18 de xan. de 2021

MEMORIA HISTÓRICA

As familias Bóveda, Caamaño e Paz formalizaron este luns as súas querelas individuais contra o franquismo ante o consulado arxentino en Vigo  

Trátase do ‘colofón' do proceso iniciado en novembro de 2019 na Deputación de Pontevedra, que contou co asesoramento de CeaQua, a IGM, e o grupo de Avogados Novos de Vigo 

 

                           Alexandre Bóveda e súa muller

 

Infogauda / Vigo

  As familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz presentaron formalmente este luns na sede do Consulado de Arxentina en Vigo as súas querelas individuais ante a xustiza arxentina por ‘crimes do franquismo'. Reclaman que sexa a xustiza a que poña a verdade enriba da mesa sobre os asasinatos acontecidos na Caeira (Pontevedra) no 1936, que se revoguen as súas condenas e sancionen os seus axustizamentos.

  Este acto supón o colofón dun proceso iniciado o 16 de novembro de 2019 no acto público que tivo lugar na Deputación de Pontevedra, cando as familias anunciaron a súa intención de adherirse á querela Arxentina. Comezou entón un traballoso proceso de recompilación de documentación, bibliografía e información a fin de explicar e contextualizar o obxecto da querela: pedir xustiza para Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz, asasinados tras o golpe de Estado de 1936 polo seu fondo compromiso cos valores democráticos e republicanos e a defensa do país.

 

                             De esq. á der.: Amancio, Castelao e Maquieira
 

  Este proceso, imprescindíbel para a preparación da querela, contou co asesoramento de CeaQua e coa axuda da Iniciativa Galega pola Memoria e de Histagra, e correu a cargo da Comisión de Dereitos Humanos do Grupo de Avogados Novos de Vigo –de xeito totalmente desinteresado–, demorándose a súa presentación máis do previsto por mor da crise sanitaria. Así mesmo, as familias contaron co respaldo da Deputación de Pontevedra, a través do seu Departamento de Memoria Histórica dirixido pola nacionalista, María Ortega, que o vindeiro luns acompañará tamén ás familias ao consulado.

  Querelaranse formalmente Amalia Bóveda Álvarez e Valentín García Bóveda, filla e neto de Alexandre Bóveda, fusilado no monte da Caeira o 17 de agosto de 1936; Begoña Caamaño Santos e Olga Caamaño Santos, netas de Amancio Caamaño Cimadevila, médico e presidente da Deputación nos anos 1932-1933, fusilado no monte da Caeira o 12 de novembro de 1936; e Ángel Ramiro Paz García e Anxos Paz García, netos de Ramiro Paz Carbajal, impresor e líder político pontevedrés fusilado tamén na Caeira o 12 de novembro de 1936.

  Estas tres son as primeiras de moitas familias galegas que xa contactaron con CeAqua, a IGM ou a Deputación para amosar o seu interese por sumarse á querela arxentina. De feito, concluído este proceso iniciarase a preparación das querelas de varias familias da comarca do Barbanza.

  O acto tivo lugar ás 12 horas deste luns 18 de xaneiro de 2021 na sede do Consulado de Arxentina en Vigo, na rúa Lopez de Neira, 3.

Ningún comentario:

Publicar un comentario