2 de feb. de 2021

A GUARDA

O CENTRO SAN XEROME EMILIANI RETOMA O SERVIZO DE ATENCIÓN TEMPERÁ 

 


 Eva Bouzas Facal* / A Guarda

 San Xerome prestou directamente o Servizo de Atención Temperá no seu Centro durante 17 anos (dende 1992 ate 2009), atendendo ás necesidades das nenas e nenos de entre 0 e 6 anos, procedentes dos 5 Concellos da Comarca do Baixo Miño (A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui).  

 Dende 2009 o Centro viuse obrigado a prescindir deste servizo por falta de recursos que o puideran financiar. En 2021, grazas ao apoio económico da Xunta de Galicia, a través dos fondos procedentes do 0,7% do IRPF, volve a retomalo.  

 Este recurso realiza intervencións dirixidas á poboación infantil entre 0 e 6 anos do Baixo Miño, coa familia e na súa contorna, dando resposta ás necesidades das nenas e nenos con trastornos e/ou posibles dificultades, á prevención de dificultades no desenvolvemento e en grupos expostos, e a factores que poden provocar alteración na súa evolución.  

 O equipo de intervención estará coordinado pola Psicóloga Joana Lopes Sobrosa e contará cun equipo composto polas seguintes profesionais: Terapeuta ocupacional, Fisioterapeuta, Logopeda e Psicopedagoga.  

 A intervención se planifica individualmente, centrada na nena/o, na súa familia e na súa contorna. Se realizarán intervencións nos contextos naturais, nas rutinas habituais e cos intervintes naturais, empatizando coas familias e coordinando os recursos dende a sensibilidade, o respecto, a humildade e o liderado compartido.  

 A forma de acercamento ten un enfoque positivo, lúdico e creativo que parte do momento actual do desenvolvemento da nena/o, e coa familia a acompañar e facilitar o seu desenvolvemento, respectando o seu ritmo, os seu desexos, así como os valores familiares e a plena inclusión na contorna.  

 A flexibilidade será unha característica da intervención, guiándose pola demanda, seguindo a evolución natural da nena/o, o benestar da familia e progresivamente a transformación da contorna nun espazo inclusivo, adaptativo, de desenvolvemento, calma e amabilidade. Finalmente a intervención facilitará a creación de redes e relacións que fomenten as oportunidades da nena/o e da familia.  

 O servizo é gratuíto e prestado directamente por profesionais do Centro San Xerome Emiliani de A Guarda.  

 As persoas interesadas poden obter mais información e cita previa no Teléfono 986 613719 ou no correo electrónico: atencion.tempera@sanxerome.com 

* Compoñente do Equipo de Comunicación da Asociación San Xerome Emiliani

Ningún comentario:

Publicar un comentario