28 de dec. de 2020

OIA

O Concello edita o libro O Mosteiro de Oia e a Virxe do Mar   

A obra foi elaborada por ACAMO baixo a coordinación do historiador Fernando Javier Costas Goberna   

O Concello repartirá entre a veciñanza exemplares do libro como agasallo de Nadal  

De esq. á der.: o historiador Fernando Javier Costas Goberna e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, na presentación do libro


Infogauda / Oia

  O Concello vén de editar o libro O Mosteiro de Oia e a Virxe do Mar, unha publicación que ve a luz co gallo do 250 aniversario da colocación da figura da virxe no camarín do Altar Maior da igrexa parroquial de Santa María de Oia.  

 A obra, elaborada pola Asociación Cultural Amigos de Mosteiro de Oia (ACAMO) foi presentada no Salón de Plenos do Concello nun acto no que participaron a alcaldesa, Cristina Correa Pombal, xunto co coordinador e autor dos textos, o historiador Fernando Javier Costas Goberna.   

 A rexedora local agradeceu o traballo de todo o equipo que participou na elaboración da obra e louvou este tipo de iniciativas por “achegarnos á nosa historia e coñecer as nosas tradicións". O Concello repartirá entre a veciñanza exemplares do libro como agasallo de Nadal.  

 Pola súa banda, o coordinador do estudo explicou que a obra é froito do “traballo coral” de varios anos por parte dun equipo composto por membros de ACAMO e varias institucións, como a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, o Real Mosteiro de Oia, a igrexa parroquial, a Comisión de Festas de Santa María de Oia e o propio Concello.  

 En canto á obra, sinalou que “permite situarse no contexto do achado (en 1581), do seu traslado ao Convento e posterior traslado a Salamanca” así como doutros fitos como a súa volta a Oia, a colocación inicial da talla no altar da Virxe do Rosario e a posterior e definitiva no camarín do Altar Maior (1770), onde permanece na actualidade.   

 “A Virxe do Mar, patroa de Oia, está inseparablemente unida á vida monacal do mosteiro situado na parroquia de dito nome”, lembrou Costas Goberna.  

Sobre o libro  

 O libro fai unha completa e amena revisión de fontes escritas, orais, gráficas e bibliográficas, incluíndo novas referencias e achegas documentais.  

 A través de todas estas fontes, o traballo de investigación resultante permite coñecer o momento da aparición da figura da Virxe en Oia e no Mosteiro para entender mellor as circunstancias e repercusións do achado da figura, de orixe inglesa e aparecida na Punta Orelluda en 1581. Tamén achega informacións sobre a historia máis recente e da celebración das festas en homenaxe á Virxe, desde a época monacal ata a actual.  

 Por outra banda, a obra afonda no estudo da imaxinería relixiosa do templo parroquial e aborda a problemática da conservación deste tipo de bens. Nese senso, o libro lembra que “a inquedanza polo mantemento deste patrimonio está xustificada porque forma parte da nosa historia e das nosas tradicións ancestrais”, tendo en conta ademais que se trata de imaxes de extraordinario interese artístico e histórico”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario