7 de xan. de 2021

TOMIÑO

O Concello de Tomiño agradece a xenerosidade da veciñanza pola alta participación no cribado  

Conseguíronse 2.500 voluntarios para a proba tan só dous días despois de abrirse o formulario de inscrición  

Infogauda / Tomiño

 Como medida para afrontar a alta incidencia que o municipio viña presentando durante as últimas semanas nunha tendencia ascendente, o Concello de Tomiño propuxo ao Servizo Galego de Saúdea realización dun cribado masivo voluntario a través de probas PCR, indican desde o Equipo de Goberno Municipal. A súa vez, o pasado 30 de decembro habilitou un formulario na páxina web municipal para que se inscribisen aqueles que estivesen interesados en colaborar e tan só dous días despois de publicalo completáronse as 2.500 prazas dispoñibles.   

 Nun primeiro momento intentouse que este cribado se fixese no propio municipio, pero debido á falta de persoal e a unha complexidade loxística que retrasaría bastante o inicio do mesmo, optouse por facelo no Hospital Álvaro Cunqueiro, de Vigo. Tomando como referencia cribados realizados noutros municipios, onde a asistencia non foi voluntaria senón que os propios centros de saúde se encargaban de citar aos cidadáns, o Sergas agardaba unha participación moi baixa, polo que a cifra de 2.500 inscritos foi toda unha sorpresa.  

AGRADECEMENTO Á CIDADANÍA DE TOMIÑO

 “Desde o Concello de Tomiño queremos agradecer enormemente a mostra de xenerosidade e civismo amosada polos veciños e veciñas, que mostraron ser un exemplo na empatía cos demais axudando a frear un problema que durante as últimas semanas está afectando tanto ao noso municipio. Foi moi emotivo ver como todo o mundo se afanou nesta cuestión”, comenta a rexedora Sandra González.  

 Durante a última semana xa realizaron a proba a maior parte dos inscritos, polo que é previsible que o cribado finalice nos próximos días. Espérase que esta medida sirva para identificar a positivos asintomáticos dos que non se tiña constancia, axudando así a reducir a propagación do virus.

Ningún comentario:

Publicar un comentario