18 de xan. de 2021

CULTURA

A Escola de Letras continúa apoiando a creación literaria cunha clase mestra impartida por Ana R. Figueiredo  

A escritora desvelará os segredos necesarios para "Escribir a primeira novela" nunha sesión en liña que terá lugar este próximo mércores 20 de xaneiro

 


Infogauda / Vigo

  A Escola de Letras, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha xunto á Editorial Galaxia no pasado mes de maio, continúa a súa andaina coa realización, o próximo mércores 20 de xaneiro, ás 19.00 horas, dunha clase mestra impartida pola escritora Anna R. Figueiredo (Ourense, 1979). A sesión, que se realizará de xeito telemático, leva por título "Escribir a primeira novela" e está aberta a todas as persoas que queiran participar a través da seguinte ligazón de Google Meet: https://meet.google.com/wcw-tsps-ant.

  A través desta proposta literaria a escritora conversará coas persoas participantes sobre a experiencia de escribir e publicar unha primeira novela. Anna R. Figueiredo responderá nesta clase ás preguntas que se adoita facer unha persoa nos seus comezos literarios a través de intervencións, imaxes e algún xogo relacionado coa literatura galega e a cultura audiovisual.

  Anna Figueiredo (Ourense, 1979) é doutora en Física pola Universidade de Sheffield e na actualidade imparte aulas de ciencias e tecnoloxía no ensino secundario. No eido literario compre destacar a publicación en 2018 da súa primeira novela, Os bicos feridos. Como escritora recibiu premios como o de Relato Curto de Mugardo (2014), o Quintal Literario (2014) ou o de Relato Curto Inspiraciencia (2014). Ademais, colaborou en revistas de banda deseñada coma BOOM ou BD Banda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario