4 de xan. de 2021

DEPORTES

PIRAGÜISMO

SETE MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA 1ª  COPA GALEGA DE SLÁLOM  

O Slálom galego agarda polas próximas competicións, incertas pola COVID-19

E por unha canle de augas bravas que favoreza un adestramento de alto nivel



Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera

 Este domingo, 3 de xaneiro, tivo lugar en Mondariz Balneario, nas augas do río Tea, a 1ª Copa Galega de Slálom, primeira cita da Liga Galega de Slálom. Organizada polo Club Tea de Mondariz, contou coa participación dos mellores deportistas galegos. 

 


 Os Teixugos acudiron a esta madrugadora cita con dez deportistas, acadando un total de sete medallas, tres de ouro, tres de prata e unha de bronce.  

 

 

 Na categoría absoluta ou sénior feminina, Ainhoa Barreiro foi a gañadora na modalidade K1 e o segundo posto ou medalla de prata foi para Alba Soutelo, as dúas cun percorrido sen penalizacións. As mesmas deportistas participaron tamén en canoa ou C1, onde Alba volveu facerse cunha nova prata, e Ainhoa foi terceira, a gañadora da categoría foi Ainhoa Lameiro, do Penedo. 

 


 En K1 masculino sénior, o teixugo Manuel Ochoa fixo o segundo mellor tempo da final, detrás de Axel Afonso, do Tea Mondariz, acadando a medalla de prata. Na mesma categoría Emilio Rodríguez rematou sétimo.  

 En C1 masculino sénior, Brais Castro, rematou quinto.  

 



 Na categoría júnior os nosos padexeiros acadaron dúas novas medallas de ouro, en C1 Samuel Castro e en K1 Sergio Rodríguez, foron os gañadores das súas respectivas  probas. Na mesma categoría, en K1,  Alexis Segadaes rematou en cuarto lugar.  

 En K1 cadete, Mateo Álvarez e Adrián Lluch, remataron sexto e sétimo, respectivamente.  

 Na clasificación final por equipos, o gañador foi o Piragüismo Penedo, cun total de 256 puntos, seguido do Deportivo Miño-Teixugos con 178.  

 O Slálom galego agarda polas próximas competicións, incertas pola COVID-19,  e por unha canle de augas bravas que favoreza un adestramento de alto nivel. 

 Reportaxe fotográfica da xornada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario