O Concello de Tomiño agradece a Protección Civil o seu traballo durante o 2020
Un cheque-agasallo para mercar no comercio local substituíu a tradicional cea de Nadal
A alcaldesa Sandra González e o concelleiro de Seguridade, Ismael Troncoso cos voluntarios da Agrupación Local de Protección Civil
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño quixo agradecer aos voluntarios da Agrupación Local de Protección Civil o seu gran traballo desinteresado en favor da veciñanza do concello de Tomiño.
Tradicionalmente o goberno municipal organiza coa agrupación unha cea anual como forma de agradecemento polo seu labor, mais a pandemia actual impediu que o acto fose posible este ano. No seu lugar a alcaldesa Sandra González e o concelleiro de Seguridade, Ismael Troncoso, entregaron uns vales de agasallo para gastar no comercio local do municipio, un sector que desde o Concello tamén consideraron prioritario apoiar este Nadal.
Desde a institución municipal reiteran a importancia que ten o labor realizado pola agrupación, especialmente nun ano complicado coma o actual. Os voluntarios desempeñaron un papel fundamental en labores relacionados coa pandemia como a entrega de medicamentos e alimentación ás persoas maiores, axudando a controlar o acceso e a mobilidade de persoas en probas e eventos deportivos ou desenvolvendo labores asistenciais en accidentes de tráfico e incendios, entre moitos outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario