A Deputación de Pontevedra pecha cos sectores da hostalería e turismo o compromiso do 1% do orzamento provincial
Carlos Font e Santos Héctor reuníronse coas asociacións de Pontevedra e Vigo a quen trasladaron o "inequívoco" apoio da institución ao sector, quen recoñeceu o esforzo orzamentario do mundo local
Os deputados Carlos Font e Santos Héctor na reunión cos hostaleiros - Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra e os sectores da hostalería e o turismo da provincia pecharon hoxe, en sendos encontros en Vigo e Pontevedra, o compromiso da institución de destinar o 1% do seu orzamento a apoiar a estes colectivos tan duramente afectados pola pandemia. Os deputados Carlos Font e Santos Héctor convocaron unha primeira reunión na sede provincial en Vigo cos presidentes de Fehopros, da Asociación de Ocio Nocturno, e da Zona Náutico; e un segundo encontro en Pontevedra coa directiva da Asociación de Hostalería da comarca de Pontevedra (Hoempo). Os deputados trasladaron a "decisión firme da Deputación" de manter os seus compromisos co sector que, en palabras de Carlos Font, recibirá o 1% do presuposto da institución "faga o que faga á Xunta de Galicia que só aporta o 0,64% do seu orzamento de 11.563 millóns de euros, para un Plan de axudas de 75 millóns, insuficiente e que non responde ás necesidades da hostalería e o turismo".
Os deputados informaron aos colectivos que a Deputación esixe ao goberno galego un verdadeiro Plan de Rescate para o sector de 250 millóns de euros, seguindo o modelo do Plan Valencia que achega 380 millóns mediante 4 liñas das que só a primeira, dotada con 160 millóns, é cuberta polas tres administracións, facéndose cargo a Generalitat dos 220 restantes. Font insistiu en que "a Xunta ten recursos dabondo fronte ás carencias de deputacións e concellos que non recibiron nin un euro nin do estado nin de Europa".
Lembrou que a Xunta recibiu xa no ano 2020 224 millóns de euros do estado a fondo perdido que se tiñan que destinar aos afectados pola caída da actividade económica, e que este ano percibirá outros 441 millóns dos fondos React UE co mesmo obxectivo, "fondos React UE, dixo, cos que a Generalitat cubre parte do Plan Valencia". "Por iso, insistiu o deputado, seguimos a denunciar a falta de transparencia do goberno galego que se nega a explicar onde está ese diñeiro, cal foi o destino que tivo, e cales son os plans de reparto das partidas xa confirmadas para este ano". "A Xunta está obrigada a rescatar ao sector. Eles toman as decisións sanitarias, eles pechan os establecementos e eles teñen a responsabilidade que pretenden derivar ao mundo local, deputacións e concellos que xa fixeron un enorme esforzo económico, sen competencias, nin recursos, no primeiro año da pandemia".
Carlos Font e Santos Héctor tamén lamentaron "o engano que a Xunta fai aos sectores afectados cando fala dos 80 millóns repartidos ata o momento, cando os datos das propias delegacións da Xunta mostran que só se destinaron pouco máis de 38 millóns e, deles, ao redor de 20 millóns para a hostalería e o turismo". Os deputados provinciais pediron aos colectivos que teñan a "máxima confianza" na xestión que vai facer o mundo local coas súas axudas. "Vímolo demostrando unha e outra vez antes e durante a pandemia. Hai concellos nesta provincia como Silleda que tramitaron todo en 18 días. A Xunta, dixo o deputado demorou oito meses a publicación das primeiras axudas e aínda hoxe hai xente que non cobrou".
A directiva da Asociación de Hostalería da comarca de Pontevedra (Hoempo) agradeceu a convocatoria, lamentando que a única información recibida sobre as negociacións de Santiago lles tivera chegado ata o de agora pola prensa. A asociación pontevedresa, que anticipou a súa intención de participar nos movementos que se están a producir para a creación dunha Federación Galega de Hostalería que proporcione unha representación real e efectiva a todo o sector, expresou a súa insatisfacción coas axudas recibidas na anterior convocatoria da Xunta. Segundo explicaron, estas axudas non chegan a moita xente, ou chegan tarde e mal. Con todo, engadiron, o peor é que a meirande parte dos/as hosteleiros/as non se puideron presentar porque a "letra pequena" esixe estar ao corrente coas facendas públicas "e a xente non ten cartos para pagar os impostos".
A directiva de Hoempo valorou a intención da Deputación de manter o compromiso de dedicar o 1% do seu Orzamento. Carlos Font subliñou que trátase dun esforzo baseado nunha decisión política diante da gravidade da situación, dado que a institución provincial non ten competencias neste ámbito e, ademais, non ten recibido un só euro de financiamento extraordinario. O colectivo de hostaleiros/as da comarca de Pontevedra agradeceu que a "Deputación poida ser parte da solución".
Ningún comentario:
Publicar un comentario