ATLETISMO
CON CINCO MEDALLAS AUTONÓMICAS NO SEU PETO
Fantástico final de tempada atípica 2019-2020 para os atletas do Atletismo TREGA (Tomiño)
Na súa participación no XIII Campionato galego de medio fondo e fondo de inverno, das categorías de base, celebrado a pasada fin de semana en Pontevedra
Christian Sierpes, Mara Romeu, Elisa Morgado, Paula Rocha, Carmen Magallanes e Álex Sierpes
Informa: Sociedade Atlética do Trega
O pasado sábado dia 26 de decembro, o epicentro do atletismo galego da base reuniuse nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), de Pontevedra que acolleu o autonómico do medio fondo e fondo, das categorías de menores de Sub 10, Sub 12 e Sub 14 en pista ao aire libre. Debido ao Covid, o devandito campionato, cambiou a súa normal participación para o aire libre por motivos de seguridade, no canto de facelo no recinto feiral de Expourense de pista cuberta, xa que tería que haberse celebrado no mes de marzo de 2020. Dese xeito foise aprazando e pospoñéndose ata agora e ao aire libre. Aínda así o máis importante foi que se puido celebrar, despois de tantos problemas e incertezas que nos presentou o virus para finalmente poder realizalo.
A este campionato só puideron acceder os mellores especialistas de todos os clubs federados de Galicia, co único requisito de entrar os mellores 24 atletas por proba, situados con mellores marcas top-ten da clasificación galega obtidas durante o curso da tempada 2019-2020.
O campionato desagregaríase en dúas xornadas: matinal e de tarde. En xornada matinal tan só tivemos a unha atleta participante, á guardesa Mara Romeu Vicente, que nos representou nos 500 ml femininos Sub 14. Despois dunha sensacional e brillante carreira á súa máxima velocidade, entrou en meta en 2ª posición, proclamándose subcampioa galega cun rexistro de 1´ 22" 41, mellorando a súa marca persoal en 3 segundos, pechando así unha incrible tempada, onde nuns días entrará na nova categoría Sub 16.
En xornada de tarde, teriamos aos irmáns Sierpes participando nos 1.000 ml, onde saían coa segunda e terceira mellor marca da clasificación ao aire libre, con opción do podium na primeira serie, a falta de dúas series máis por disputar. Sendo unha carreira impresionante de principio a fin, cun ritmo de carreira toleado e demoledor, imposto por Damián Suárez Couto, atleta do Club Natación Cedeira, que esta vez ningún dos irmáns, puido aguantar, quedándose no 2º e 3º posto, entrando en meta Álex Sierpes Pereira en segunda posición, rebentando a barreta dos 3´ facendo unha impresionante marca de 2´ 55" 10 baixando en 5" a súa mellor marca persoal, e proclamándose subcampión galego dos 1.000 ml masculinos Sub 14. Conseguir así esta incrible marca por tratarse dun atleta tan novo do seu primeiro ano na categoría, é dun enorme valor, xa que o noso atleta permanecerá un ano máis nesta categoría onde seguirá formándose, aprendendo e crecendo como deportista.
Christian Sierpes Pereira pecharía a proba como 3º clasificado, facéndose co bronce, parando o crono en 3´ 01" 23, pegándolle un bocado á súa marca persoal de 3". Con esta xesta abandona a categoría de Sub 14, onde cambiará a principio de ano para a Sub 16.
A continuación as guardesas Elisa e Carmen, serían as seguintes destacadas na proba de 2.000 m lisos, impoñendo de principio a fin, un bo ritmo de carreira, entrando en meta en 1ª posición Elisa Morgado Rodríguez, proclamándose campioa galega da distancia, cun tempo de 7´ 10" 66 mellorando moito - en 27" - a súa marca persoal.
Sucesivamente entraría en 2ª posición a súa compañeira de equipo Carmen Magallanes Pérez, cun rexistro de 7´ 18" 30, proclamándose subcampioa galega, mellorando tamén a súa marca persoal en 10".
Desexámoslles o mellor a estas dúas atletas o cambio para Sub 16.
Destacar tamén a participación da representante máis nova do equipo alí asistente, Paula Rocha Bautista, que participou na proba dos 1.000 ml Sub 12, entrando en 5ª posición cun estupendo rexistro de 3´ 31" 26, mellorando tamén a súa mellor marca que era de 3´ 38". Esperamos que na súa formación isto lle sirva de experiencia e aprendizaxe para este tipo de campionato.
E por último comentar que con estas 5 medallas obtidas a Sociedade Atlética do Trega faise o equipo máis forte no reconto final de metais na marcadora, dando un golpe de autoridade na modalidade de medio fondo e fondo gallego.
Desexarlles a tod@s moitas felicidades polos seus éxitos e novas melloras nos seus rexistros para seguir así Equipo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario