O Concello de A Guarda conta coa primeira caldeira de biomasa nun edificio municipal
• Esta actuación está subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través dunha convocatoria do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE)
Un técnico está traballando no Centro Cultural da vila, na instalación dunha caldeira de biomasa - Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O equipo de goberno municipal do Concello de A Guarda vén de comunicar que o Centro Cultural da vila contará proximamente cunha caldeira de biomasa, que substituirá á xa existente de gasóleo, mellorando a súa eficiencia e empregando enerxías máis respectuosas co medio ambiente.
Nesta semana, os técnicos atópanse traballando na súa instalación e a previsión é que entre en funcionamento proximamente.
A utilización de biomasa como fonte de enerxía presenta numerosas vantaxes como por exemplo o baixo contido en xofre, nitróxeno e cloro das súas emisións ou o seu balance de CO2 que é neutro grazas a que pecha o ciclo de carbono que comezaron as plantas no seu crecemento. É importante resaltar que o aproveitamento enerxético supón “converter un residuo nun recurso”, desta forma conséguese xestionar residuos procedentes de podas e limpeza de bosques e podas agrícolas, diminuíndo o risco de incendios, enfermidades e pragas, e a súa propagación, e á súa vez dándolle un valor aos residuos. Ademais, en comparación coa anterior instalación, este novo sistema suporá unha redución no consumo de enerxía eléctrica.
Por outra banda, este cambio forma parte das accións chave de mitigación que o Concello de A Guarda estableceu no seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible. Este Plan, publicado o pasado mes de novembro ten como obxectivo principal fixar diferentes accións encamiñadas á redución dun 40 % das emisións de gases de efecto invernadoiro (respecto á cantidade de emisións no ano de referencia).
A Deputación de Pontevedra subvenciona esta actuación dentro da Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas baixo o epígrafe nº 7 de enerxía accesible e non contaminante, no que a través dos fondos FEDER melloramos as redes de iluminación e substituímos caldeiras de gasóleo por biomasa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario