non estea neste idioma... Durante a reunión lembráronse tamén experiencias que están xa a funcionar, como os contacontos intercambiando profesorado e alumnado do CRA e do CPI, ou o ‘Apadriñamento lector’ e o ‘Receitar libros’ que se está a realizar no CPI. Entre outras ideas tamén xurdiu a proposta de realizar unhas xornadas centradas na educación. 

 O Consello Municipal de Educación súmase así ao de Deporte, Cultura, o de Igualdade e ao de Desenvolvemento Local, que buscan crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva nos distintos ámbitos da vida da localidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario