O ‘APALPADOR’ CUALIFICA O SEU PERCORRIDO POLA PROVINCIA NESTAS FESTAS COMO “O MELLOR, MÁIS VISTOSO E PARTICIPATIVO” DOS ÚLTIMOS CINCO ANOS
A deputada de Lingua María Ortega aplaude a boa acollida en todos os concellos e o “reto superado” de enfrontarse á COVID-19, a chuvia, a vento e a neve
A figura galega do Nadal representada por Anxo Moure encabezou “a loita contra a tristura da xente e a resistencia da cultura”
O Apalpador –máis o seu burriño de madeira e o acordeonista Servando Barreiro-, e unha xoven música, percorreron a provincia nos días de Nadal - Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
O percorrido do Apalpador –máis o seu burriño de madeira e o acordeonista Servando Barreiro- nestas festas polos concellos da provincia foi “o máis vistoso e participativo dos últimos cinco anos” a pesares de ter que enfrontarse ás restricións da COVID-19 e á chuvia, o vento e a neve. A deputada de Lingua María Ortega, responsable do departamento organizador, manifestou a súa satisfacción pola boa collida tanto dos pasacalles nos municipios como dos vídeos gravados polo Apalpador en espazos patrimoniais difundidos nos centros de ensino: “Superamos o reto”, afirmou, uníndose ás verbas do propio Apalpador recreado por Anxo Moure, quen asegurou que durante o Nadal “encabezamos a loita contra a tristura da xente e a resistencia á cultura”.
María Ortega explicou que puidéronse celebrar todos os pasacalles previstos salvo o do Concello de Baiona, que se decidiu cancelar pola alta incidencia da COVID-19. No resto das localidades, cumprindo estritamente os protocolos sanitarios e sen ningunha incidencia, o Apalpador visitou as rúas no que “foi, sen dúbida, o mellor proxecto de animación dos que levamos desenvolvidos nestes cinco anos, a maior participación de público, o público máis diverso (dende bebés a anciáns, persoas con diversidade funcional e mesmo os habitantes das terrazas dos bares) e con maior vistosidade. Foi o reto máis grande enfrontándonos ao Covid e ao tempo chuvioso, temporais e mesmo vento endiañado, xiadas imposibles e a mesma neve”, apuntou Moure.
Entre os días 23 e 31 de decembro Moure recibiu o cariño da xente, e salientou o coñecemento cada vez maior da figura do Apalpador, que encabezou “a loita contra a tristura e a resistencia da cultura e dos que vivimos e pagamos impostos traballando pola cultura”. “Nunca pensamos sinceiramente que poderíamos chegar a facer completa a viaxe, só unha sorte de ventos a favor evitou mais suspensións debido a fraxilidade da situación e o peche en moito sconcellos de toda a actividade cultural (na Illa de Arousa só o Apalpador sobreviviu as actividades culturais)”, abondou.
Moure apuntou que o complemento dos pasacalles coa ampliación do proxecto coa gravación de 36 vídeos (dispoñibles na https://www.depo.gal/nadal-en-galego e na canle de Youtube da Deputación) supuxo “un verdadeiro agasallo para o profesional que os filmou e para o propio Apalpador, redescubrir espazos incribles, erguerse as 5 da mañá, cruzar a neve do Faro, mergullarse en bosques, parques, prazas,....De verdade un verdadeiro agasallo”.
Para o ano próximo o Apalpador manifestou a súa intención de emendar algún dos seus erros lingüísticos, de chegar ao 100% de puntualidade, e de mellorar o seu vestiario. “Prometemos e xa encargamos nunha costureira de Pontevedra un traxe novo para o Apalpador 2021, se chegamos alí”, asegurou, ademais de agradecer a presenza nalgúns pasacalles de Viridiana Barreiro, música de conservatorio superior, compañía que propón extender conformando unha banda de ‘pandigueiros’ -mozas e mozos de cada concello- dirixidos polo acordeonista Servando Barreiro.
Moure lembrou que o Apalpador difundiu “a mensaxe de comida san e productos locais, de coñecemento da contorna propia coa divulgación das paisaxes de cada concello e do coidado da natureza, coa música como argumento, a plasticidade fotográfica a riqueza visual e sonora que converten o pasacalles nun verdadeiro musical rodante, cun canto á paz e á igualdade de xénero”.
Na comarca de Pontevedra foron tres as visitas do Apalpador (Barro, Poio e Cerdedo-Cotobade), na comarca de Vigo tres (Soutomaior – onde fixo un ‘bis’-, Gondomar, e O Porriño), na comarca do Salnés dúas (Illa de Arousa e Cambados), na comarca do Deza-Tabeirós dúas (Silleda e Rodeiro), tres na comarca do Condado Paradanta (As Neves, Covelo, e Ponteareas), catro na comarca do Morrazo (Bueu, Moaña,Cangas, e Vilaboa), e catro no Baixo Miño (Salceda, Tomiño, O Rosal, e Tui).
Ningún comentario:
Publicar un comentario