Florentina Andrés: “Unha mirada curiosa levoume a facer cinema”
Proxecto Socheo / A Guarda
Eras afeccionada ao cinema?
- Pois gustaríame contestarte polo principio. Eu nacín no 1947 e na miña infancia o eido cultural na Guarda era moi pobre, como en case todo o pais. Na escola estudabamos cunha enciclopedia con moi poucas imaxes, todas en B/N. As imaxes. para min tiñan un gran atractivo: as fotos da familia, cos seus marcos, colgadas nas paredes nas casas dos tíos, viñan a mostrarme un mundo no que eu non vivira porque non había coñecido os avós, nin estivera no día dos casamentos, parecíame algo máxico que o tempo estivese preso nun papel… De cando en vez viña pola vila unha pequena compañía de monicreques e na Praza do Reló montaban un teatrillo de marionetas. A rapazada desfrutaba moito. Pero remataba e quedabamos outra vez orfas de teatro. Isto pódeo comprender mellor a xente de idade que viviu a infancia sen televisión, sen cinema. Por iso cando por Semana Santa meu pai e miña nai me levaban os oficios na igrexa, gustábame: había guión, había relato, había actores.
Era un espectáculo…
- Sí. O cura que dicía a misa lavaba e bicaba os pes a outros homes, celebrando a derradeira cea. Dende o púlpito o predicador facíanos ver as caídas de Cristo camiño do Calvario, lémbrome aínda que se chamaba “El sermón de las 7 palabras”. A igrexa chea de xente, en silencio, o botafumeiro soltando incenso, e aquel predicador dende o alto dominando a escena. Era cativa, non pensaba en todo iso, pero agora falando contigo sei o que por entón xa me chamaba a atención.
Que estudiaches?
- A miña nai era de Tabagón. E alí nacín eu. Vivín alí na casa da miña avoa parte da miña infancia, fun a escoliña hasta que me levaron para Guarda. Primeiro as Carmelitas, a formación era moi básica e había moita costura. Dese tempo conservo algunhas amigas. Despois cambiáronme a escola de Doña Aurora para que me preparara para o ingreso de bachiller. Naquelas aulas había moito alumnado, de diferentes niveles. O que se conseguía alí era o Certificado Escolar. Doña Aurora preparaba tamén a mozos que necesitaban aprender mais porque querían emigrar. Nas Doroteas de Pontevedra fixen o ingreso de bachiller. E alí estiven, interna, hasta completar o “bachiller de pobres” que era hasta cuarto de revalida. Con cuarto de revalida xa se podía facer a carreira de Maxisterio. Para convalidar o bacharelato, había que facer unha reválida no Instituto Público. E poder así seguir estudando. Decidiuse na casa que ía estudar Maxisterio, e matriculáronme en Vigo no colexio das Xesuitinas – que aínda existe actualmente, na Gran Vía, preto das Travesas- e alí rematei a carreira. Que tamén tiven que convalidar mediante outra reválida, para poder facer despois as oposicións ao ensino público.
De que anos estamos a falar?
- 1962, 1963.
Ías ao cinema?
- Unha vez ou dúas ao ano. O meu pai era carniceiro e a miña nai montou unha tenda na rúa Concepción Arenal. Traballaron arreo. Non pasamos necesidades pero – como moita xente daquel tempo – non sobraba para pagar as entradas. O meu contacto coas imaxes era cos libros, cos cromos, coas novelas… farteime de ler as de Marcial Lafuente Estefanía –escribiu máis de 2.500 novelas – con temática do oeste, de acción nas que dun tiro matan a 7 – por iso non me desgusta ver películas de western.
Durante a formación gustábache algunha materia en especial?
- Historia. Creo que foi culpa da profesora. Era unha monxa pero era moi boa na súa materia. Pero vin poucas imaxes. Daquela non había os recursos dos que dispoñemos hoxe. Tampouco era consciente que me tiraba iso. Rematei.
Cal foi o teu destino?
- Mandáronme a Vilela, unha pedanía de Rodeiro, preto da provincia de Lugo, cerca de Chantada. Tiña 5 alumnos, non había estrada. Había que deixar o coche no remate da estrada, e subir o monte por unhas corredoiras. A aula escolar, si se lle puidese chamar así era unha habitación enriba da cuadra dos animais dunha vivenda. Tiña algúns cristais rotos, non había ningunha estufa que quentase o cuarto, na pizarra non se podía escribir de deteriorada que estaba. Eu era nova e inexperta, pero baixei o concello a preguntar polo alcalde porque non se podía ter aquela escoliña naquelas condicións. Friaxe e neve. O camiño da escola era un lameiro. Chamei as 11 familias do lugar e fixemos unha boa fileira de pedras por onde pisar sen enchernos de barro os dias de inverno. Alí, a pesar da pouca experiencia que tiña, por estar interna a maior parte da miña vida, decateime ben de que non todos os nenos tiñan as mesmas oportunidades.
Pero antes o despois de ir aos EE. UU., cando casaches?
- Caseime no ano 67, e fun a vivir a Xenebra, onde traballaba o meu home. Aproveitei para estudiar francés, había clases para estranxeiros na universidade. O meu pai convenceume para que fixese as oposicións ao ensino público. Daquela o aprobar as oposicións había que exercer, polo menos dous anos, e por iso tiven que ir a ese destino de Vilela. O meu home cambiou de Suíza a Nova York. E pedín unha excedencia para ir a Nova York, onde vivín 2 anos.
A que se dedicaba o teu home?
- Era de Tui. Era un cabo da Marina en Ferrol. Despois deixouno e traballou como emigrante en Xenebra. E posteriormente en EE. UU..
Onde mércache a cámara?
- En Nova York, primeiro tiven unha cámara de fotos moi maliña, as fotos saían nuns formatos cadrados. Eu con esa cámara disparaba todo o que me parecía, sen ter ningunha noción de fotografía. Aínda conservo en papel moitas daquelas fotografías a color, xa algo esvaído despois de 30 anos.
Que temas escollías para as fotos?
- Familiares. Concretamente da casa na que vivíamos en Elizabeth Town, en Nova Jersey, os viaxes en barco polo río Hudson, os días de praia, as torres do World Trade Center (que derribarían os avións).
E non exploraches outros temas como da vida cotiá americana?
- Non collín imaxes do cotiá porque me daba reparo fotografar a xente sen permiso.
Pero Nova York é unha cidade moi fotoxénica?
- Nova York era moi escénico e fotográfico pero eu era unha afeccionada, sen cultura da imaxe, sen coñecer a existencia de grandes fotógrafos de rúa. Cando xa mais vella pensando nestas cousas, tanto no tipo de formación que recibimos como no aspecto cultural, decateime de cuanto nos quitou a ditadura franquista.
Non filmaches nada de Nova York?
- Si, algo no sur de Manhattan… Era unha zona pouco coidada, estaban deixándoa caer e alí vivían moita xente sen recursos, hippys, drogadictos… Había un ambiente perigoso, e algunhas veces filmaba dende o coche. Tirei tamén algo de Central Park.
No sur está Wall Street, non sería na parte este?
- Si, no lado contrario de Brookling, o West Side.
En que ano?
- Era polo 1970, ou polo 1971. Nese ano merquei a cámara e o proxector. Lembras a marca? Non me lembro… Fai tempo que deixei de facer películas.
Onde vivías?
- Eu vivía en Nova Jersey. Era onde traballaba o meu home e nos resultaba moito máis barato. En Newark –a cidade máis poboada dese estado- había unha colonia moi grande de portugueses.
Mirabas as mulleres maiores, de loito, con saiais…
- Nós vivíamos en Elisabeth Town, toda chan, casas de madeira, coa súa pequena horta e o seu garaxe. Iamos a Manhattan de compras, a visitar museos, a Central Park, para ir ao cinema había que deixar a nena cunha canguro.
Algunha película en especial?
- Pois polo West Side, cinemas vellos, películas raras…
Cinema undergraund?
- Non me lembro. O que si lembro nitidamente as fachadas dos cinemas, as carteleiras luminosas, os carteis, as sesións continuas, as ringleiras do público… E tamén, en cinemas máis modestos e con toda a normalidade do mundo, había cinema pornográfico.
Pois naquela altura por ese sitio se facían cousas interesantes….
- Non che podo dicir eu non tiña formación en nada de cinema. Iamos ao cinema para estar entretidos e non resultaba caro.
Quen che asesorou a mercar a cámara?
- Pois o meu home. Pero ao final quen facía as fotos e as películas era eu.
Coñecías algunha veciña que tivera cámara?
- Ninguén. Estaba soa. Obviamente cando ía a tenda de fotos mirabas a xente que tamén tiña cámaras. Pero nada, totalmente autodidacta.
Filmabas con son?
- Non filmaba con son. So era imaxe. Non tiñamos contacto con esa tecnoloxía.
Que filmabas interiores ou exteriores?
- Sempre exteriores pero non foi un acto consciente. Filmei en Nova York e en Galicia. Aquí na Guarda: procesión de Ramos, na Pasaxe, na Festa do Monte, nas Carmelitas… Fixen máis películas no exterior. Podes revisar os contidos nas etiquetas dos carretes e podes orientarte mellor.
En Nova York filmaches algo especial?
- Como pasaron 40 anos e hai moitos que non vexo os rolos de película, non me lembro do que hai.
Canto tempo estiveches filmando en Nova York?
- 2-3 anos, 1971-1974.
Onde levabas as películas a revelar?
- Eu ía onde levaba a revelar as fotografías.
O prezo moi elevado?
- Para a vida dos EE. UU. moi asumible.
Marca das películas?
- Eran Kodak.
Onde facías o visionado?
- O visionado faciámolo contra unha parede na casa.
Faciais o visionado nalgún día especial?
- Cando chegaba o carrete. O que me interesaba das imaxes era ese misterio especial de agardar en vixilia o resultado. Ten certa maxia, atrapalo tempo, pero poder volver a el unha, dúas, e tódalas veces.
Que lle parecía a túa familia as filmacións, facíante indicacións?
- O meu marido, a miña filla era moi pequena. O meu home dicíame non podes mover tanto a cámara.
Aínda tes a cámara e o proxector?
- Ningunha das dúas cousas. O proxector e a cámara tróuxenas para A Guarda. Foi onde se escarallaron. O pintar unha habitación o pintor tirou do armario sobre o que as tiña e caeron para a parte de atrás.
En que ano?
- 1975.
Cal foi o motivo de deixar de filmar?
- Porque xa non llo podía mostrar a ninguén. Foi debido ao accidente. Eu non tiven contacto con ninguén. As miñas estancias aquí, na Guarda, foron moi curtas. Traballei no Sinde e na Sangriña. Eu votei a Constitución estando destinada en Sevilla, no 78. E no 81 marchei a traballar a Madrid.
Cantos rolos conforman o teu fondo?
- 14 rolos de distintas duracións.
Tiñas empalmadora?
- Si, pero facía todo a ollo. Están empalmadas por anos. Tal como viñan os empalmaba, non manipulaba nada. Todo estaba en continuidade marcada pola cámara.
Non sabias nada doutras persoas que soubesen algo?
- Nada. Eu miraba na Festa do Monte que había xente con cámaras…
Pero iso foi a posteriori. Ti tiñas un adianto de case tres anos respecto ao boom que se deu na Guarda. Es unha precursora…
- Eu fixen as cousas tendo unicamente un interese persoal. Non che podo dicir máis.
Na Guarda fixeches algunha proxección, a familiares?
- Nada, isto era unicamente un algo persoal, un capricho, un entretemento. Unha afección.
As veces dos caprichos poden aparecer cousas interesantes…
- Non sei... terás que velas.
Atopaches ou mostraches certa singularidade por ser muller por usar na cámara en exteriores?
- En Nova York non chamaba a atención. Aquí si. Aquí debín ser das primeiras neste asunto. Todo xurde dun feito natural. Sen intención consciente. Dinme conta, moito mais tarde, que así fixen algunha cousa máis como ser a primeira concelleira e a que escribiu a primeira acta en galego no Recreo. Isto último comentoumo Miguel Villa, porque entre outras obras fixo un estudio sobre a Historia do Recreo Artístico Guardés.
Primeira concelleira?
- Si, con Raimundo durante a ditadura. Un pouco atrevida fun, un pouco curiosa…
Nas fotografías ou nas películas tes unha mirada feminina?
- Pois non sei. Se hai algo é inconscientemente: temas, motivos, miradas, duracións… Tería que velas con calma. Daquela non sabía que tiñamos miradas de xénero.
Non te enganchou o vídeo?
- O vídeo non tiña maxia, era todo moi inmediato. Agora sacas unha foto ou un vídeo e xa a visualizas. Aí desapareceu a maxia.
Desde cando non ves a imaxes?
- Desde fai 30 anos.
E a fotografía?
- Si volvín a imaxe fixa. Cando traballei nun Centro de Ensino para Persoas Adultas en Alcorcón, Madrid, eu xa tiña mais formación propia. Presentei na Consejería de Educación da Comunidade Autónoma de Madrid un proxecto para introducir no currículo un módulo optativo sobre “Lectura de Imágenes”. Aprobárono e coa financiación montei un laboratorio con 5 cámaras réflex (aínda non existían as dixitais) e 5 ampliadoras, líquidos, metros de carrete en B/N, para parte práctica do modulo. Foi unha gozada e moi estimulante, abrir esa fiestra de poder ler as imaxes, e logo poder producir… Ese tempo de laboratorio, esperando a que se revele no papel aquilo que nos pareceu ben fotografar.
Unha muller nova, de 25 anos, que atopaches no cinema?
- Aterrei nunha cidade cosmopolita que impresionaba a unha rapaza de aldea, todo era visto por primeira vez, as tallas da altura das persoas, o skyline de Manhattan, a diversidade de etnias e cores da xente, o barrio dos chinos era en si mesmo unha cidade (Chinatown), as actividades a todas horas do día e da noite, o enorme tamaño dos coches de produción norteamericana (os Cadillac, os Ford) cando en España había que esperar un año para que te entregasen un 600. Mercar entón unha cámara de fotografar non se nos pasaba pola cabeza. Cando vin as tendas nas que había todo tipo de cámaras nos escaparates, pareceume o paraíso dos xoguetes. Cando tiven a cámara de fotos, o único freo que tiñamos era que había que mercar o carrete e pagar polo positivado das fotos. Estaba dentro dunha corrente coñecida, pero cando mercamos a cámara mais o protector, cando podíamos ver na casa as películas, si que tiña a sensación de estar noutra dimensión. O que para os norteamericanos era un trebello mais nun mundo tecnolóxico para min era un descubrimento enorme. Unha maxia. Canto me houbese gustado que esa experiencia me houbese chegado con un pouco de formación, para haber feito a documentación do que fun coñecendo por primeira vez de forma consciente, preparada… Pero foi como foi: filmar a eito.
Notabas una mirada distinta entre a Florentina americana e a guardesa?
- Si, cando vin para A Guarda tiña unha mirada como de exterior, como de análises. Era outra mirada contaminada por outro contexto, non tiña presión, era máis relaxada.
Como era a túa mirada?
- Cando estaba en Xenebra e logo despois en menor medida en Nova York eu o que facía era mirar. En Xenebra, como tiña tempo, sentábame a ler o xornal e a observar como era a xente que ía pola rúa, tentando descubrir que había detrás de cada un. En Nova Jersey, que xa tiña que coidar da miña filla, pasaba mais tempo nos parques e nesas circunstancias vívese mais de presa todo. Pero ela aparecerá en case todos os escenarios da cidade de Nova York que visitamos xuntos. Sempre tiven unha mirada curiosa. Unha mirada curiosa levoume a facer cinema. A mirada curiosa sempre foi unha constante.
Moitas grazas Florentina.
- Grazas a vós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario