O Concello do Rosal estrea web de medio ambiente
Baixo o lema ‘Únete ao cambio’ este espazo aglutina toda a información, recursos e trámites dispoñibles para que a veciñanza faga unha xestión responsable dos residuos
Captura de pantalla da web de medio ambiente do Concello do Rosal
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal estrea páxina web de medio ambiente, un espazo no que se aglutinará toda a información relativa á xestión responsable dos residuos e permitirá realizar todos os trámites relacionados coa compostaxe e a reciclaxe. Baixo o lema ‘Únete ao cambio’, esta web busca achegar aos rosaleiros e rosaleiras todos os recursos á súa disposición e animalos a comprometerse co medio ambiente e a realizar unha xestión dos seu lixo respectuosa e sostible.
“Queremos concienciar ás persoas de que existen outros modelos de xestión dos nosos residuos afastados do usar e tirar en prol dun modelo de economía circular. Esta web será a ferramenta que nos axudará a potenciar a autocompostaxe nas vivendas e a recollida selectiva en orixe, a fomentar a trituración dos restos leñosos para evitar a queima ou que acaben nos colectores do resto, a axudar a alongar a vida útil dos obxectos e mesmo a reducir o volume de residuos a tratar ou eliminar no vertedoiro”, sinala a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente Salcidos.
Trátase dunha web dinámica e activa na que todas as persoas interesadas poderán, por exemplo, achegarse á compostaxe e xestionar os seus residuos orgánicos dun xeito sostible e cómodo. Neste apartado a veciñanza terá á súa disposición información sobre a compostaxe individual e colectiva, recomendacións, vídeos tutoriais e acceso ao servizo de préstamo de biotrituradoras eléctricas para que rosaleiros e rosaleiras poidan triturar os seus propios restos vexetais de forma cómoda e de balde. Neste apartado tamén estarán activos os formularios para solicitar os composteiros individuais e para anotarse á compostaxe comunitaria.
No apartado de reciclaxe aglutínase información sobre todos os tipos de colectores e sobre onde botar cada tipo de residuos, incluíndo un mapa interactivo coa ubicación de cada un destes contedores. Tamén haberá espazo para o arranxo de obxectos, con información sobre as novas instalacións municipais que se porán en marcha na rúa Cumieira ou vídeos tutoriais sobre a reparación de diferentes aparellos, entre outros, e un apartado de intercambio para darlle unha segunda vida ás cousas que xa non se utilicen.
Será unha web en constante crecemento que se irá adaptando a medida que se vaian incorporando novos servizos e que contará tamén cun apartado de preguntas frecuentes e un foro no que resolver as distintas dúbidas que poidan xurdir.
O desenvolvemento desta web é unha das accións programadas ao abeiro dos 78.000 euros de fondos europeos captados polo Concello para por en marcha dúas liñas de xestión de residuos, unha enfocada á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos para o fomento da compostaxe in situ e outra para a habilitación dun espazo municipal para o intercambio, reparación e reutilización dos obxectos. Ambas subvencións foron concedidas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario