28 de dec. de 2020

A GUARDA

OPINIÓN

¿QUE CAMBIOU EN CINCO DIAS...?  

 

    Celso R. Fariñas, concelleiro de Converxencia Galega no concello de A Guarda

 

 O pasado 23.12.2020, celebrouse un Pleno Extraordinario, a donde o Equipo de Goberno levou ao PP e BNG o votar en contra dos Orzamentos/2021, rexeitados no Pleno celebrado cinco días antes (18.12.2020) a re-posicionarse ou asumir plantexar unha MOCION DE CENSURA.  

 Tanto nos días previos como no mesmo Pleno, puidemos escoitar de todo. Dende CONVERXENCIA GALEGA, escoitamos cousas máis serias nos Plenos Infantís. Os que onte decían branco, hoxe din negro, e outros non din nada. 

 Algúns decían que non servían os orzamentoss, non son os “nosos”, non cubren as expectativas dos guardeses, e CINCO DÍAS DESPOIS, din que non son tan malos e nos imos abster… Equilibristas cen por cen.  

 Esta situación nos leva a preguntar, despois de cinco días, ¿Qué pasou? ¿Qué cambiou? Estamos dacordo que non son os nosos orzamentos, son os do PSOE, xa que non consultou nin pediu en serio a opinión ou aporte a ningún grupo. ¿Pero que pasou en cinco días? Esa é a gran pregunta. 

 O grupo maioritario da oposición, ráchase as vestiduras, e non os quere por dous motivos: un porque o Alcalde non renuncia a 5.000€ dos trienios (se os funcionarios non poden cobralos que o fagan vía xudicial, si é legal, é unha potestade que ten… E iso motivo suficiente para plantexarse manter o pobo bloqueado un ano máis? O outro motivo, que si gasta 27.000€ en propaganda persoal. E aí non din toda a verdade, porqué non pediron que se anulara o contrato da persoa que fai as función de PREGOEIRO MUNICIPAL? Será que todo isto sirve xustificarse? ¿para bloquear, paralizar A Guarda dous ou tres anos máis? Alá cada quen ca súa conciencia. Hasta nisto en CONVERXENCIA GALEGA discrepamos con eles. Queremos que siga cas súas fotos na prensa, inaugurando pedriñas e outras obras, ¿sabedes por qué? porque canto máis sai o Alcalde nos medios de comunicación, máis cabreados produce no noso pobo. ¿Alguén considera en serio que ca que está caíndo podemos dende os grupos da oposición nun acto de coherencia ser partícipes do bloqueo municipal? Para iso que non conten co voto de CONVERXENCIA GALEGA. 

 Si de verdade querían cambiar partidas do orzamento, era moi fácil, pero a súa soberbia, prepotencia ou ignorancia non superon que facer, e iso que habían sido advertidos no Pleno, aprobar a proposta de maneira inicial e logo facer propostas de modificación das partidas cas que non estades dacordo. NIN CASO.      

 Todo iso remata na pregunta do Pleno do 23.12. CONFIANZA NO ALCALDE?? Responsabilidade Política debe ser a postura de todos. Unha reflexión, ¿acaso os orzamentos do inicio da lexislatura eran os do BNG cando entraron no Goberno? O que se notou foi moita présa en “quentar sillón” e disfrutar dun soldo público. Había moito apuro para ostentar poder. Mellor sería e máis coherente, non incorporarse ata ter preparados uns orzamentos axustados o seu Programa Electoral?     

 Dende CONVERXENCIA GALEGA, despois do Pleno Extraordinario do 23 de Decembro do 2020, chegamos a unha conclusión, non nos gusta o que están facendo quenes dirixen o Goberno Municipal, pero o que nos mete medo, é imaxinar o noso pobo nas máns de irresponsables que hoxe dín branco e mañá negro, dependendo do tempo que faga cando se levantan da cama. 

 Ou tamén nos que rexeitan uns orzamentos de máis de SETE MILLONS de euros, porque non saben que facer con dúas partidas que escasamente sobrepasan dos 30.000€ ¡¡¡así nos vai!!! 

 Dende CONVERXENCIA GALEGA dixemos sí os orzamentos do 2021 no Pleno celebrado o 18 de decembro, e non encontramos en cinco días motivos para trocar a noso posicionamento, por iso, no Pleno do 23.12, ratificamos a nosa postura, votando favorablemente. 

A Guarda, a 28 de decembro do 2020          

Celso R. Fariñas 

Concelleiro de CONVERXENCIA GALEGA

DEPORTES

ATLETISMO

CON CINCO MEDALLAS AUTONÓMICAS NO SEU PETO 

Fantástico final de tempada atípica 2019-2020 para os atletas do Atletismo TREGA (Tomiño) 

Na súa participación no XIII Campionato galego de medio fondo e fondo de inverno, das categorías de base, celebrado a pasada fin de semana en Pontevedra

 

Christian Sierpes, Mara Romeu, Elisa Morgado, Paula Rocha, Carmen Magallanes e Álex Sierpes

 

Informa: Sociedade Atlética do Trega

 O pasado sábado dia 26 de decembro, o epicentro do atletismo galego da base reuniuse nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), de Pontevedra que acolleu o autonómico do medio fondo e fondo, das categorías de menores de Sub 10, Sub 12 e Sub 14 en pista ao aire libre. Debido ao Covid, o devandito campionato, cambiou a súa normal participación para o aire libre por motivos de seguridade, no canto de facelo no recinto feiral de Expourense de pista cuberta, xa que tería que haberse celebrado no mes de marzo de 2020. Dese xeito foise aprazando e pospoñéndose ata agora e ao aire libre. Aínda así o máis importante foi que se puido celebrar, despois de tantos problemas e incertezas que nos presentou o virus para finalmente poder realizalo.

 A este campionato só puideron acceder os mellores especialistas de todos os clubs federados de Galicia, co único requisito de entrar os mellores 24 atletas por proba, situados con mellores marcas top-ten da clasificación galega obtidas durante o curso da tempada 2019-2020. 

 O campionato desagregaríase en dúas xornadas: matinal e de tarde. En xornada matinal tan só tivemos a unha atleta participante, á guardesa Mara Romeu Vicente, que nos representou nos 500 ml femininos Sub 14. Despois dunha sensacional e brillante carreira á súa máxima velocidade, entrou en meta en 2ª posición, proclamándose subcampioa galega cun rexistro de 1´ 22" 41, mellorando a súa marca persoal en 3 segundos, pechando así unha incrible tempada, onde nuns días entrará na nova categoría Sub 16. 

 En xornada de tarde, teriamos aos irmáns Sierpes participando nos 1.000 ml, onde saían coa segunda e terceira mellor marca da clasificación ao aire libre, con opción do podium na  primeira serie, a falta de dúas series máis por disputar. Sendo unha carreira impresionante de principio a fin, cun ritmo de carreira toleado e demoledor, imposto por Damián Suárez Couto, atleta  do Club Natación Cedeira, que esta vez ningún dos irmáns, puido aguantar, quedándose no 2º e 3º posto, entrando en meta Álex Sierpes Pereira en segunda posición, rebentando a barreta dos 3´ facendo unha impresionante marca de 2´ 55" 10 baixando en 5" a súa mellor marca persoal, e proclamándose subcampión galego dos 1.000 ml masculinos Sub 14. Conseguir así esta incrible marca por tratarse dun atleta tan novo do seu primeiro ano na categoría, é dun enorme valor, xa que o noso atleta permanecerá un ano máis nesta categoría onde seguirá formándose, aprendendo e crecendo como deportista. 

 Christian Sierpes Pereira pecharía a proba como 3º clasificado, facéndose co bronce, parando o crono en 3´ 01" 23, pegándolle un bocado á súa marca persoal de 3". Con esta xesta abandona a categoría de Sub 14, onde cambiará a principio de ano para a Sub 16. 

 A continuación as guardesas Elisa e Carmen, serían as seguintes destacadas na proba de 2.000 m lisos, impoñendo de principio a fin, un bo ritmo de carreira, entrando en meta en 1ª posición Elisa Morgado Rodríguez, proclamándose campioa galega da distancia, cun tempo de 7´ 10" 66 mellorando moito - en 27" - a súa marca persoal. 

 Sucesivamente entraría en 2ª posición a súa compañeira de equipo Carmen Magallanes Pérez, cun rexistro de 7´ 18" 30, proclamándose subcampioa galega, mellorando tamén a súa marca persoal en 10".

 Desexámoslles o mellor a estas dúas atletas o cambio para Sub 16. 

 Destacar tamén a participación da representante máis nova do equipo alí asistente, Paula Rocha Bautista, que participou na proba dos 1.000 ml Sub 12, entrando en 5ª posición cun estupendo rexistro de 3´ 31" 26, mellorando tamén a súa mellor marca que era de 3´ 38". Esperamos que na súa formación isto lle sirva de experiencia e aprendizaxe para este tipo de campionato. 

 E por último comentar que con estas 5 medallas obtidas a Sociedade Atlética do Trega faise o equipo máis forte no reconto final de metais na marcadora, dando un golpe de autoridade na modalidade de medio fondo e fondo gallego. 

 Desexarlles a  tod@s moitas felicidades polos seus éxitos e novas melloras nos seus rexistros para seguir así Equipo.

OIA

O Concello edita o libro O Mosteiro de Oia e a Virxe do Mar   

A obra foi elaborada por ACAMO baixo a coordinación do historiador Fernando Javier Costas Goberna   

O Concello repartirá entre a veciñanza exemplares do libro como agasallo de Nadal  

De esq. á der.: o historiador Fernando Javier Costas Goberna e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, na presentación do libro


Infogauda / Oia

  O Concello vén de editar o libro O Mosteiro de Oia e a Virxe do Mar, unha publicación que ve a luz co gallo do 250 aniversario da colocación da figura da virxe no camarín do Altar Maior da igrexa parroquial de Santa María de Oia.  

 A obra, elaborada pola Asociación Cultural Amigos de Mosteiro de Oia (ACAMO) foi presentada no Salón de Plenos do Concello nun acto no que participaron a alcaldesa, Cristina Correa Pombal, xunto co coordinador e autor dos textos, o historiador Fernando Javier Costas Goberna.   

 A rexedora local agradeceu o traballo de todo o equipo que participou na elaboración da obra e louvou este tipo de iniciativas por “achegarnos á nosa historia e coñecer as nosas tradicións". O Concello repartirá entre a veciñanza exemplares do libro como agasallo de Nadal.  

 Pola súa banda, o coordinador do estudo explicou que a obra é froito do “traballo coral” de varios anos por parte dun equipo composto por membros de ACAMO e varias institucións, como a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, o Real Mosteiro de Oia, a igrexa parroquial, a Comisión de Festas de Santa María de Oia e o propio Concello.  

 En canto á obra, sinalou que “permite situarse no contexto do achado (en 1581), do seu traslado ao Convento e posterior traslado a Salamanca” así como doutros fitos como a súa volta a Oia, a colocación inicial da talla no altar da Virxe do Rosario e a posterior e definitiva no camarín do Altar Maior (1770), onde permanece na actualidade.   

 “A Virxe do Mar, patroa de Oia, está inseparablemente unida á vida monacal do mosteiro situado na parroquia de dito nome”, lembrou Costas Goberna.  

Sobre o libro  

 O libro fai unha completa e amena revisión de fontes escritas, orais, gráficas e bibliográficas, incluíndo novas referencias e achegas documentais.  

 A través de todas estas fontes, o traballo de investigación resultante permite coñecer o momento da aparición da figura da Virxe en Oia e no Mosteiro para entender mellor as circunstancias e repercusións do achado da figura, de orixe inglesa e aparecida na Punta Orelluda en 1581. Tamén achega informacións sobre a historia máis recente e da celebración das festas en homenaxe á Virxe, desde a época monacal ata a actual.  

 Por outra banda, a obra afonda no estudo da imaxinería relixiosa do templo parroquial e aborda a problemática da conservación deste tipo de bens. Nese senso, o libro lembra que “a inquedanza polo mantemento deste patrimonio está xustificada porque forma parte da nosa historia e das nosas tradicións ancestrais”, tendo en conta ademais que se trata de imaxes de extraordinario interese artístico e histórico”. 

O ROSAL

Roi Alfonso Tojo proclámase vencedor do V Concurso de Xoves Intérpretes “Antonio Granja” 

Antonio Granja entregoulle a Roi Alfonso Tojo o trofeo, realizado polo artesán rosaleiro Xuxo Malone

 Agrupación Musical do Rosal

 Este certame naceu fai 7 anos ca firme intención de incentivar o estudo dos xóvenes músicos galegos, especialmente os da abundante e exitosa canteira da Agrupación Musical do Rosal. Nesta edición participaron un total de 31 músicos chegados de diferentes puntos da xeografía galega. 

 Durante a fin de semana foron moitos os pequenos e grandes artistas que fixeron as delicias do público asistente ás audicións deste consolidado concurso. Así, na mañá do sábado participaron 20 aspirantes ós premios das categorías A (para solistas de entre 10 e 12 anos) e categoría B (de entre 13 e 16). Os gañadores foron Thai Otero Iglesias (violoncello) e Rubén Guerreiro Álvarez (saxofón) respectivamente. O xurado, formado por David González, Sara Pumar e Fernán Rodríguez, decidiu outorgar accésits a Álex Fornos, Antía Domínguez e Xiana Aldea polas súas interpretacións. 

 Xa durante a xornada dominical, os asistentes, puideron desfrutar dos participantes da categoría C (para solistas de entre 17 e 23 anos). O xurado formado nesta ocasión por Xabier Oliveira, Óscar González e Esteban Méndez, decidiu outorgar o 3º premio “Concello do Rosal” ó tuba Rubén Fernández, o 2º premio “Rodrigo Carrera” o percusionista Jorge Denis e o 1º premio, dotado con 500 € e un concerto como solista ca prestixiosa banda rosaleira ó saxofonista Roi Alfonso Tojo. 

 

                 Antonio Granja e membros do xurado cos participantes premiados
 

 Este certame pretende render unha merecida homenaxe a Antonio Granja, un dos membros fundadores da banda e que foi presidente durante moitos anos da Agrupación Musical do Rosal. O propio Antonio, emocionado, entregaba o trofeo, realizado polo artesán rosaleiro Xuxo Malone, ó gañador do concurso, non sen antes contar ó público asistente unha das moitas anécdotas que viviu como presidente da banda.

TOMIÑO

O Concello de Tomiño agradece a Protección Civil o seu traballo durante o 2020  

Un cheque-agasallo para mercar no comercio local substituíu a tradicional cea de Nadal 

 

A alcaldesa Sandra González e o concelleiro de Seguridade, Ismael Troncoso cos voluntarios da Agrupación Local de Protección Civil

 

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño quixo agradecer aos voluntarios da Agrupación Local de Protección Civil o seu gran traballo desinteresado en favor da veciñanza do concello de Tomiño.  

 Tradicionalmente o goberno municipal organiza coa agrupación unha cea anual como forma de agradecemento polo seu labor, mais a pandemia actual impediu que o acto fose posible este ano. No seu lugar a alcaldesa Sandra González e o concelleiro de Seguridade, Ismael Troncoso, entregaron uns vales de agasallo para gastar no comercio local do municipio, un sector que desde o Concello tamén consideraron prioritario apoiar este Nadal.  

 Desde a institución municipal reiteran a importancia que ten o labor realizado pola agrupación, especialmente nun ano complicado coma o actual. Os voluntarios desempeñaron un papel fundamental en labores relacionados coa pandemia como a entrega de medicamentos e alimentación ás persoas maiores, axudando a controlar o acceso e a mobilidade de persoas en probas e eventos deportivos ou desenvolvendo labores asistenciais en accidentes de tráfico e incendios, entre moitos outros.

CULTURA

A Xunta de Galicia e o Concello de Mondariz-Balneario colaborarán para recuperar a Fonte de Troncoso  

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde, José Antonio Lorenzo, visitaron este ben catalogado, obra do arquitecto galego Antonio Palacios 

O conxunto, que acaba de ser cedido ao Concello por decisión xudicial, presenta problemas de conservación debido á falta de mantemento

 


Infogauda / Mondariz-Balneario

 A Xunta de Galicia e o Concello de Mondariz-Balneario colaborarán na recuperación e rehabilitación da Fonte de Troncoso, un ben catalogado e protexido que conta con importantes problemas de conservación. Así o anunciaron hoxe nunha visita o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde da localidade, José Antonio Lorenzo, á que tamén acudiu a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Mª Luisa Piñeiro.

 O conxunto, proxectado polo arquitecto galego Antonio Palacios Ramilo a comezos do século XX, acaba de ser cedido ao Concello de Mondariz-Balneario por decisión xudicial e presenta un estado moi deteriorado, o que fai preciso intervir sobre ela.

 Agora, ambas institucións colaborarán xuntas para recuperar este conxunto e poñer en valor o legado de Antonio Palacios, o arquitecto do Porriño que conta con numerosas obras tanto en Galicia, como no resto de España.

 Durante a súa visita, o titular de Cultura da Xunta subliñou o valor patrimonial da Fonte de Troncoso e asegurou que apostar pola súa recuperación “supoñe tamén poñer en valor o legado do arquitecto Antonio Palacios, un dos grandes nomes da arquitectura que superou as fronteiras do seu Porriño natal e de Galicia cara a capital de España, onde deixou unha profunda e recoñecida pegada creativa”.

Reforzo dun 19% en patrimonio nos orzamentos de 2021

 Esta actuación enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia coa conservación, restauración e rehabilitación do patrimonio cultural galego. No caso da provincia de Pontevedra, o Goberno autonómico ten en marcha preto de 15 actuacións entre as que se inclúen as obras de na igrexa de Santa María a Maior de Pontevedra, a restauración do Mosteiro de Santa María de Oia, a actuación en Santo Estevo de Negros (Redondela) ou na Catedral de Tui, entre outras.

 Este compromiso reflíctese tamén nos orzamentos do vindeiro ano, onde a partida para actuacións de conservación e restauración do Goberno autonómico se incrementa nun 19%.

CULTURA

A Fundación Fraguas e o Museo do Pobo dan ao prelo a obra "Os animais de Fraguas" co apoio da Xunta de Galicia

A obra recolle un texto do polígrafo cotobadés, ata agora inédito, sobre crenzas populares arredor dos animais e está ilustrada por Miguelanxo Prado baixo dirección artística de Kiko da Silva e coordinación editorial de Fuco Sanjiao 

 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Museo e da Fundación, Xusto Beramendi, presentárona hoxe

 

Infogauda / Santiago de Compostela

 Co apoio da Xunta de Galicia, a Fundación Antonio Fraguas e o Museo do Pobo Galego dan ao prelo a obra Os animais de Fraguas, que recolle un texto do polígrafo cotobadés, ata o de agora inédito, sobre crenzas populares arredor dos animais. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da fundación e do museo, Xusto Beramendi, presentárona hoxe en San Domingos de Bonaval, nun acto no que tamén participaron Miguelanxo Prado, que ilustrou o libro, Kiko da Silva, encargado da dirección artística e Fuco Sangjiao, coordinador editorial.

 O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou “a figura de Fraguas e as súas importantes achegas ao coñecemento e á interpretación da mitoloxía popular galega por medio dunha excelsa e valiosa obra a prol da salvagarda e dinamización global da lingua e cultura galegas” e felicitou ao museo e á fundación “por seguiren traballando arreo no ronsel do noso cotobadés máis universal e por seguir impulsando o coñecemento social da súa figura e da súa obra”.

De texto inédito a libro ilustrado

 O libro ilustrado Os animais de Fraguas recupera un texto inacabado e ata agora inédito de Antonio Fraguas sobre crenzas populares arredor de distintos animais, editado coa colaboración do filólogo Antón Santamaria e ilustrado por Miguelanxo Prado baixo a dirección artística de Kiko da Silva e a coordinación editorial de Fuco Sanjiao. Nel, as linguaxes visual e textual dialogan para compartir lendas, consellos, coplas populares e crenzas arredor de animais como as cobras, o lagarto, a sabandixa, o sapo, a toupeira, as arañas, o alacrán, a denociña, o lobo, o raposo, o can, a galiña, o galo, as pegas, o cuco, do paspalló, o pimpín, o chasco, as anduriñas, a lavandeira, a carriza, o crego marelo, o corvo, a rapiña, a curuxa ou os biosbardos; en suma, dos animais de don Antón Fraguas, exemplo de quen traballou por e sempre para Galicia, por amor á nosa Terra.

CULTURA

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, o presidente da Deputación de Ourense e o presidente de Galaxia presentaron ‘Biblioteca Nós’ 

A Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia relanzan dez publicacións dos autores máis representativos da Xeración Nós  

O titular de Cultura salienta o peso da cidade de Ourense na actividade e creación cultural e a importancia deste grupo de intelectuais para a súa historia  

A reedición destes volumes enmárcase nas actividades programadas polo Goberno galego con motivo do centenario da revista 'Nós'  

A mostra ‘Galicia, de Nós a nós’, que xa foi visitada no Gaiás por máis de 10.000 persoas, estará no Centro Cultural Marcos Valcárcel a partir do 18 de febreiro  Antes do acto descubriuse a placa co nome da Biblioteca no complexo de San Francisco 

 

Infogauda / Ourense

  O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal, presentaron hoxe en Ourense a Biblioteca Nós, unha colección de dez libros dos autores máis representativos da Xeración Nós que veñen de ser reeditados con motivo do centenario da revista Nós.

 Durante a presentación dos volumes, o titular de Cultura da Xunta salientou o peso da cidade de Ourense na actividade e creación cultural, así como a importancia deste grupo de intelectuais para a súa historia. “Falar de Ourense é facelo dunha referencia cultural, artística e literaria, dunha cidade que acolleu a numerosos escritores e poetas e que veu nacer a un dos movementos máis importantes dos últimos séculos: a Xeración Nós”, afirmou.

 Neste mesmo sentido, Román Rodríguez engadiu que a historia da cidade das Burgas está “marcada pola herdanza intelectual de Nós”. Proba disto, tal e como sinalou, é a Biblioteca Pública de Ourense, na que foron presentados os exemplares e que leva o nome de Biblioteca Nós por decisión dos propios ourensáns. “Decisións como a do nome desta Biblioteca demostra o interese e respecto de todos os galegos polo universo Nós”, destacou. Previamente á presentación dos libros, o titular de Cultura descubriu a placa conmemorativa co nome desta dotación cultural no complexo de San Francisco.

Títulos incluídos

 A colección presentada hoxe recolle dez obras dos autores máis representantes e senlleiros deste colectivo que revolucionou a Galicia do seu tempo “ensanchando as nosas fronteiras culturais e alumeando a conciencia colectiva da nosa terra”. Concretamente, os títulos reeditados en colaboración coa Editorial Galaxia son: O esquecedor mentor de Nós, de Antonio Losada Diéguez; Teoría do nacionalismo galego e Leira, de Vicente Risco; Polos vindeiros da saudade, Entre a vendimia e a castañeira e O Señorito da Reboraina, de Ramón Otero Pedrayo; Vicente Risco, de Carlos Casares; Co pensamento na patria, de Antón Vilar Ponte; Antífona da Cantiga, de Ramón Cabanillas, e Diario 1921, de Castelao.

 “Esta é unha iniciativa na que contamos co mellor aliado: Galaxia, unha editorial que simboliza a resistencia cultural do galeguismo e que está moi vencellada tanto a Nós como a Ramón Otero Pedrayo, presente na súa primeira asemblea”, subliñou o conselleiro antes de engadir que se trata dunha editorial con máis de 70 anos de historia e case 4.000 libros editados. “Galaxia dispón dun catálogo con autores ilustres como Castelao, Risco ou Cuevillas”, sinalou.

Conmemoración da efeméride

 O lanzamento desta nova colección enmárcase nos actos impulsados pola Xunta de Galicia con motivo do centenario da Xeración Nós, unha efeméride que, a pesar das dificultades da pandemia, se vén celebrando ao longo de todo o ano co obxectivo de poñer en valor a inmensa herdanza que deixaron estes referentes culturais.

 Así, a programación deseñada para esta conmemoración que se alongará ata 2021 está composta por publicacións, homenaxes, recoñecementos e exposicións entre as que se atopa a creación dunha páxina web que aglutina todos os contidos do universo Nós, ou a exposición Galicia, de Nós a nós, a gran mostra que xa foi visitada na Cidade da Cultura por máis de 10.000 persoas de xeito presencial e que chegará á cidade de Ourense o vindeiro 18 de febreiro. Así, tal e como explicou o conselleiro, as máis de 300 pezas que compoñen esta mostra e que proceden de España, Francia, Alemaña e Portugal estarán expostas no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata abril de 2021.

COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA

Feijóo apela ao novo Plan de investimentos conxuntos 2021-2027 para relanzar unha Eurorrexión máis competitiva, máis ecolóxica, máis social e máis cohesionada tras a pandemia  

Traslada a importancia de que este plan se aprobe no vindeiro plenario da Comunidade de Traballo, no que se levará a cabo o traspaso de poderes da presidencia rotatoria, que pasará á CCDR-N 


Defende o desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias e viarias que unen a ambos territorios

Salienta que grazas á intensa cooperación, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é a primeira en captación de investimento dentro do programa Interreg, chegando a captar entre 2014-2020 un investimento de máis de 131 millóns para 80 proxectos


Infogauda / Santiago de Compostela

  O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe ao novo Plan de investimentos conxuntos 2021-2027 para relanzar unha Eurorrexión máis competitiva, máis ecolóxica, máis social e máis cohesionada tras a pandemia.

 Logo dunha reunión este mediodía co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, António Cunha, Feijóo trasladou a importancia de que este plan se aprobe no vindeiro plenario da Comunidade de Traballo, no que se levará a cabo o traspaso de poderes da presidencia rotatoria, que pasará á CCDR-N.

 Durante a xuntanza, o titular da Xunta destacou tamén o traballado levado a cabo por ambos territorios para reactivar a cooperación transfronteiriza, cun plan de reactivación da cooperación de proximidade para fortalecer esta área, que inclúe adicionalmente propostas concretas, susceptibles de ser incluídas nos fondos de recuperación europeo, por valor de case 29 millóns de euros.

 Así mesmo, Feijóo defendeu o desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias e viarias que unen a ambos territorios. Ao respecto, valorou a aposta do Goberno portugués pola conexión por AVE entre Vigo e Porto, cun plan de investimentos para executar unha nova liña de alta velocidade no seu territorio.

 “Esta decisión do Goberno portugués supón un espaldarazo para as propostas da Xunta no que se refire ao Eixo Atlántico e ás propostas referidas ao Corredor Atlántico, onde a gran infraestrutura é a conectividade de Vigo como estación pasante ata a fronteira portuguesa, que ten un custo aproximado de 550 millóns de euros”, aseverou.

 Por outra banda, e no tocante ás infraestruturas viarias, o responsable do Executivo galego avogou por seguir traballando en tres liñas de actuación: a rehabilitación da ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monçao; o acondicionamento da estrada OU-540 entre Celanova e a fronteira portuguesa, un proxecto que beneficiará aos 7.000 veciños da Baixa Limia que diariamente transitan por esta vía; e a conexión por autovía entre o norte de Portugal e a estación do AVE á Gudiña.

 En relación a este último punto, salientou que a Xunta, a Deputación de Ourense e os concellos fronteirizos impulsaron unha declaración institucional para demandar que os gobernos de España e Portugal aposten por unha nova conexión de autovía entre Macedo de Cavaleiros e Vinhais coa A-52 e a estación de AVE na Gudiña. Unha infraestrutura importante para reforzar a competitividade Galicia-Norte de Portugal e para facilitar o acceso á autovía das Rías Baixas e ao AVE Madrid-Galicia.

 Por último, o presidente da Xunta incidiu na oportunidade que supoñen os vindeiros anos santos e avogou por seguir poñendo en valor o Camiño Portugués, que nos últimos once anos é a ruta xacobea que máis creceu en peregrinacións.

 Ademais de formular os retos de futuro, o responsable do Goberno galego e António Cunha aproveitaron a xuntanza para facer balance da dilatada experiencia de cooperación. Así, grazas á esa intensa cooperación, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é a primeira en captación de investimento dentro do programa Interreg, a través do POCTEP, chegando a captar entre 2014-2020 un investimento de máis de 131 millóns de euros para 80 proxectos no eido da innovación, da competitividade empresarial, da xestión dos recursos naturais e da eficiencia na administración pública.

 “Este balance acredita que somos unha Eurorrexión respectada no Comité de Rexións e consolidada”, dixo, avanzando que xa se está a traballar na nova convocatoria do POCTEP, na que Galicia participa en tres candidaturas: Atlazul, co obxectivo de potenciar a investigación e o aumento das capacidades en economía azul; Exploraterra, para poñer en valor o patrimonio cultural vinculado á I Circunnavegación e as Expedicións Marítimas Xeográficas; e Interlumes, para fomentar a cooperación transfronteiriza na prevención e defensa contra os incendios forestais.

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra iniciou este luns o reparto doutras 54.000 máscaras nos concellos da provincia e alcanza a cifra total de 266.500 dende o comezo da pandemia  

O operativo encádrase dentro da colaboración institucional coa Subdelegación de Goberno e a FEMP para distribuír o material de protección enviado polo Goberno de España 


 
Infogauda / Pontevedra  

 Os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia recibirán desde este luns un total de 54.000 novas máscaras cirúrxicas nun operativo coordinado pola Deputación de Pontevedra no marco do acordo de colaboración institucional coa Subdelegación do Goberno e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para facer chegar o material de protección aos colectivos máis vulnerables. As máscaras repártense con criterios obxectivos en función da poboación, como se vén facendo dende o comezo da pandemia.  

 Con esta son xa catro as reparticións de máscaras efectuadas pola Deputación, totalizando un total de 266.500 unidades. En concreto, a institución provincial achegou unha primeira remesa de  57.000 máscaras en maio, unha segunda de 97.500 en setembro e unha terceira de 58.000 en novembro gracias a este plan de cooperación institucional.  

 A Deputación enviou unha nova carta aos alcaldes e alcaldesas da provincia para informarlles da chegada deste novo envío destacando que o material está destinado "aos colectivos máis vulnerables do voso territorio", xunto a operarios de limpeza e residuos sólidos, traballadores/as sociais e policías locais. Ademais explica os criterios de reparto, que consisten en asignar 500 unidades aos concellos de menos de 3.000 habitantes, 800 aos que teñen ata 5.000 habitantes, 1.100 aos que contan con ata 10.000 habitantes, 1.550 aos de menos de 15.000 habitantes e, finalmente, 1.650 unidades aos concellos de ata 20.000 habitantes. As caixas, co material correspondente a cada concello, xa están preparadas e listas para o transporte que se fará, directamente, ata as casas do concello ou lugares que indique a persoa responsable de recibilas.  

 O envío forma parte do "paquete" de 17 millóns de máscaras cirúrxicas que o Goberno de España pon este mes de decembro a disposición das Entidades Locais, no marco do acordo coa FEMP, así como coas ONG e entidades sociais que loitan en primeira fila contra a pandemia. Sumadas ás xa entregadas no que vai de ano, supoñen xa un total de 55,5 millóns de máscaras repartidas polo Goberno de España,  das que as entidades locais españolas (concellos, deputacións, cabildos e consells insulares) recibiron 33,4 millóns, mentres que as ONG acadaron outros 22,1 millóns de unidades.

A GUARDA

Continúa na vila a programación de Nadal

• Os “Carteiros do Nadal” regresarán ás rúas guardesas o sábado 2, o luns 4 e o martes 5 xaneiro

• Continúan abertas as inscricións para as videochamadas cos Reis Magos no Centro Cultural ou chamando ao 986 61 18 50 en horario de 10:00 a 13:00h e de 16:00 a 19:00h.  

 

Infogauda / A Guarda

 Este martes 29 de decembro ás 17:30h, no Centro Cultural terá lugar o espectáculo musical “O Belén de Pulpiño”, do Pulpiño Viascón, pensado para todos os públicos. Marcos Aboal Vázquez, coñecido artísticamente como Pulpiño Viascón, adapta o seu divertido repertorio ás Festas do Nadal, da man de múltiples instrumentos: divertidas  repicochas galegas ou o clásico "Noite de paz" cun serrucho musical, serán o preludio para un final de show apoteósico. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 18 50 (en horario de 10:00 a 13:00h e de 16:00 a 21:00h) ou no enderezo electrónico culturaguarda@gmail.com  


 
E no mes de xaneiro, o sábado día 2
ás 17:30, o Centro Cultural acollerá a obra “O Crebanoces”, de Larraitz Urruzola. Unha representación de teatro para público infantil e familiar, duns 60 minutos de duración, inspirada no conto de Hoffmann. No espectáculo emprégase a música que creou Tchaikowsky e está deseñado para ser interpretada tanto con formación musical como sen ela. 

 

 Os “Carteiros do Nadal” regresarán ás rúas da Guarda, o sábado día 2 e luns día 4 (en horario de 17:00 a 20:00h) e o martes día 5 xaneiro (en horario: 10:30 a 13:30h ). En caso de choiva esta actividade terá lugar no Centro Cultural.  

 O martes 5 xaneiro terá lugar a visita dos Reis Magos, que farán un percorrido polas diferentes rúas da vila, onde as luces que se repartiron entre os nenos dos diferentes centros educativos da vila, os guiarán dende os balcóns e ventás das vivendas da vila. As luces, de fabricación local, son para para que os Reis Magos saiban onde teñen que deixar os agasallos, polo que hai que deixalas colocadas nas fachadas das casas.  

 Máis actividades na Programación do Nadal 2020

•    MERCADO DE NADAL 

 Na Praza de Avelino Vicente, ata o 5 de xaneiro de 2021, coincidindo coa campaña adicada ao Nadal, en horario de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 19:00h  

•    VIDEOCHAMADAS COS REIS MAGOS   

 Os días 3 e 4 de xaneiro os Reis Magos contactarán con todos aqueles nenos e nenas que o desexen. Para participar nestas videochamadas é preciso que se inscriban nesta actividade acudindo ao Centro Cultural ou chamando ao 986 61 18 50 en horario de 10:00 a 13:00h e de 16:00 a 19:00h. Unha vez inscritos se lles proporcionará un código de acceso para ingresar na web: http://www.barafundaanimacion.com/videochamadas-nadal/  unha vez alí poderán concretar as súas citas cos Reis Magos.

A GUARDA

A unidade móbil de inspección técnica de turismos visitará A Guarda 

Desde o día 23 de febreiro ao 9 de marzo

 

Infogauda / A Guarda

 A unidade móbil 6 de inspección técnica de vehículos turismos desprazarase ao Concello de A Guarda nas seguintes datas e ubicacións:  

· Do 23/02/2021 ao 09/03/2021, na Estación de Servicio San Roque (A Guarda). 

 O horario de atención será de 9:00 a 13:30 e de 15:15 a 18:00 horas.

 O servizo prestarase en horario de mañá e tarde todos os días, agás:        

· 09/03/2021 que será horario só de mañá. 

Para solicitar cita previa:  

•    Por teléfono: 902 30 90 00  

•    A través da nosa páxina web: www.sycitv.com - Cita previa  

 NOTA: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á  posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

A GUARDA

A unidade móbil de inspección técnica de vehículos agrícolas visitará A Guarda

O día 8 de febreiro, en horario de mañá e de tarde

 


Infogauda / A Guarda

 A unidade móbil 0 de inspección técnica de vehículos agrícolas desprazarase ao Concello de A Guarda na seguinte data e ubicación:  

•    Do 08/02/2021 ao 08/02/2021, na Estación de Servicio San Roque (A Guarda) 

 O horario de atención será de 9:00 a 13:30 e de 15:15 a 18:00 horas. 

 Para solicitar cita previa:  

•    Por teléfono: 902 30 90 00  

•    A través da nosa páxina web: www.sycitv.com - Cita previa  

NOTA: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á  posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

O ROSAL

O Rosal despide o ano con música, contos e visita dobre do Apalpador   

Todas as actividades serán de balde e contarán coas medidas de prevención necesarias

  


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal quere rematar o ano por todo o alto: catro actividades para todos os públicos coas que desfrutar de tempo de lecer en familia antes de despedir o 2020. Música, contos e visita dobre do Apalpador e a Apalpadora, forman parte desta programación con actividades de balde coas que se aposta pola cultura segura, xa que se celebran tomando todas as medidas de prevención acordes á situación epidemiolóxica actual, como aforo reducido, distancias de seguridade e o uso obrigatorio de máscara. 

 A primeira actividade da última semana do ano será a visita da Apalpadora de Iseo a Moura, que ven comprobar se as barrigas das nenas e nenos rosaleiros están cheas de boa comida. 

 Está sendo este luns 28 de decembro a partir das 17.00 horas na Praza do Calvario. 


 

 O martes 29 de decembro as rúas do Calvario encheranse a partir das 18.00 horas coa alegría e a música de Latexo Percusión. Un espectáculo de animación único que combina o visual da danza cos arranxos musicais baseados na batucada brasileira cos que transportarse a lugares do mundo nos que a ledicia, o ritmo e o movemento son parte da vida cotiá. 

 


 

 O día 30 de decembro será a quenda dos ‘Catro monos’ de A Tropa de Trapo, teatro para toda a familia na Praza do Calvario, tecido a través de contos con música e historias que teñen moito que dicir, cun trasfondo social e cunha vertente pedagóxica moi coidada. ‘Catro monos’ conta a historia dun símbolo nacido hai moitos anos no lonxano Oriente que viña do poder para reprimir ao pobo, os Tres Monos Sabios: un mono non oía o que pasaba ao seu redor, outro non quería ver o que tiña diante e o último calaba a boca para non dicir o que pensaba. A Tropa de Trapo dálle a volta ao conto para que os seus monos escoiten, vexan e falen, pensen, actúen e sexan catro. Ás 17.00 horas. 


 

 O ano rematará cunha nova visita do Apalpador, nesta ocasión da man da Deputación de Pontevedra. O encontro cos nenos e nenas do Rosal será o xoves 31 de decembro ás 17.00 horas na Praza do Calvario.  

 Todas estas iniciativas teñen como obxectivo ademais de ofertar unha ampla programación de Nadal segura o de dinamizar as rúas do Rosal, fomentando a presenza da veciñanza nelas e potenciando o comercio local.