18 de xan. de 2021

A GUARDA

A APP móbil do concello de A Guarda rexistrou máis dun milleiro de incidencias 

•    Esta APP permite a veciñanza dar conta das incidencias en materia de mobiliario urbano, tráfico e senalética, lixo e residuos, pavimentos e sumidoiros, animais e pragas, limpeza e xardinería.  

•    Ademais conta con multitude de complementos coma a axenda, novas, guía de empresas, farmacias, rutas, entre outros. 

 

                        Captura de pantalla da APP do Concello de A Guarda

 

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda, a través do departamento de novas tecnoloxías, implementou fai 5 anos unha APP móbil, dispoñible para dispositivos Android e IOS, que permite acceder dun xeito doado e simplificado a multitude de servizos e trámites que pode facer a cidadanía.  

 No día de hoxe, o executivo municipal fixo público que "dende a súa posta en funcionamento xa foi descargada por máis de dous milleiros de usuarios, atendendo máis de 1.000 incidencias, a maioría delas sobre mobiliario urbano, pavimentos e sumidoiros ou limpeza e xardinería. O sistema permite por en coñecemento incidencias e deste xeito son xestionadas dun xeito moito máis áxil polo persoal municipal". 

 A APP móbil do Concello de A Guarda pódese descargar de xeito totalmente gratuíto dende Google Play (Android) ou dende o App Store (IOS). Unha vez instalada no dispositivo, conta con varias seccións con informacións de interese. 

 Entre as seccións dispoñibles permite coñecer as últimas novas, os eventos na axenda, as principais actividades, unha guía de empresas locais e outra de asociacións, avisos, rutas, directorio telefónico, horarios de servizos, información do tempo, entre outras. Arestora está pendente de actualizar os horarios dos autobuses entre A Guarda e Vigo, que debido á entrada en funcionamento da nova empresa concesionaria, van a  ter modificacións. 

 


     Captura de pantalla da APP do Concello de A Guarda para notificar incidencias

 

 "Unha das seccións que ten unha gran utilidade é a de Incidencias, permitindo aos usuarios dar aviso de incidencias sobre mobiliario urbano, tráfico e senalética, lixo e residuos, pavimentos e sumidoiros, animais e pragas ou limpeza e xardinería, o usuario pode xeolocalizar nun mapa o lugar exacto da incidencia e explicar polo miúdo a descrición da incidencia en 3 sinxelos pasos. Unha vez rexistrada a mesma, e de xeito automatizado, o sistema envía este aviso ao departamento municipal encargado da súa xestión, o que permite a súa resolución á maior brevidade, dando un aviso cando a incidencia está resolta aos usuarios", comentan desde o equipo de goberno municipal.

 O sistema de avisos permite que a APP Móbil notifique aos usuarios cando xurda, por exemplo unha avaría de auga, ou avisos e alertas meteorolóxicas. 

 A APP Móbil do Concello da Guarda conta ademais cunha sección de Citas Previas, que permite xestionar a solicitude de citas para o SERGAS, a Seguridade Social, a ITV, renovación do DNI, portal do emprego de Galicia ou con Facenda. 

 A maiores a APP inclúe información sobre a historia e o patrimonio do municipio en galego, castelán, inglés e francés, así coma unha sección de Ocio, na que se inclúen informacións sobre Que ver?, onde durmir?, onde comer?, os museos ou as festas municipais. 

 Tamén se conta cunha sección de Rutas, onde aparecen as principais rutas dispoñibles no municipio, coma a Ruta da Desembocadura do Río Miño, Camiños do Trega,…, con mapas e informacións varias sobre distancias, desniveis ou dificultade de cada ruta. 

 Dende o Concello de A Guarda convidan á cidadanía e visitantes a descargar e empregar esta ferramenta, de moita utilidade e con moitos recursos accesibles dun xeito doado dende un teléfono intelixente. 

 A APP móbil do Concello de A Guarda foi mellorando dende a súa posta en marcha, incorporando novos recursos e funcionalidades, contando cunha valoración dos usuarios de 5 de 5.

Ningún comentario:

Publicar un comentario